Ana Pontón: «Non estou en política para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar»

Santiago.-  A sede do Parlamento de Galicia, O Hórreo, é un edificio neoclásico de principios do século pasado restaurado nos anos 80 cunha reforma interior sobria e elegante, con interiores empedrados en lousa grosa e unha fermosa colección de arte. Está custodiado por un valado de aceiro oxidado en forma de afiadas lanzas triangulares, que desanima a calquera que se propoña non xa unha toma da Bastilla á galega, senón, sinxelamente, a coarse ás agochadas e esculcar sen permiso. Cando este se obtén e se accede ao interior, é unha gozada perderse polos recunchos e solisombras dos seus corredores guiado polas pinturas e esculturas que os poboan. A única mágoa é que apenas se ve o exterior desde os corredores, o hemiciclo e as estancias interiores, que dan un a un patio húmido e sombrío moi a ton co final do outono. Desde aí non se escoita a rúa, nin a choiva, e ás veces a pedra ata lamina a cobertura do móbil. Nalgúns despachos, de feito, sería imposible advertir que alguén saltou o valo.

No seu despacho, que si ten unha modesta xanela a certa altura, recibe a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en precampaña desde hai meses baixo a convicción colectiva —sexa un de dereitas ou de esquerdas, nacionalista ou non— de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantará as autonómicas a febreiro ou a marzo, e de que ela é a única alternativa para substituílo á fronte do Goberno de Galicia

Polo seu deseño, este Parlamento está moi pechado sobre si mesmo, unha metáfora bonita para preguntarlle se desde aquí é fácil decatarse do que sucede no país. O que menos me gusta é o valo, que parece unha invitación a non entrar. Dá a impresión de que este é un espazo pechado, pouco aberto á cidadanía. O que nós fixemos durante estes anos é xustamente o contrario, tentar abrilo e que a sociedade se vexa reflectida no Parlamento. Pero son anos escuros para o parlamentarismo.

Por que o di? Temos un Goberno moi opaco, que non responde preguntas, non traslada información relevante… Ocultáronnos información sobre os contratos da Xunta con Eulen, unha de cuxas directivas é irmá de Feijóo; sobre os que teñen que ver coa privatización da sanidade pública… Non só é que practiquen esa opacidade, senón que converteron o Parlamento nun espazo que non pode exercer a súa función de control ao Goberno.

Un Parlamento con maioría absoluta dun partido durante 14 anos seguidos tamén debe ser un sitio aburrido para traballar. Non diría nunca que un Parlamento é aburrido, porque debería ser o centro da vida política do país. O que pasa é que o PP fixo da súa maioría absoluta unha práctica absolutista, coma se o Parlamento fose unha terminal do partido. Hai unha deturpación do seu papel que ten que ver non coa maioría absoluta senón cunha concepción autoritaria do poder. Como o uso que o actual presidente da Xunta está a facer do seu cargo, empregando os recursos públicos e os medios da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) dunha forma absolutamente antidemocrática, como instrumentos ao servizo da súa campaña como candidato. Son mostras desa forma autoritaria de exercer o poder, dese caciquismo que sempre practicou o PP, que se agudiza porque ve en risco á súa maioría.

Está convencida de que a maioría do PP está en risco? O anterior son síntomas de que estamos diante dunha fin de ciclo e de que hai espazo para unha nova maioría, que claramente vai liderar o BNG. E estamos preparadas para darlle a este país o mellor Goberno da súa historia. Galicia necesita con urxencia un cambio e a clave é concentrar no BNG todo ese voto de cambio. Son máis que a candidata dunhas siglas, son a candidata de todos os galegos e galegas que queren un cambio que signifique que neste país as cousas empecen a ir a mellor.

«O PP fixo da súa maioría absoluta unha práctica absolutista cunha concepción autoritaria do poder»

Para que o PP non teña maioría absoluta o Bloque ten que entrar no seu electorado. Recentemente dicía vostede que hai moitas formas de sentirse galega e galego, era unha forma de pedir o voto a quen ata o de agora votaban PP? Estou convencida de que a cidadanía, en cada proceso electoral, distingue a quen debe dar o seu voto. Hai moitas formas de sentirse galego ou galega e todas son importantes para construír a Galicia que queremos. No BNG teñen cabidas todas, dá igual o que se votou noutras eleccións. O que neste momento nos une a moitas persoas é saber que Galicia necesita un cambio porque as cousas van mal. Non me gusta dicilo, pero é a realidade. Temos un problema demográfico que non se soluciona, unha crise industrial cada vez máis evidente, a xente nova segue pensando que as súas oportunidades están fóra e non aquí, a crise dos servizos públicos é cada vez peor… Hai máis de 11.000 nenos e nenas galegas sen pediatra, o 13% da poboación galega está nas listas de espera da sanidade e, no ámbito educativo, o profesorado aínda non recuperou os mesmos dereitos perdidos que no resto do Estado si lles devolveron. Son síntomas dun Goberno que está a deixar Galicia atrás.

