Cifuentes como a guerreira de Mad Max 2

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Vexo a Cristina Cifuentes e vexo, coas diferencias todas que queiran a valquiria aquela de Mad Max 2. A guerreira loura que atrae todas as miradas: as dos motarras, os seus inimigos, que queren asaltar o fortín dos bos; as de Mel Gibson, por moi de duro que vaia, e as dos espectadores, uns atraídos pola súa fachenda de amazona arroutada, e outros por como dará mantido impoluto o seu traxe de combate branco naquela poeira de deserto, e derramando tanto sangue como se derramaba. Vexo a Cifuentes e adiviño tras dela a sombra da guerreira, encarnada por Virginia Hey, que cae derrubada do camión no que escapa con Mel Gibson cando a vitoria case se tocaba coas mans, despois de superar mil e unha perrerías.

Cristina Cifuentes non atravesou o deserto australiano pos apocalíptico, pero si mantivo impoluta a súa branca clámide de guerreira centrista no medio da lameira que montou o Partido Popular de Madrid nas últimas décadas e do saqueo das institucións que gobernaban. A súa brancura relucía sen que a salpicara nin a corrupción nin as puñaladas e as patadas voadoras que eran a constante na organización, pese a que levaba desde a maioría de idade metida na súa sala de máquinas. Mesma sobrevoou coma un anxo etéreo unha controvertida xestión como delegada do Goberno en Madrid, con clamorosos erros profesionais –non sei se políticos- como cando sinalou como culpables dos enfrontamentos entre deportivistas e ultras do Fronte Atlético no Manzanares a «unos trescientos elementos pertenecientes a una escisión de Resistencia Galega». Máis ou menos como asistir a unha voda de Game of Thrones cun vestido de Pronovias e saír sen mancha ningunha.

O mérito de Cristina, como de moitos políticos novos, é o de ter chegado ata onde están practicando a mediocridade necesaria como para resistir e ir subindo, e prometendo unha potencialidade nunca demostrada

Inocencia a proba de lume? Centrismo inoxidable? En realidade, o mérito de Cristina, como de moitos políticos novos, é o de ter chegado ata onde están practicando a mediocridade necesaria como para resistir e ir subindo, e prometendo unha potencialidade nunca demostrada. Nesta país inzado de avogados do estado, rexistradores da propiedade e corredores de comercio, pódese quedar de promesa kennediana con só andar en moto, ter unha tatuaxe, deixarse ver nun concerto de Russian Red e declararse adicto ao Call of Dutty. Se despois pensas como a túa tía Pura, a de Segovia, dirixente da Adoración Nocturna e simpatizante de Vox, tanto ten.

Por iso Cifuentes non cae empuxada polos votos dun electorado que debería demostrar que algo lle importa que rouben impunemente, e que xestionen mal os seus impostos, aínda que sexa para dar a oportunidade de que os xestionen mal outros. Non cae tampouco defenestrada polo seu propio partido, como lle pasou a algún, cando un dos dous (o cargo ou o partido) se estrañan de verse no mesmo proxecto, igual que quen pola mañá, despois dunha noite movida de máis, descubre que comparte cama con alguén ao que non se achegaría de día.

Se Cristina Cifuentes acaba caendo como Virginia Hey do camión embaixo, atravesada polas frechas é, como na película -e agardo non destripar final ningún dun filme estreado en 1981- porque mentres atacan o camión cisterna, que resulta estar cheo de area, os que de verdade seguen tendo a cobizada gasolina do poder escapan noutra dirección nun autobús, como quen vai nunha excursión do Imserso. «Hacerse la rubia» ten tamén os seus inconvenientes.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail