Fuxida deica a pandemia final? Algunhas propostas

Pouco despois do brote de ébola de 2014, Bill Gates anticipara nun agora hiperviralizado TED Talk a situación que vivimos desde que hai un ano a Organización Mundial da Saúde declarara, o 11 de marzo de 2020, a pandemia ocasionada polo brote da Covid-19. Maior alcance aínda tivera o premio Nobel da Paz, Al Gore, co seu documental An Inconvenient Truth (2006), unha das maiores contribucións internacionais ao espertar da conciencia climática, na que se pon de relevo como os catastróficos efectos do quecemento global, incluídos aqueles en conexión coas enfermidades víricas, son resultado da acción humana, causa e solución do problema. Mais aló da era do pensamento máxico, polo menos neste eido, sabemos o que está a acontecer e coñecemos tamén a maneira de poñerlle remedio.

A finais do ano pasado, Amin Maalouf relataba en Nos frères inattendus unha historia que, como a charla de Gates, inevitablemente, lémbranos a actual situación pandémica que de feito fora declarada apenas uns poucos meses antes da súa publicación. Na obra, traducida ao catalán e ao castelán, unha civilización herdeira da antiga Grecia, a dos irmáns de Empédocles, acode ao rescate dunha humanidade situada ao borde do cataclismo (nuclear, nesta ocasión). As respostas perante a «inesperada» situación global xorden da man de Ève e Alec, artistas, escritora e debuxante, autoconfinados desde antes desta nova crise global nunha diminuta illa deserta do Atlántico. Realidade vs. Ficción? Quen supera a quen?

A contrapartida castiza a Maalouf ben podémola atopar na exitosa Los asquerosos de Santiago Lorenzo (2018) na que Manuel, despois de acoitelar un policía antidisturbios disposto a propinarlle unha malleira máxima, agóchase nunha aldea abandonada da España baleirada. Desde alí, o noso protagonista elixe o ensimesmamento, redefine o sentido da austeridade e reformula o noso actual modelo de vida, o propio dos denominados «mochufas», representantes arquetípicos dunha mal chamada civilización… a mesma que denuncia Al Gore? Como Manuel, na senda de Ève e Alec, agora todos queremos marchar vivir ao campo pero con que finalidade? Para seguir a facer de «mochufas»? U-la conciencia?

Byung-Chul Han, filósofo e ensaísta surcoreano  experto en estudos culturais e profesor da Universidade das Artes de Berlín.

Tamén na filosofía, Byung-Chul Han fálanos en La sociedad del cansancio (2012) da perda da capacidade contemplativa e de como a autoexplotación, á que o individuo se somete sen necesidade de imposición, voluntariamente, apoiado nunha suposta liberdade, resulta nunha forma moito máis eficiente e sofisticada de produtividade. En el enjambre (2014), apunta tamén a unha dixitalización que co ruído e a incoherencia permanentes (léase Twitter e as fake news) destrúe o silencio que precisan a reflexión e a construción da propia alma, impedíndonos a formación dun contrapoder que poña en cuestión a orde establecida.

Pola sua banda, Franco «Bifo» Berardi sintentiza en The Uprising. On poetry and Finance (2012) o seu pensamento contra o neoliberalismo que, desde unha crítica á noción de recuperación económica, anticipa anos de protesta e violencia e invita a escoller entre as prescricións do sector financiero –a costa do benestar público, da cultura e da nosa propia felicidade– ou unha nova alternativa… a de Manuel, Ève ou Alec?

Bifo fai un chamado á resistencia fronte ao culto á enerxía da que depende o mercado, por medio da creación de estruturas autónomas e a poesía como nova arma de política lingüística, en tanto que nacemento sensual do significado e o desexo, que non pode ser reducido a información nin moeda. Isto, nunha era dixital na que, como señala Han, a fin de acomodarse á linguaxe do desempeño e da eficiencia, a narrativa perde o seu significado e todo se torna enumerable e aditivo. Ambos filósofos amósanos pois unha saída similar, a que tamén, dalgunha maneira, atopamos nas personaxes de Maalouf e Lorenzo.

Franco Berardi (Bifo), escritor, filósofo e teórico dos medios de comunicación, durante a gravación dunha entrevista para a radio en liña do MACBA en 2013.

Deste outro lado da filantropía, a literatura e a filosofía, pendentes das vacinas e do estado de excepción, anulado todo resquicio de imaxinación e esperanza, o corpo social debuxa na volta á nova/vella normalidade toda a súa aspiración futura. Nunha inmediatez con cheiro a pasado, na senda da autodestrución, na que as políticas preventivas que, como outros, aconsellan Gates ou Al Gore, continuarán a ser desoídas; na que o planeta seguirá a escoar sangue sen sorte de resposta anticipada ante vindeiras crises xurdidas da cegueira e a insensatez humanas. U-la Política? A reapertura dos bares é a nosa gran prioridade estratéxica e, persoalmente, convidareivos ao vermouth. E fronte a este estendido reino de ignorancia, os irmáns de Empédocles e os seus amigos, de regreso á guarida da que seica nunca deberon afastarse para salvarnos, seguirán a gozar da receita da vida eterna. Como na ficción, esperemos que non nos abandonen por completo. Mais isto é a realidade, meu.

*Na apertura, Os pitagóricos celebran a saída do sol, óleo de Fyodor Bronnikov, (1827—1902).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail