A Coruña.- Ao comezo da guerra de Ucraína, no inverno de 2022, Mariúpol converteuse no símbolo da resistencia á invasión rusa. Coñecida como a cidade de ferro do país, foi cercada polas tropas de Putin durante tres meses. Un par de centenares de soldados atrincheiráronse na fábrica de aceiro máis emblemática da localidade case sen auga, alimentos nin munición, freando o paseo militar que Moscova planeara ata Kiev. Nesa fábrica de aceiro empezou a traballar de adolescente Vadym Boichenko, quen co tempo chegaría a directivo da compañía tras titularse en Administración de Empresas, e quen foi elixido alcalde da localidade en 2015 e en 2020.
Boichenko, rexedor no exilio, dirixe o departamento para o desenvolvemento de municipios desocupados ou ocupados temporalmente, que prepara a reconstrución das preto de 400 cidades e localidades de Ucraína arrasadas por Rusia, moitas das cales, como Mariúpol, seguen en mans do invasor. Visita A Coruña para presentar eses plans en colaboración co Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) e o Consello Noruegués para os Refuxiados. Sentado baixo un cadro da batalla de Elviña nun dos salóns nobres do Concello, afirma que planificar a recuperación non é unha tarefa ilusoria, senón ilusionante. Que os 200.000 habitantes de Mariúpol que tiveron que fuxir recuperarán os seus fogares, como os outros 4,5 millóns de desprazados internos, que poderán algún día volver ás súas casas. Están preparados para reconstruír as súas cidades e as súas vidas.
Resulta esperanzador falar de xustiza, de reparación, de compensacións, en plena guerra e desde o exilio. Nas entrevistas sempre me preguntan: «Por que, para que o facedes?». «Realmente credes que ides volver a Mariúpol?». Si. É a miña casa. É o fogar de toda esa xente que tivo que marchar. Que se queremos volver á nosa casa? Obviamente, si. Que se quero ir ao cemiterio para visitar a tumba de pai? Por suposto. Queren volver ás súas casas os cidadáns de Mariúpol? Si. Teñen vostedes que entendelo. Son o alcalde e detrás de min hai máis de 200.000 persoas desprazadas, é a miña responsabilidade conformar esa visión futura de Mariúpol, é a demanda da comunidade que represento. E, en segundo termo, tamén é unha resposta á propaganda rusa. Imos volver, e temos un plan para facelo. É unha postura que apoian os países e as cidades europeas: ninguén vai aceptar que Mariúpol quede fóra de Ucraína. Se todos a defendemos e a expresamos con claridade, quizá non pase mañá, pero si en cinco, en dez anos. Vai pasar. Imos volver á casa, que ninguén o dubide. Cando xurda a pregunta de se estamos preparados para iso, xa teremos a resposta.
Que necesidades teñen os refuxiados interiores do seu país? En primeiro lugar, queren xustiza. E iso significa dúas cousas: o recoñecemento da traxedia que viviron, e reparación por ela. Temos que saber que necesidades teñen, en que pensan, que queren. A primeira parte do noso traballo refírese ao coidado desa comunidade de desprazados, á súa integración nesa nova realidade. En tres aspectos: primeiro, a súa inserción laboral. No caso de Mariúpol, conseguimos traballo para 5.000 persoas. En segundo lugar, proporcionarlles un servizo médico de alta calidade. E de novo seguindo o caso de Mariúpol, logramos recolocar dous hospitais da cidade, un en Kiev e outro en Dnipró. En terceiro termo, facilitarlles vivenda. Por iso estamos en España e na Coruña, para estudar as súas experiencias en vivenda social e a posibilidade de levalas a cabo en Ucraína.
«Mariúpol é a miña casa. É o fogar de toda esa xente que tiveron que marchar. Que se queremos volver á nosa casa? Obviamente, si»
Como se pode planear a reconstrución dunha cidade invadida? O que trouxemos hoxe a CESUGA é a nosa experiencia co programa Mariúpol Renace, e os doutras cidades, que elaboramos en colaboración cos nosos socios: o Banco Mundial, o Banco Europeo de Investimentos e PricewaterhouseCoopers, que nos deron o know how e o financiamento que necesitabamos. Temos dous proxectos. Un, para a reconstrución rápida: que vai ser Mariúpol en tres meses, ou en dous anos? Necesitamos 13.700 profesionais, 650 unidades de maquinaria pesada, dous anos de prazo e 750 millóns de euros. Con iso podemos estabilizar a situación para que a cidadanía poida empezar a regresar. Despois está o desenvolvemento a longo prazo, coa meta de devolver á cidade a 250.000 persoas en cinco anos. Iso custaría sobre 5.000 millóns de euros. Se falamos da reconstrución global para conseguir o número de habitantes que tiña antes da invasión rusa, é dicir, entre 500.000 e 600.000, serían 14.500 millóns de euros a 20 anos e moitísimas solucións de arquitectura que teriamos que desenvolver e implementar. É outra das razóns polas que estamos aquí, para colaborar con CESUGA [o centro imparte un grao en Arquitectura].
