Desde as fotos con Marcial Dorado ao pacto con Vox en Castela e León e a acusación ao Goberno de beneficiarse de impostos que xestiona a Administración autonómica, o presidente galego segue empeñado na súa estratexia de eludir responsabilidades en cuestións da súa competencia e en culpar a outros dos seus propios erros e decisións polémicas
A Coruña.- Se se utiliza a súa propia terminoloxía conceptual, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo leva anos forrándose literalmente cos tributos de titularidade autonómica que gravan a actividade social e económica dos galegos e as galegas.
Os tributos que dependen da Axencia Tributaria de Galicia (ATG) son unha decena, entre eles os impostos sobre transmisións patrimoniais, sobre os actos xurídicos documentados, de sucesións e doazóns, sobre o patrimonio; o tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas; o canon eólico; os tributos sobre o xogo…
Durante o ano 2020, segundo os últimos datos dispoñibles, a ATG recadou impostos por valor de 540,5 millóns de euros. Foi un 9% menos que no 2019, por mor da crise derivada da emerxencia sanitaria. A iso hai que sumar o que Galicia ingresa por impostos estatais que logo se transfieren a Galicia, como o 100% do imposto especial sobre a electricidade e o 58% do imposto especial sobre hidrocarburos. Só nos dez primeiros meses do 2021, a recadación fiscal en Galicia ascendeu a 6.793,5 millóns de euros, un 14,6% máis que no 2020, o equivalente a máis de 2.500 euros por habitante.
É probable que este ano a Xunta baixe a recadación porque, a pesar da crise, Feijóo decretou unha rebaixa fiscal nos impostos e tramos da súa competencia que beneficia sobre todo a quen máis teñen, bonificando un 25% o imposto sobre o patrimonio, que xa tiña un mínimo exento de 700.000 euros, e as declaracións da renda con base liquidable superior a 27.700 euros. O salario medio en Galicia no 2020 foi de 19.900 euros, segundo a Axencia Española de Administración Tributaria, e a pensión media, segundo a Seguridade Social, foi de 925,24 euros o pasado mes de febreiro. A segunda máis baixa de todo o Estado despois de Estremadura.
As declaracións de Feijóo asegurando que o Goberno español está a «forrarse» cos impostos sobre a luz e as gasolinas indignaron á oposición en Galicia. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, do PSOE, lembrou que os impostos serven ao Executivo central «para facer política social, igual que a Xunta», e que utilizar ese argumento na campaña de primarias dun partido supón «cruzar o límite». A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que Feijóo siga de xira electoral en plena crise de prezos e asegurou que Galicia «non merece» a un presidente máis «ocupado en resolver as leas internas do Partido Popular que de resolver os problemas dos galegos e as galegas».
O certo é que se aceptamos que os Gobernos se forran cando ingresan fondos para cubrir as súas necesidades de gasto, hai que aceptar tamén que o de Feijóo se forrou especialmente endebedando á Administración autonómica. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), a débeda da comunidade creceu un 226% desde que el accedeu á Xunta. Dos 4.453,8 millóns de euros do segundo trimestre do 2009 –Feijóo tomou posesión en abril dese ano– pasou a 11.259,4 millóns no terceiro trimestre do 2021. É dicir, do 7,9% a máis do 18,5% do PIB da comunidade.
Os impostos e o endebedamento, con todo, non serviron para mellorar servizos púbicos esenciais como a educación e a sanidade, que viron como entre o 2009 e o 2021 se pechában o 10% das camas de hospital e o 10% dos centros escolares en Galicia, ou os coidados -en Galicia non se constrúe unha residencia pública de maiores desde o 2008 e o 80% das prazas públicas están xestionadas por empresas privadas-.
Sanidade, educación e política social son competencias exclusivas da Xunta, pero o Executivo de Feijóo adoita forrar o seu discurso con reproches ao Goberno central e á oposición para derivar as súas responsabilidades e culpar a outros dos problemas causados polos recortes e a falta de investimentos. Durante o primeiro curso escolar da pandemia tras o confinamento, vicepresidentes e conselleiros autonómicos chegaron a asegurar que a falta de medios para aplicar as restricións polo covid nos colexios era culpa do Goberno, e que as mortes masivas de anciáns nas residencias eran culpa da vicepresidencia de Asuntos Sociais que entón ocupaba Pablo Iglesias.
O propio Feijóo, cuxo Goberno leva lustros contratando médicas e enfermeiros por semanas e mesmo días, culpou ao Executivo de Sánchez da falta de profesionais sanitarios e do caos na atención primaria, cuxa xestión compete en exclusiva á Xunta e baixo cuxo mandato viu reducido o seu orzamento nun 20%.
Para Feijóo, que foi capaz de culpar ao PSOE de que o seu partido pactase con Vox a entrada da ultradereita no Goberno de Castela e León, a estratexia de responsabilizar aos demais dos seus propios fracasos e das súas decisións polémicas foi a tónica habitual da súa xestión en Galicia. A principios deste ano dixo que se a multinacional Alcoa decidira abandonar a produción de aceiro na planta de San Cibrao (Lugo) era pola «falta de planificación» do Executivo de Pedro Sánchez, e non do seu en Galicia. O artigo 30 do Estatuto de Galicia di, literamente, que «corresponde á comunidade autónoma galega (…) a competencia exclusiva das seguintes materias: Un. Fomento e planificación económica en Galicia. Dous. Industria».
Iso tamén serve para o peche da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez. Mentres Feijóo ría as grazas de Mariano Rajoy sobre o seu primo negacionista do cambio climático, a UE avanzaba na descarbonización. Trece anos despois da chegada de Feijóo, a planta de Endesa pechou deixando a 1.500 familias na rúa, entre empregos directos e indirectos destruídos, sen que a Xunta tivera ideada alternativa ningunha.
Feijóo ten insinuado en varias ocasións que a culpa de ir de vacacións cun narcotraficante e de que o fotografasen no seu iate non era súa, senón de quen non o avisou de que Marcial Dorado se dedicaba ao que se dedicaba e de que había decenas de portadas e telexornais que recolleran o seu procesamento nas operacións máis soadas contra o contrabando e o tráfico de drogas.
O certo é que esa estratexia parece que segue funcionando. O mes pasado, Feijóo volveu culpar ao Goberno de que Galicia perdese o 30% das axudas á hostalería pola crise sanitaria, cando era o Goberno central o que as financiaban e a Xunta só tiña que administralas. Tamén criticou que a repartición de fondos Next Generation da UE discriminaba a Galicia, cando se propia Administración tiña deixado sen executar preto de 600 millóns de euros do período anterior.
Este mesmo mércores, a conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana, pediu ao Goberno «medidas fiscais» para paliar as consecuencias da subida de prezos dos carburantes, que deixaron á frota amarrada a porto. Sucede que o gasóleo para pesca está exento de impostos en toda España, e que o que reclaman os pescadores son axudas directas a quen ten competencias na materia. É dicir, ao Goberno de Feijóo.