Desesperación na residencia A Raiola: «Os internos pasaron trece horas mexados e cagados ata o pescozo»

Familias e traballadores do centro de Santiago que a Xunta se nega a intervir alertan da súa dramática situación, sen persoal sanitario, con 34 dos seus 39 internos contaxiados e oito dos seus catorce xerocultoras e auxiliares de baixa por covid

A Coruña.- Os residentes do centro para maiores A Raiola O Hórrreo, en Santiago, atópanse nunha situación crítica e desesperada pola a escaseza de persoal de coidados que provocou o masivo brote de covid detectado a principios deste mes na residencia.

Así se desprende das denuncias da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e dá Dependencia (REDE) e do testemuño dunha persoa que traballa no centro, ao que tivo acceso a Luzes-Público e que describe unha situación dramática que inclúe internos mal alimentados, pasando fame, desatendidos e abandonados durante horas nas súas camas entre ouriñes e feces.

O virus infectou 34 dos 39 usuarios da Raiola e polo menos a dez traballadoras, entre elas oito das catorce xeroculturas e auxiliares, que atenden directamente os anciáns, e unha enfermeira do centro, que se atopan de baixa pola enfermidade.

«Esta noite [polo venres pasado] estaban sen cambiar, mexados e cagados ata o pescozo, as sabas empapadas… Pasaron así trece horas», afirma a citada fonte, que explica que aos anciáns non se lles fixeron os dous cambios de cueiros programados á unha e ás catro da madrugada, nin os dous cambios posturais que evitan que desenvolvan lesións se non teñen forzas ou reflexos para moverse durante a noite.

Concentración de REDE, en novembro pasado / Foto: REDE

A testemuña tamén describe a crítica situación sanitaria que provoca a falta de persoal de enfermería, e que afecta aos que teñen difcultades para defecar. «Fórmanselles fecalomas porque as feces quédanselles adheridas ás paredes do intestino, teñen moita dor e sofren moitísimo para expulsalas» sen o tratamento especializado adecuado, engade.

Polo menos dous internos estarían nesa situación. Un deles, que levaba dous días sen ir ao baño, pasou ademais un día enteiro na cama sen comer, entre mareos e sen que ninguén se interesase pola súa situación.

Segundo a versión á que tivo acceso este diario, a dirección da Raiola restaría importancia aos feitos alegando que cada residente conta co médico de cabeceira que lle asigna o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e co persoal de enfermería adscrito a el. Se un residente tivese problemas, «serían o médico ou a enfermeira quen terían que desprazarse» para tratalos. Algo que non sucedeu.

A Xunta asegurou o pasado venres que a situación na Raiola e na residencia de Bembrive, en Vigo, onde están de baixa outras trece traballadoras por un brote que afecta a 106 dos seus 150 internos, é de «normalidade e tranquilidade» xa que a maioría dos usuarios están asintomáticos ou só presentan síntomas leves.

Segundo a Consellería de Política Social, que dirixe Fabiola García, a Xunta non atendería á petición das familias de intervir os centros porque que o seu criterio para facelo non é o número de positivos, senón «a capacidade das residencias para xestionar e velar polo benestar dos seus usuarios».

Luzes-Público volveu poñerse en contacto esta fin de semana con Política Social para saber se coñecía a situación da Raiola. «Se algún familiar, usuario ou traballador detecta unha irregularidade debe dar conta ao servizo de inspección por calquera das canles habilitadas» para que se tomen «as medidas que sexan necesarias», indicaron fontes dese departamento.

A Xunta non indicou se planea enviar ao seu equipo de inspección á Raiola, onde, segundo o testemuño ao que tivo acceso este diario, os internos tamén pasan fame. «Persoa que entre na residencia de novo, aos pouquiños dias queda no chasis. No comedor hai cristos todos os días», asegura.

Feijóo, nunha visita a unha residencia en Antas de Ulla / Foto: Xunta

A Raiola, situada no centro de Santiago a 300 metros escasos da sede do Parlamento de Galicia, é propiedade de Servizos Asistenciais Riazor SL, cuxo administrador único é Marcos Núñez Regueira. A directora é Gloria García Barreiro, ex directora da residencia DomusVi San Lázaro, onde durante as primeiras ondas da epidemia morreron 53 dos 162 internos que tiña. Segundo REDE, tres familias presentaron querelas criminais por homicidio cuxas dilixencias se instrúen nun xulgado de Santiago.

Luzes-Público tentou este domingo obter a versión da dirección da Raiola, pero fontes da empresa sinalaron que non tiñan previsto facer declaracións.

Servizos Asistenciais Riazor presume de que o centro é o estandarte dun «novo modelo» asistencial nas residencias que, en palabras de Núñez, pretende «dar voz» aos usuarios, «promover que vivan en contornas facilitadoras e que sexan donos das súas cuestións vitais».

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo, puxo recentemente a Raiola como exemplo do modelo de atención a maiores que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo planea para o futuro.

O presidente da federación de asociacións galegas de familiares de residentes, Paulino Campos, cualificou onte de «absolutamente irresponsable» a decisión da Xunta de non intervir na Raiola nin tampouco en Bembrive, da súa propiedade pero xestionada pola firma DomusVi, en mans á sua vez dun fondo de investimento e dunha multinacional francesa.

Residencia da Xunta en Bembrive xestionada por DomusVI / Foto: Street View

«Sabemos que se van producir mortes», advertiu Campos, «aínda que a preocupación das familias non é o estado clínico senón a escandalosa falta de persoal».

«En Bembrive hai catorce traballadoras contaxiadas, polo que na quenda da noite só hai tres para atender 150 persoas, máis de cen delas, infectadas». «Así é imposible garantir a súa saúde e a súa vida», subliña Campos, quen explica que a intervención que reclaman «consiste precisamente en reforzar o continxente laboral con traballadoras do Sergas e de Política Social, enfermeiras e xerocultoras ou auxiliares».

O BNG criticou nunha nota de prensa a «reiteirada e continuada» inacción da Xunta «para reforzar as medidas preventivas e as garantías sanitarias nas residencias de maiores» e alertou das «numerosas dificultades no funcionamento dos centros» que está a provocar a nova onda de covid, con máximos históricos de todos os indicadores que indican un progresivo empeoreamiento da crise sanitaria.

Fabiola García, conselleira de Política Social, nunha intervención no Parlamento de Galicia / Foto: Xunta

A Consellería de Sanidade do Goberno de Feijóo informou o domingo de que en Galicia se rexistraran máis de 7.800 novos casos de covid, que elevan a cifra actual de infectados a máis de 72.400. A incidencia a dúas semanas, que supera xa os 3.000 afectados por cada 100.000 habitantes, creceu 159 puntos nun só día.

Segundo REDE, A Raiola é a residencia con maior porcentaxe de usuarios contaxiados en toda España.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail