Tripulación: Hai unha impostora entre nós. Serás ti, serei eu, será a nosa convidada Patricia Porto Paderne?
Esta semana, as Womansplainers discutimos sobre a síndrome da impostora, mal chamada con frecuencia «síndrome do impostor».
Este mal, que afectaba particularmente a mulleres en posicións de liderado ou con suceso profesional e académico, foi descrito nos anos 70 pola Dra. Pauline Clance, que o identificou coa experiencia psicolóxica de quen teme ser unha fraude intelectual e ser recoñecida como unha impostora. Falamos das nosas propias experiencias, de como e en que circunstancias nos foi infundida esa inseguridade e de persoeiros que teñen falado abertamente de padecela.
Coñecedes tamén a síndrome de Dunning-Kruger, a outra cara da moeda da síndrome da impostora, que afecta principalmente aos homes? Por que a síndrome da impostora afecta desproporcionadamente ás mulleres? E como podemos librarnos dela? Será en verdade unha inseguridade que se cura co tempo? Ou será imprescindíbel deixar de rodearse de cretinos? Axudaravos escoitar este novo episodio das Womansplainers?
Unha semana máis, estamos nas túas plataformas e en Cuac FM, co patrocinio de Puntogal.