Ana Pontón / Miguel Fernández

Cre que en xeral o electorado comparte esa visión? Tomámonos moi en serio que se visualice que hai unha alternativa para gobernar, porque isto non vai de quitarse un para poñerse outro. Trátase de que haxa unha transformación e un proxecto de país para colocar a Galicia entre as nacións máis avanzadas. Estou preparada para ser a presidenta de todos os galegos e as galegas que queiran ese cambio.

«Son máis que a candidata dunhas siglas, son a candidata de todos os galegos e galegas que queren un cambio»

Vostede leva moitos anos preparando ao BNG para convertelo en alternativa ao PP. O seu proxecto é a catro anos, ou pensa no longo prazo? Pensamos a medio prazo. Crer que imos solucionar todos os problemas nunha soa lexislatura é un horizonte reducido. Temos un proxecto a dez anos con vocación de darlle a volta a esta situación. Que nos impide que o noso sistema educativo poida situarse entre os mellores do mundo? Que nos impide ter unha sanidade pública reforzada? Ou usar os nosos recursos enerxéticos para o desenvolvemento do país? Pois quen o impide é o PP, que non ten proxecto, que está a traballar para os grandes lobbies económicos, que está a permitir que Galicia se venda a cachos sen importarlle que as cousas vaian a peor. Porque o seu proxecto é manterse no poder polo poder.

E o seu? O noso é xusto o contrario: poñer o poder galego ao servizo da sociedade, para que teñamos unha sanidade pública sen precariedades; para que os sanitarios queiran volver traballar na atención primaria, que necesita un plan de rescate; para que a enerxía estea ao servizo da sociedade… E para iso hai que parar este boom eólico depredador e pensar como planificamos o desenvolvemento desta transición enerxética. Temos que facela, pero non arrasando o medio ambiente e pasando por encima da xente. Debemos construír un novo modelo produtivo baseado no coñecemento, a investigación e a innovación, queremos ser competitivos niso, non en salarios baixos. Todo iso se pode facer, e nós estamos a traballar non desde dous meses antes das eleccións, senón desde hai anos.

O BNG vai conseguir todo iso? Teño unha cousa moi clara: non imos prometer imposibles nin aquilo que non podamos cumprir. Imos traballar cada día para dar aos galegos e galegas o mellor Goberno da súa historia e transformar este país. Galicia ten que deixar de perder e empezar a gañar, e para iso se precisa unha presidenta coas mans libres. A política de submisión a Madrid é letal desde o punto de vista político, económico e social. Nos últimos 40 anos Galicia tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais. É o momento de cambiar, de facer historia, de que por primeira vez teñamos a unha presidenta coas mans libres para defender os intereses de Galicia. A min ninguén me vai a dicir desde Madrid que podo defender ou non, sempre vou poñer por diante o interese xeral dos galegos e as galegas.

Que valor engadido tería que houbese unha muller presidindo a Xunta? Non se trata só de ser muller, senón do que queres facer. Non estou en política para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar. Con valores que están asociados ao feminismo e á confianza en Galicia e a que o podemos facer desde aquí. E sobre todo, coa vocación de poñer a Galicia entre os lugares máis avanzados do mundo. O noso proxecto non é un apéndice do que pasa en Madrid, está pensado desde e para Galicia. E ese é un valor fundamental asociado ao que o feminismo e as mulleres podemos achegar. Hai estudos que están a dicir que a muller xestiona mellor no ámbito público, como se viu durante a pandemia: aqueles países que estaban dirixidos por mulleres respondían mellor. Quizá porque nós temos o foco posto en como coidar, e toda esa parte dos coidados é fundamental. Coidar á sociedade, ao territorio, coidar do colectivo, que se está desmontando… É clave para o futuro. Podemos achegar todos eses valores desde o feminismo, pero tamén o orgullo de ser galegos e galegas, que me parece un elemento central e definitorio á hora de construír un proxecto alternativo.

«Imos a unhas eleccións galegas e as forzas estatais queren trasladar aquí as súas batalliñas. É unha falta de respecto»

Xunto aos eixos clásicos da política, esquerda-dereita e nacionalismo-non nacionalismo, parece que está a xurdir un novo eixo en torno ao feminismo. Simplificar os eixos nos que se move a política é un erro, porque moitos dos paradigmas que antes funcionaban non están a funcionar agora. En Galicia hai unha novo paradigma en torno ao BNG, onde persoas moi distintas se senten representadas nunha forma de facer política afastada de todo este ruído que vén de Madrid e desas loitas de poder interno que tan cansa teñen á sociedade. E lonxe tamén desa visión de que debemos ser unha réplica dos que pasa noutros lugares. Nós temos unha política propia, en Galicia hai unha dinámica propia, e o BNG soubo conectar con sectores sociais moi diversos que queren un futuro mellor para o seu país. Representamos a todas esas persoas que teñen a Galicia na súa cabeza e no seu corazón, e necesitamos un Goberno que teña a Galicia no seu corazón e na súa cabeza. Non é unha cuestión menor: é pensar a realidade desde o que se necesita aquí. Se queremos resultados distintos, temos que apostar por algo distinto.

Esas réplicas do que sucede en Madrid reproducíronse hai nada coa ruptura de Sumar e Podemos. Iso beneficia ao BNG, polo desencanto que poida causar esa división a poucos meses das autonómicas? Procuro ser sempre moi respectuosa coas decisións doutros espazos e forzas políticas. Non quero facer ningunha declaración que poida malinterpretarse. Pero imos a unhas eleccións galegas onde as forzas estatais queren trasladar a Galicia as súas batallitas madrileñas. É unha falta de respecto. Isto non vai de Sánchez e de Feijóo, isto vai de que sanidade queremos, que modelo territorial, de como recuperamos os nosos montes e de como cambiamos o modelo forestal, de como recuperamos as rías, de que futuro legamos á xente nova… Estas eleccións van dos galegos e as galegas, que ven no BNG unha forza política seria, unida e centrada no importante, que pon ás persoas no centro da política e que sempre acompaña cada crítica cunha alternativa. Por iso somos alternativa ao PP, porque a xente sabe que hai un proxecto transformador, unido, serio e solvente.

Ana Pontón / Miguel Fernández

A ruptura con Sumar que levou a Podemos ao grupo mixto no Congreso supuxo que ese partido quede coa portavocía que antes tiña o BNG. Non vou entrar nos seus problemas internos. Eses deputados e deputadas teñen dereito a incorporarse ao grupo mixto, pero iso non vai cambiar a importancia do papel da nosa representación en Madrid. Nesta lexislatura todos os votos contan nesa maioría absoluta alternativa á dereita e á extrema dereita, e imos seguir traballando para defender os intereses de Galicia. Demostrámolo no acordo de investidura que conseguiu o BNG para impulsar a axenda galega. Foi decisivo, e é no que imos seguir centrados.

Ten na cabeza o Goberno que sentará no Consello de la Xunta se alcanza a presidencia? Estamos preparados e preparadas para gobernar desde o primeiro minuto, e iso inclúe que Goberno e con que modelo queremos traballar. En todo caso, o primeiro é gañar este proceso electoral, romper a maioría absoluta Partido Popular. O maior fracaso que pode ter unha sociedade é cando a xente perde a esperanza. Eu quero devolver a esperanza en que en Galicia podemos facer as cousas ben e que este é un país con futuro.

A súa aposta por visualizar que son a única alternativa e que están preparadas para gobernar ten o risco de que, aínda sacando un bo resultado e crecendo en escanos, non logren romper a maioría absoluta do PP. Valorou ese escenario? Hai moita xente indecisa que necesita ver que este é un proxecto serio para gobernar e que sabemos o que queremos facer. Temos que convencer a moita xente de que o cambio é posible. Temos as cousas claras, eu síntome preparada para ser a primeira presidenta deste país.

«Estamos preparadas para gobernar desde o primeiro minuto, e iso inclúe que goberno e con que modelo queremos traballar»

Unha pregunta maliciosa: e se a maioría absoluta para facela a vostede presidenta da Xunta dependese de Gonzalo Pérez Jácome [o alcalde de Ourense, que anunciou que o seu partido presentarase ás autonómicas]? Ese escenario non se vai a dar. O que representa ese movemento é a desesperación do PP, que sabe que ten a maioría absoluta pendente dun fío. Os predicadores do «non» van dicirnos durante este campaña que non é posible, que non hai nada que facer, que as cousas van seguir igual… É unha campaña de fondo para desmovilizar a quen quere cambio.

As enquisas din que hai partido, pero que non vai ser un partido fácil. As enquisas ás veces teñen moita cociña. O que din os datos é que hai unha maioría que ve no BNG a alternativa. Claro que cada voto vai ser decisivo, aínda que estou convencida de que se todas esas persoas se moven o cambio vai ser imparable.

No libro que escribiu sobre vostede Suso de Toro sorprendeume ler que sempre foi Belén na casa, e que ata a adolescencia non empezaron a chamala Ana. Sempre fun Ana e Belén, as dúas, desde pequena. En casa, na miña familia, na miña aldea, chamábanme Belén. Pero no cole sempre me chamaron Ana.

Ou sexa, que non é Belén cando esta fóra do valo do Parlamento e Ana cando o cruza. A verdade é que non. Por falta de tempo agora podo estar menos coa miña familia e escoito máis «Ana», pero desde moi pequena me chamaron das dúas formas. E con calquera delas me sinto moi identificada.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail