Folga médica, memoria e responsabilidade colectiva dun médico a piques de xubilarse

Escribo estas liñas a poucos días de xubilarme tras décadas exercendo na sanidade pública. Marcho con orgullo polo vivido, pero tamén con preocupación polo rumbo que está a tomar o sistema ao que dediquei a miña vida profesional.

A folga médica iniciada este 16 de febreiro, a primeira de ámbito estatal desde 1995, expresa un malestar real acumulado durante anos de sobrecarga asistencial, burocratización e perda de atractivo da profesión, especialmente na Atención Primaria. Ese malestar existe e eu mesmo o vivín desde dentro, pero tamén observo unha deriva cara ao illamento corporativo. A reivindicación dun estatuto propio separado do resto do persoal sanitario pode parecer lexítima, mais corre o risco de romper a alianza que fixo posible a sanidade pública: o traballo conxunto de médicos, enfermaría e outros profesionais sen os que a medicina non existiría. A medicina nunca foi unha tarefa individual, senón profundamente colectiva.

Gardas, memoria e responsabilidades políticas

Denunciar as gardas de 24 horas, as xornadas abusivas e as condicións dos MIR é imprescindible, pero tamén o é dicir a verdade completa: boa parte destas condicións proceden do Estatuto Marco aprobado durante os gobernos do PP de Aznar, cuxo modelo laboral seguimos padecendo dúas décadas despois. Resulta difícil non percibir certa incoherencia cando a protesta se dirixe case exclusivamente contra o actual Ministerio de Sanidade, mentres se esquecen as responsabilidades de quen deseñou ese marco e das comunidades autónomas gobernadas por ese mesmo partido, que teñen competencias directas sobre contratación, organización e condicións de traballo. Se a indignación é selectiva e non se estende tamén a eses ámbitos de poder, a reivindicación corre o risco de perder forza moral e parecer máis un exercicio de oportunidade que unha defensa coherente da profesión e do sistema público. Se queremos cambiar de verdade este modelo, cómpre reformar o sistema asistencial que o sostén, non só mellorar a súa remuneración.

O silencio sobre o hospitalcentrismo

Ao longo da miña carreira vin como o sistema se volvía cada vez máis hospitalcéntrico, mentres a Atención Primaria perdía recursos e prestixio, convertida a miúdo nun filtro burocrático máis que no eixo vertebrador do sistema. E, con todo, é na Primaria onde se resolven a maioría dos problemas de saúde e se constrúe a relación de confianza co paciente. Sen unha Primaria forte, a sanidade pública convértese nun sistema máis caro, fragmentado e menos humano. Sorprende que este debate apenas apareza nas reivindicacións actuais.

A cuestión non é se merecemos mellores condicións —que as merecemos—, senón se esas melloras deben reforzar o sistema público ou fragmentalo.

Non todo é medicalizable

Hai tamén unha realidade incómoda: non todo é medicalizable. O aumento de consultas e visitas a urxencias por problemas leves responde a unha cultura que percibe a sanidade como un dereito inmediato e ilimitado. As urxencias hospitalarias están saturadas non só por fallos da Atención Primaria, senón tamén por unha demanda impulsiva que busca solución instantánea para calquera malestar. Un sistema universal necesita tamén corresponsabilidade cidadá e límites razoables á medicalización da vida cotiá. A saúde non depende só de máis médicos ou máis tecnoloxía, senón tamén de educación sanitaria e uso responsable dos recursos.

Entre o recoñecemento e o privilexio

Os médicos teñen unha responsabilidade singular, pero iso non debería afastarnos do resto dos profesionais nin da cidadanía. Outras profesións sanitarias tamén sosteñen o sistema e padecen precariedade. A cuestión non é se merecemos mellores condicións —que as merecemos—, senón se esas melloras deben reforzar o sistema público ou fragmentalo.

Marcho convencido de que o futuro da sanidade pública depende de reconstruír un proxecto común entre profesionais e sociedade. Despois de toda unha vida exercendo a medicina, teño clara unha cousa: a medicina pública non se salvará por privilexios profesionais, senón por responsabilidade colectiva.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail