En 1948, George Orwell describiu no seu libro 1984 o fenómeno que denominou «dobrepensar», é dicir, a facultade de soster dúas opinións contraditorias ao mesmo tempo, dúas crenzas contrarias sostidas simultaneamente. O dobrepensar faise consciente e inconscientemente á vez, pois ten que ser preciso sen ser falso. O dobrepensar implica contar mentiras crendo sinceramente nelas; esquecer calquera feito que non conveña ata que sexa necesario de novo, e só daquela sacalo do esquecemento, pero soamente mentres conveña; e negar a realidade sen esquecer en ningún momento que esta realidade existe.
Os seguidores do presidente electo Donald Trump son fieis practicantes desta disciplina, pois é necesario para ser fan seu asumir que a metade das cousas que di se contradín entre elas, aínda que ambas teñen que ser verdade para que o seu discurso teña sentido.
Por exemplo, o de estar en contra do matrimonio gay e ter os Village People actuando na inauguración. Ou asegurar unha e outra vez que os seus aliados non teñen nada en contra das minorías á vez que se escoita como berran botándolle a culpa do incendio en Los Ángeles ao feito de que a xefa dos bombeiros é unha muller.
Ou cando se definiu a si mesmo como político en xullo de 2015 e dixo que non o era en agosto do mesmo ano. Ou cando pasou de denominarse demócrata (1990, 2004) a republicano (1999, 2015). Ou cando dixo que escoitaba os expertos e logo que non os escoitaba, con menos de dous meses de diferenza. A pesar da falta de claridade, coherencia e cohesión no discurso de Donald Trump, e de moitos outros líderes de dereita extrema, parece ser que os seus seguidores sempre atopan escusas cheas de contradicións para el: «non, é que non o entendemos».
Non, é que ten un plan segredo que só el coñece, pero tamén fala espontaneamente, así que non se lle poden ter en conta as cousas sen sentido que di. É un home do pobo malia ser millonario e fillo de millonarios. É o mellor home para idear un plan económico a pesar de declarar a bancarrota seis veces. É un home que quere defender as mulleres malia que foi acusado de abusos sexuais en numerosas ocasións… É o candidato dos valores tradicionais e da familia, por moito que se divorciara en dúas ocasións e que tivera cinco fillos con tres mulleres distintas.
Esta capacidade para soster dous feitos contraditorios como válidos simultaneamente denota a fe cega e confianza absoluta que os seguidores de líderes coma Trump teñen neles. Resulta extremadamente preocupante ao lembrar que case todos senten unha paixón sen límites por desacreditar as institucións tradicionais da democracia, a prensa, os xulgados, e incluso as forzas da orde como o FBI e as organizacións internacionais como a Organización Mundial da Saúde.
Donald Trump, Make America Hate Again. 2015-2016. Richard F. Brush Art Gallery.
Se non confían na prensa, nin nas universidades, nin nos centros de investigación, nin nas estatísticas, nin nas reportaxes independentes, nin nas ONGs, nin na ONU ou Amnistía Internacional, nin nos xuíces ou os xulgados, nin en calquera membro do partido que non lle dea a razón a el, nin nos membros do seu primeiro goberno, nin nos membros do Senado ou a Cámara de Representantes, nin nos expertos, a única fonte de información restante é o mesmo Trump. E se soamente se fían del para dicir a verdade, o que pasa é que a democracia depende exclusivamente do seu estado de ánimo, e chegamos a situacións como a que tivemos o 6 de xaneiro de 2020, cando os seus seguidores, inflamados polas constantes acusacións de fraude electoral, asaltaron o Capitolio para intentar parar o traspaso do poder a Joe Biden.
Este nivel de confianza é demasiado para unha soa persoa, un poder absoluto que ninguén debería darlle a ninguén. Coma dixo Lord Acton, o poder corrompe, e o poder absoluto corrompe absolutamente.