Parece optimista que se pregunten vostedes que vai ser Mariúpol en tres meses ou en dous anos, cando estamos en plena guerra e non hai indicios de que poida terminar. Somos optimistas e tamén realistas. Vai ser un camiño que pode tardar tres, cinco anos… Pero temos que prepararnos para a reconstrución. Os prazos dos que falo son a partir da reconquista da cidade, a partir de que Mariúpol volva ser parte de Ucraína. A experiencia do noso traballo alí xa está a ser trasladada a outras cidades e pobos que sufriron a agresión rusa, e están compartíndoas para que outras comunidades poidan desenvolver os seus plans de reconstrución. Todos estes plans vanse implementar a partir da data en que as recuperemos. E é moi importante que eses plans sexan comunicados á cidadanía. Os dous documentos dos que lle falei foron consultados e debatidos cos cidadáns de 21 localidades.
É unha democracia de guerra. Si, pero era absolutamente necesario. Hai que escoitar a xente e entender que queren e que necesitan. Se non, co tempo preguntarannos que faciamos durante a guerra, por que non nos preparamos para a reconstrución.
A xustiza que reclaman os desprazados, pasa por xulgar os responsables da invasión por crimes de guerra? O primeiro é recoñecer o que pasou, e despois será máis fácil tomar decisións. Estamos no Concello da Coruña, un edificio precioso. Imaxínese que alguén o ocupa e empeza a matar a todos os que traballan aquí. Un a un. A todos. Incluídos os que estamos nesta sala
Iso sucedeu no seu Concello? Iso é o que pasou en Mariúpol. Os soldados rusos cercaron a cidade, onde había 400.000 persoas, e expuxeron demandas coma se fosen un grupo terrorista. Despois empezaron a matar e a bombardear. Vostedes puideron ver na televisión como destruían o hospital materno-infantil, o Teatro Dramático Rexional do Donetsk… Nese momento pedimos que abrisen a cidade para que a xente puidese escapar, pero negáronse, porque querían tela alí para matala. Segundo os cálculos mínimos máis meticulosos, nese ataque perderon a vida máis de 20.000 persoas. Que foi iso? Foi un Estado terrorista que rodeou a cidade e matou a súa xente, nunha agresión ordenada polos responsables políticos militares e políticos de Rusia. O xefe do Estado, Putin, que deu esa orde, é o maior terrorista. Temos que definir que foi iso, e entón será máis fácil tomar o resto de decisións. Para min, foi un acto terrorista.
É Rusia a que debería pagar eses 14.500 millóns de euros que custará a reconstrución da súa cidade? A UE mantén bloqueadas contas correntes de Rusia por valor de máis de 350.000 millóns de euros. Ese diñeiro ten que destinarse á compensación e á reconstrución de Ucraína. Dinnos que é complicado, de aí a importancia de recoñecer e definir o que pasou.
«Imaxínese que alguén ocupa o Concello da Coruña e empeza a matar a todos os que traballan aquí. Un a un. A todos. Incluídos os que estamos nesta sala».
Ao longo da historial houbo moitas cidades que foron devastadas pola guerra e que, a pesar da ferida emocional por como foron arrasadas, conseguiron saír adiante: Gernika, Dresde, Volvogrado, que no seu día foi Stalingrado… Mariúpol tamén ten que ser unha insignia desa capacidade de recuperación? Se falamos da ferida emocional, direille que só dous anos despois daquela traxedia puidemos empezar a falar dela cos habitantes da miña cidade. Estaban horriblemente traumatizados e nin sequera eran capaces de falar. Estudamos as experiencias doutras cidades arrasadas, como Varsovia, Róterdan, Coventry, Dresde… Tamén para non caer nos erros nos que caeron nos seus procesos de reconstrución.
Vostede empezou a súa carreira política e profesional na fábrica de aceiro de Azovstal. Algunha vez pensou que ese lugar acabaría sendo ese espazo épico no que acabou convertido ao comezo da guerra? Azov quere dicir ferro, e é a palabra que daba nome á unidade do Exército que defendeu a cidade. Ninguén en Ucraína podiamos crer a maneira na que resistiron contra unha forza moito máis numerosa, sen auga, sen comida, sen reforzos… Sobre todo, déronlle tempo ao país, que neses tres meses puido preparar a defensa dos habitantes doutras cidades máis afastadas da fronteira. Para min ten un significado enorme, e tamén para a miña familia. O meu bisavó participou na construción da fábrica, os meus avós e os meus pais traballaron alí. Eu non fun a excepción.
Non quero pecar de melindroso, pero pódese dicir que vostedes, os de Mariúpol, tamén son de ferro? Somos xente moi forte. Mariúpol vai ser no futuro a cidade da forza, e estou seguro de que co tempo nos visitarán para sentila. Vostedes teñen moi preto de aquí outra cidade, Santiago, onde a xente peregrina para experimentar un sentimento espiritual especial. En Mariúpol tamén vai suceder iso.
Dígalle á súa concidadanía como vai ser Mariúpol en 20, 50, 100 anos… Xa acordamos con eles definilo nunha frase: unha cidade moderna, marítima e cun océano de posibilidades.
Como A Coruña. Exacto.