Serigne Mbayé, español

Deportarémolo.

Esa foi a reacción inmediata da ultradereita española ao anuncio da integración do, para quen aínda teña dúbidas, CIDADÁN Serigne Mbayé, na lista electoral para a Comunidade de Madrid encabezada por Pablo Iglesias.

É dicir, que hai un partido con 52 representantes electos nas Cortes Españolas, que non dubida en manifestar a súa intención de deportar a un cidadán, compatriota, español, pola cor da súa pel; unha afirmación propia do nazismo, que lonxe de ser unanimemente criticada (mesmo podería ser directamente investigada como delito de odio), foi multiplicada por diversos altofalantes da dereita máis reaccionaria, e incluso contas oficiais da suposta dereita civilizada, que non dubidaron en aumentar o escarnio, vinculando negritude, estranxeiría, ilegalidade e delincuencia. Un totum revolutum no que sacrificaron sen pudor a verdade, a decencia e o mínimo respecto aos dereitos humanos.

Ningún cidadán pode ser expatriado do noso territorio. A confusión podería entenderse á luz dunha Lei de Estranxeiría que permite as expulsións de persoas en situación irregular e que cómpre cambiar para adecuar aos dereitos humanos

Pero disque é a liberdade de expresión, e baixo ese rótulo grandilocuente neste país caben cousas como a xenofobia, o racismo, o odio ao diferente ou mesmo afirmar que o fascismo é o lado correcto da historia. Unha fogueira de vaidades na que se pon diariamente en risco a democracia e na que vale todo salvo, iso si, meterse coa familia real, que como temos visto pode levarte a rematar na cadea.

A cuestión é que ademáis de racista, a afirmación da deportación inclúe unha ilegalidade manifesta. Ningún cidadán pode ser expatriado do noso territorio. Claro que esta confusión podería entenderse á luz dunha Lei de Estranxeiría que permite as expulsións de persoas en situación irregular e que, precisamente, cómpre revisar para adecuar aos principios básicos dos dereitos humanos.

A afirmación da deportación, leva implícita unha concepción supremacista acerca de quen forma parte do nós e quen do eles, unha concepción racial da nación francamente inaceptable. Para esta xente parece que ningún español pode ser negro. Fantasían con España unha e branca, sempre moi branca.

O portavoz do Sindicato de Manteiros, Serigne Mbaye, xunto á actriz Rossy de Palma en 2018.

Mais de acordo cos datos do INE, en España contamos cunha poboación estranxeira empadroada de 5,4 millóns de persoas e algo máis de 2,3 millóns de persoas con nacionalidade española nacidas no estranxeiro. É dicir, que podemos ter 2,3 millóns de  compatriotas como Serigne Mbayé, que, xa é hora, deben ocupar o espazo que lles corresponde nas institucións públicas;  mais tamén 5,4 millóns de persoas que teñen ese lugar practicamente vetado.

A distinción non é fortuíta, senón froito dunha lexislación determinada que establece quen é suxeito de dereitos políticos e quen carece deles, quen pode ser considerado cidadanía e quen queda relegado ao espazo invisible dos non cidadáns. Un espazo no que habitan en condicións de extrema precariedade miles de persoas que viven e traballan entre nós, coidan os nosos maiores, pagan os seus impostos e axudan, entre moitas outras cousas, a soster o sistema de pensións. Neste senso cómpre lembrar o informe presentado por UGT no ano 2019, segundo o cal os traballadores e traballadoras estranxeiras aportan o 9,9% dos ingresos da seguridade social a través das súas cotizacións, mentres que só perciben o 0,9% do gasto do sistema en forma de pensións.

No espazo invisible dos non cidadáns habitan en condicións de extrema precariedade miles de persoas que viven e traballan entre nós, coidan os nosos maiores, pagan os seus impostos e axudan a soster o sistema de pensións

Porén, se lembramos aquel «taxation without representation is tirany», como sostiña o ideario liberal dos primeiros colonos norteamericanos, poderemos constatar que unha gran parte das persoas migrantes están sometidas a esa tiranía.

Así, tanto a Lei Electoral da Comunidade de Madrid, como o resto de leis electorais españolas, establecen unha correlación de necesidade entre nacionalidade e dereitos políticos. Isto é, unicamente as persoas con nacionalidade española poden ser electores e elixibles en todo tipo de comicios. Ao tempo, os nacionais de países membros da UE poden votar e presentarse en elección municipais e europeas . E, por último, dende 2011, os estranxeiros procedentes de terceiros países cos que España teña asinado convenios especiais poden votar nas eleccións locais cando cumpran os seguintes requisitos, a saber, estar empadroados e demostrar un mínimo de cinco anos de residencia legal e ininterrompida no país.

A visibilización de Serigne Mbayé como cidadán de pleno dereito hoxe, pero cun pasado  de non dereitos, é unha magnífica ocasión para promover o debate necesario acerca da migración e a democracia

É dicir, que a lexislación electoral, acorde coa lexislación migratoria e a lexislación de estranxeiría, delimita un espazo de non dereitos para millóns de persoas coas que compartimos territorio reducindo a súa consideración a traballadores visitantes perfectamente substituíbles.

Nese sentido a visibilización de Serigne Mbayé como cidadán de pleno dereito hoxe, pero cun pasado próximo de non dereitos, é unha magnífica ocasión para promover o debate necesario acerca da migración e a democracia. A oportunidade para rebelarnos contra o feito de que os dereitos políticos nos estean reservados a un colectivo privilexiado e uniforme que non é real. O momento de avanzar nunha concepción verdadeiramente inclusiva da cidadanía.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail