Así funcionou en Galicia o modelo laboral de Feijóo: menos emprego, máis precariedade e máis desigualdade

A Coruña.- Cando foi elixido presidente do Partido Popular o pasado maio, Alberto Núñez Feijóo dixo que o seu proxecto político estaba dirixido a construír unha España «líder en crecemento, creación de emprego e competitiva, con menos débeda e déficit e máis traballo e benestar». Un ambicioso decálogo que, con todo, non só non cumpriu durante o tempo no que el gobernou en Galicia –por poñer un exemplo, triplicou a débeda pública da comunidade, que supera hoxe os 11.700 millóns de euros–. No caso do mercado laboral, a súa xestión derivou en todo o contrario ao ideario que agora expón.

As políticas de emprego aplicadas polo PP en Galicia durante os trece anos de mandato de Feijóo e os sete meses do seu sucesor na Xunta, Alfonso Rueda, conduciron a un mercado laboral máis fráxil, precario e desigual. Así se desprende das estatísticas de emprego na comunidade desde abril de 2009, cando o hoxe líder do PP tomou posesión como presidente do Executivo autonómico tras gañar a súa primeira maioría absoluta na comunidade.

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do Instituto Nacional de Estatística (INE), desde entón destruíronse 66.500 empregos. É dicir, que hai 66.500 persoas menos cotizando á Seguridade Social, cando en todo o Estado o número de afiliados se incrementou no mesmo período en máis de 1,26 millóns de traballadores e traballadoras.

A poboación activa caeu un 6,2% en Galicia durante os gobernos de Feijóo

É certo que cos gobernos do PP a taxa de paro se reduciu en Galicia en 1,3 puntos no últimos trece anos –no total estatal foron 4,6 puntos no mesmo período–. Pero ese descenso débese en boa medida a que o número de persoas en idade de traballar e que teñen un emprego ou o buscan activamente tamén se contraeu un 6,2%. Cando Feijóo accedeu á presidencia da Xunta había en Galicia 1,33 millóns de persoas con traballo ou buscando traballo. Hoxe son 82.700 menos. No total español, pola contra, a poboación activa creceu desde 2009 en máis de 223.000 persoas.

Precariedade

En canto ás condicións laborais, as estatísticas tamén rexistran un empeoramento. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), por cada traballador galego cun contrato indefinido en 2009 había 16,7 con contrato temporal. Trece anos despois, son 18,7 contratacións temporais por cada unha indefinida. E iso que a reforma laboral aprobada hai un ano no Congreso cos votos en contra –salvo un, por erro– do PP acabou con boa parte das modalidades de contratación temporal.

Ademais, no últimos trece anos aumentou o número de persoas cun emprego a tempo parcial e ten diminuído o de quen traballa a xornada completa. Segundo o IGE, os primeiros representaban menos do 12% das persoas ocupadas en Galicia en 2010. En 2021 xa eran case o 15%.

O soldo medio en Galicia está 1.166 euros por baixo da media estatal

Os salarios da comunidade seguen entre os máis baixos do Estado. O soldo medio bruto é de 22.834,66 euros ao ano, é dicir, uns 1.300 euros netos mensuais en catorce pagas. O que significa que un traballador galego medio cobra ao ano case unha paga menos que un traballador en España, cuxo soldo bruto anual supera por pouco os 24.000 euros.

Feijóo e Rueda, nunha imaxe de arquivo.

A taxa de paro entre os menores de 25 anos aumentou desde o 28,6% que rexistrou a EPA do primeiro trimestre de 2009 ata o 32,4% do terceiro trimestre deste ano. E a taxa de emprego nese grupo de idade, é dicir, o cociente entre mozos con traballo sobre o total de poboación menor de 25, caeu case 12 puntos: desde o 32,2% de 2009 ao 20,8% actual. E iso que a emigración –entre 2009 e 2021, 42.300 persoas novas de entre 16 e 25 anos deixaron Galicia– e a crise demográfica provocaron que Galicia conte hoxe con 38.000 persoas desas idades menos das que había en 2009, e de que a taxa de actividade entre as 223.000 que quedan, é dicir, o cociente entre ese número e o dos que traballan ou queren facelo, esborrallouse case 15 puntos: era do 45,1% no 2009 e é do 30,7% en 2022.

Desigualdade

O mercado laboral galego que deixa Feijóo tamén se caracteriza pola desigualdade de xénero, que nalgúns conceptos mesmo empeorou. En 2009, a diferenza entre a taxa de paro dos homes e das mulleres era de 1,8 puntos. Hoxe é de 2 puntos. Hai 22.000 mulleres máis que homes con contrato temporal; e 85.000 mulleres con empregos a tempo parcial máis que homes na mesma circunstancia.

Nos postos de xerencia e alta dirección do sector público e privado de Galicia hai o dobre homes que de mulleres. Nas profesións e oficios mellor pagos, elas só son maioría entre os técnicos e profesionais científicos e intelectuais, en relación de 1,6 a 1. Unha proporción que se dispara nos postos de traballo con menor retribución: empregos de oficina (2,3 a 1), restauración, comercio e coidados (2,5 a 1), e o que o IGE denomina «ocupacións elementais» (1,7 mulleres por cada home).

A pensión contributiva media dunha pensionista galega son 280 euros menos que a dun traballador home

A desigualdade tamén afecta a quen non traballan. Máis do 80% de quen declaran que non o fan por ter responsabilidades familiares ou estar ao coidado de fillos, discapacitados ou parentes maiores, son mulleres. Segundo os últimos datos da Seguridade Social, en Galicia había a 1 de novembro deste ano 681.097 persoas cobrando unha pensión contributiva. Máis da metade, o 50,5%, son mulleres, que cobran unha media de 911,39 euros. É dicir, un 25% menos que os 1.201,72 euros de pensión media dun pensionista galego home.

A destrución de emprego durante os mandatos de Feijóo e Rueda afecta á Seguridade Social porque hai menos traballadores cotizando e o número de pensionistas non deixa de crecer. Cando Feijóo chegou ao poder había 468.000 xubilados e 99.700 persoas inactivas recibindo unha pensión distinta á de xubilación. Hoxe son 527.200 e 134.800, respectivamente, é dicir, un 12,6% e un 26% máis.

En 2009, por cada 100 traballadores cotizando había en Galicia 102 pensionistas. Hoxe en día, por cada 100 persoas ocupadas son 110 as inactivas que cobran unha prestación de xubilación. O déficit da Seguridade Social en Galicia, é dicir, a diferenza entre o que recada en cotizacións sociais e o que paga en pensións, ascendeu a 3.965 millóns o ano pasado. En outubro deste exercicio, o déficit desde xaneiro superaba xa os 3.239 millóns.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail