No episodio das Womansplainers desta semana, patrocinado por PuntoGal, acompáñanos a María Sabucedo, amiga womansplainer na diáspora que vén opinar forte connosco sobre «non nais».
O 93,5% das mulleres de menos de 30 anos na Galiza non ten fillos. Ademais, as estatísticas tamén amosan que, no noso país, as mulleres teñen menos fillos dos que desexarían. Moitas mulleres que quererían ter unha crianza non teñen ningunha e outras moitas que teñen unha ou dúas gostarían de ter máis. Os motivos que levan as mulleres a non seren nais son moi diversos: non querer, non poder, precariedade laboral ou a dificultade de acceso a tratamentos de fertilidade, entre outros.
Por outra banda, a decisión voluntaria das mulleres que non queren ser nais non adoita ser respectada. Moitas, sobre todo chegada certa idade, mesmo son sometidas a presións sociais para teren crianzas. Son infantilizadas e tachadas de egoístas, recibindo comentarios indesexados que, na maioría dos casos, nin sequera teñen en conta a súa situación vital.
Por último, conversamos sobre o dó das «non nais» e as mortes perinatais. O tabú presente ao redor deste tema dificulta a realización dun labor sensibilizador ao respecto e favorece as carencias no sistema sanitario que impiden tratalo correctamente.
Agardámosvos, coma cada semana, na vosa plataforma dixital favorita!