A Coruña.- A decisión de Gonzalo Caballero —e dos socialistas galegos que o apoian— de non presentarse ao congreso que o PSdeG celebrará o próximo mes de marzo deixa o seu actual secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, como único candidato a seguir liderando o partido no peor momento da súa historia.
Con nove deputadas nun Parlamento autonómico de 75 escanos, onde a oposición ao PP de Alfonso Rueda –40 asentos– está liderada polo BNG de Ana Pontón –25 actas, a que queda é da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome–, Besteiro leva un ano á fronte da formación sen mostrar ata o de agora a forza necesaria que precisa para recuperar o electorado que lle deu as costas nas autonómicas do pasado febreiro.
Caballero é a cabeza visible da facción crítica coa actual dirección, e liderou o partido entre 2017 e 2021, cando perdeu as primarias fronte a Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, presidente da Deputación da Coruña e aliado de Besteiro. Ambos lle reprocharon entón os seus malos resultados electorais nas autonómicas de 2020, pero o certo é que con Besteiro de candidato, os de 2024 foron aínda peores. É máis, foron os peores da historia do PSdeG.
A pesar de que se esperaba que os caballeristas presentasen candidatura para o congreso de marzo, o exsecretario xeral, que recuperou a súa vida profesional como profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, anunciou este xoves en Santiago, rodeado dos seus apoios máis próximos, que de momento non exporán alternativa.
«Conivencia» de Ferraz
«Hai moita militancia que pide cambio, pero non se dan as condicións obxectivas para que poida presentarme», dixo, deslizando críticas á «conivencia» da dirección estatal do partido e dos baróns provinciais e locais coa estratexia destinada a manter a Besteiro, deseñada en Ferraz pola contorna máis próxima a Pedro Sánchez.
O PSOE móvese en Galicia nun complexo labirinto derivado das feridas que van deixando ano tras ano os sucesivos enfrontamentos entre as súas diversas faccións, e que foron especialmente sanguentas durante a etapa de mando de Formoso, que laminou os caballeristas do grupo parlamentario e impediu que os non afíns ao seu secretario de organización, José Manuel Lage Tuñas, tenente de alcalde na Coruña, puidesen optar a cargos orgánicos ou de representación aínda que tivesen o apoio maioritario da militancia.

Lage Tuñas, substituído hai uns meses por Luis Ángel Lago Lage, instou a suspensión das primarias en varias localidades –como Ourense, onde o hoxe senador Rafael Rodríguez Villarino obtivera os mellores resultados da historia na cidade–, para colocar outros candidatos próximos a el. Tamén ignorou a decisión da asemblea desa provincia para situar a caballerista Marina Ortega na cabeza de lista das xerais de 2023, e mesmo expedientou con ameaza de expulsión o deputado autonómico Martín Seco, secretario local de Arteixo. A razón foi que insinuara no Parlamento de Galicia que se votaba a favor dunha iniciativa do PP non era por convicción, senón por acatar disciplinadamente a decisión da dirección de Formoso.
Tamén están expedientados seis concelleiros de Santiago que o pasado 24 de xuño si romperon a disciplina de voto para apoiar unha ordenanza para a regulación das vivendas de uso turístico impulsada pola Alcaldía de Goretti Sanmartín, do BNG. Moitos militantes enténdeno como inxusto, dado que se trataba dunha norma fundamental e apoiada por boa parte da cidadanía progresista local para combater a subida dos alugueiros na capital autonómica.
De perfil
A postura ambigua e de perfil que a dirección de Besteiro adoptou para encarar outros debates en voga no país, como a pretensión da Xunta e da papeleira portuguesa Altri para instalar unha fábrica de celulosa en Palas de Rei, ou o derivado do acordo do PSOE con ERC sobre a cota catalá, que para moitos socialistas profundará no déficit de financiamento que sofre a comunidade, contribúen a sementar a idea de que o PSdeG ou non ten proxecto para Galicia ou, cando menos, non sabe comunicalo acertadamente.
O principal reto de Besteiro é que esas feridas empecen a cicatrizar, porque de momento seguen supurando. E iso lastra as posibilidades de recuperación do PSOE galego, que goberna dúas deputacións–Lugo e A Coruña– e as súas cidades máis grandes –Vigo, A Coruña e Ourense– grazas aos seus pactos co BNG, porque nas municipais de 2023 só foi o máis votado en cinco dos 313 municipios que conforman Galicia. Móvese nunha pinza de votos demasiado ampla, como demostran os resultados que o secretario xeral obtivo nos últimos procesos electorais.
Gonzalo Caballero: «Hai moita militancia que pide cambio, pero non se dan as condicións obxectivas para que poida presentarme»
Con el á fronte, o partido perdeu seis deputados no Parlamento autonómico e 46.000 votos con respecto aos máis de 253.000 que obtivera Caballero en 2020. Só uns meses antes, nas municipais de maio de 2023, os socialistas tiveran máis de 420.000 sufraxios en Galicia. Subiron a máis de 480.000 nas xerais que se celebraron ao mes seguinte, pero Lugo, onde Besteiro era o cabeza de lista ao Congreso, foi a circunscrición onde o PP obtivo os mellores resultados de España.
Iso tamén alimenta o discurso dos populares galegos, cuxa secretaria xeral, Paula Prado, aproveitou este xoves para torpedear o PSOE: «Está enfrontado en combates e debates sobre o liderado dun Gómez Besteiro que segue sen estar moi cómodo en Galicia e que marcou todos os récords negativos no que se refire a resultados electorais».