O PSdeG constata a súa fractura interna entre as denuncias de acoso e as acusacións de «fogo amigo» contra Besteiro

A Coruña.- As denuncias por acoso sexual contra o expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé, están a derivar nunha situación crítica no PSdeG e abrindo gretas no liderado do seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, cuxos afíns denuncian o «fogo amigo» de quen o acusan de desatender á vítima. Á cabeza dese sector crítico aparece a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, un dos principais apoios que levaron a Besteiro á secretaría xeral hai menos de dous anos e que se erixiu agora na cabeza visible do sector máis duro con el e, por extensión, coa xestión a nivel federal de casos similares no PSOE como o de Francisco Salazar.

Rey, cuxo contorna lembra que a alcaldesa afai posicionarse con rotundidade sobre as denuncias de acoso ou machismo mesmo se afectan a outros partidos ou institucións alleas ao PSOE e ao Concello da Coruña, foi a primeira en aparecer en público o pasado mércores despois de que un programa de televisión desvelara a noite anterior as acusacións contra Tomé. Nese espazo, a secretaria de organización de Besteiro, Lara Méndez, exalcaldesa de Lugo, negouse a confirmar que existisen esas denuncias, e o mesmo secretario xeral negou ter coñecemento algún das mesmas. Dous días despois, con todo, Besteiro admitiu ante a súa executiva que o pasado mes de outubro unha terceira persoa o puxera ao tanto das reiteradas advertencias dunha muller sobre o suposto comportamento inapropiado do presidente da Deputación. Este tería negado entón os feitos cando o secretario xeral lle pedíu explicacións.

Aínda que Besteiro defende que actuou con «inmediatez e contundencia» –«A miña resposta, a resposta do partido, foi clara: atender esa persoa, escoitala e [dicirlle] que animase á vítima para denunciar», dixo o venres–, as críticas á súa xestión estan a acurralalo. Na reunión da dirección dese día a súa secretaria de igualdade, Silvia Fraga, anunciou que dimitía en protesta pola xestión do caso. E este luns, a alcaldesa da Coruña encabezou un grupo de 70 mulleres do partido, entre elas varias rexedoras e portavoces e representantes históricas da formación, que asinan un manifesto no que expresan «estupor, vergoña e unha inevitable desafección» tanto polos casos de acoso como pola forma en que se manexaron, e que na súa opinión debe ser moito máis «firme, transparente e coherente» que a mostrada por Besteiro.

Adhesións

Á hora en que se terminou de redactar este artigo, o manifesto impulsado por Rey contaba xa, segundo a prensa local e rexional, con preto de 400 adhesións, entre elas as de Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade no Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, e as dos dous expresidentes socialistas da Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Precisamente, pouco antes de que estes o asinaran, a propia Inés Rey alertara nunha rolda de prensa pola mañá da falta de posicionamento dos líderes homes da formación: «Boto de menos que os meus compañeiros homes saian a falar […] Onde están os homes feministas do meu partido?».

A alcaldesa da Coruña, o presidente da Deputación desa provincia e exsecretario xeral autonómico, Valentín González Formoso, e o segundo de ambos, José Manuel Lage Tuñas –tenente de alcalde da primeira e secretario de organización do segundo–, impulsaron entre o inverno de 2023 e a primavera de 2024, xunto á facción lucense á que pertencían Besteiro e Tomé, o proceso interno que permitiu o regreso do primeiro ao liderado do PSdeG –xa o ocupaba entre 2013 e 2016–. Foi pouco despois de que derrotara a Gonzalo Caballero nas primarias autonómicas de 2021 e de que laminara o sector caballerista, con apoios sobre todo en Pontevedra e Ourense, e de que eliminara os seus representantes das listas das autonómicas de 2024. Neses comicios o PSdeG obtivo os peores resultados da súa historia: nove deputados de 75.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, o pasado venres / Foto: PSdeG

Fontes tanto do sector afín a Besteiro como do que no seu día liderara Caballero, hoxe organicamente desarticulado, e que piden a Luzes-Público resgardar o seu anonimato, sosteñen que as denuncias contra Tomé –con independencia da súa veracidade, que non poñen en dúbida– e, sobre todo, as acusacións reiteradas de pasividade contra a executiva autonómica, responden a esa manobra de «fogo amigo» concertado polos afíns a Rey e Lage Tuñas, agora desafectos ao seu antigo socio e que, na versión das citadas fontes, estarían ademais posicionándose no marco da erosión interna que os casos de corrupción e de machismo estarían a provocar sobre o liderado de Pedro Sánchez a nivel estatal. A contorna da alcaldesa desménteo con énfase, e nega expresamente outra acusación que circula entre a militancia, sobre todo a máis afín a Besteiro, e que sinala que antes de que as denuncias contra Tomé saíran á luz produciuse mesmo unha reunión para preparar a súa filtración á opinión pública.

Cun grupo parlamentario mínimo na Cámara autonómica, ante a oposición directa dunha fracción moi poderosa do partido e o silencio doutra –o alcalde de Vigo, Abel Caballero, aínda non se pronunciou–, o liderado de Besteiro tamén ten en contra non lograr de Tomé, o seu amigo persoal e ata o de agora protexido, algo máis que unha saída en falso. Aínda que o exlíder socialista de Lugo pediu a súa suspensión de militancia ata que se esclarezan as acusacións de acoso, e deixou a secretaría provincial do partido, o certo é que anunciou que se manterá como alcalde de Monforte, levando con el ao grupo dos non adscritos aos nove concelleiros socialistas do pleno municipal. Tampouco entregará a súa acta de deputado provincial, que resulta clave para que o partido poida conservar a presidencia da Deputación, onde a maioría a ten o PP –doce escanos– e onde o PSOE –dez– goberna co apoio do BNG –tres–. É dicir, que para nomear un sucesor, Besteiro, lucense e quen tamén foi presidente do organismo, precisa da aquiescencia de Tomé, que, a pesar da súa dimisión, seguirá ao mando do organismo ata que o seu relevo se resolva.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail