Andrés do Barro volve estar de actualidade logo da publicación de Andrés do Barro. Su Disco Perdido y Todas Sus Grabaciones en Belter 1973-75 (Rama Lama, 2020), presentado en Santiago no marco do Outono Códax Festival. Un traballo no que se recuperan cinco gravacións inéditas do cantante ferrolán, ademais dunha importante cantidade de cancións tamén descoñecidas para a maioría do público. Un dobre álbum editado nun ano 2020 no que se cumpren 50 anos da publicación do seu primeiro disco, o imprescindible Me Llamo Andrés Lapique do Barro (RCA, 1970).
Estamos ante un disco de recuperación. Dun artista e da súa música menos coñecida. Andrés do Barro (Ferrol, 1947 – Madrid, 1989) é un dos grandes mitos da música galega. A el debémoslle a xénese do pop en Galicia. Un pop melancólico e atemporal con tinguiduras folk que mestura a canción popular e a modernidade. A súa música produce moitas emocións e sensacións: tristura, serenidade, pureza… é a melancolía convertida en canción.
Os seus logros non foron superados. Acadou catro números un de vendas cantando en galego en plena ditadura e en apenas tres anos. Todos eles como compositor e letrista. O primeiro número un é «O tren», single lanzado ao mercado o 3 de novembro de 1969, unha canción que representa a viaxe á terra prometida, á Galicia física, espiritual e sentimental. Nos coros, no famoso «(pi-pi-pi-pi-pi)», están entre outros, Juan Pardo, que é ademais o produtor, e Camilo Sesto. Logo virían tres números un máis: «Corpiño xeitoso», «San Antón» e «Pandeirada». Son os seus anos dourados en RCA, selo co que edita os seus dous primeiros longa duración: Me Llamo Andrés Lapique do Barro (1970) e ¡Pum! (1971).
Nestes anos, Andrés convértese nun fenómeno de masas dentro da cultura pop, acaparando portadas de revistas do máis diverso (Lecturas, Garbo, Mundo Joven, Diez Minutos…), rodando unha película xunto a Concha Velasco –En la Red de Mi Canción (Mariano Ozores, 1971)-, gravando en Roma, realizando xiras por Arxentina, México e Brasil… estaba no máis alto e o público e as vendas acompañábano.
Tralo ascenso, vén un pronunciado descenso que comeza coa súa fichaxe por Belter, selo co que edita o seu terceiro LP: Andrés do Barro (Belter, 1974). Un traballo co que rompe co pasado. Andrés estaba farto da industria musical e da mercantilización das súas composicións, polo que entrega un disco máis íntimo e puro. Con grandes cancións como «Me estoy volviendo loco», «Manuela» ou «Amor, amor». As cousas non acaban ben con Belter. A Andrés non lle convence a produción do disco e considera que non se trata nin a súa música nin a súa persoa como merecía, e que a promoción que fai o selo é deficiente. Remata o seu contrato con eles cunha serie de discos con compilación cheos de grandes cancións inéditas. Cancións que agora se recuperan neste traballo de Rama Lama que nos permite coñecer unha nova cara de Andrés. A dun autor cunha especial capacidade para emocionar dende a sinxeleza que se atreve a experimentar e buscar o seu camiño achegándose a xéneros como o gospel –«Pra Ti Xesucristo»-, o folk americano con cadencia country –«Un hombre feliz»-, a bossa nova –«Como o meu corazón é»- ou o pop atemporal –«Namoreime no Ferrol»-. Por iso é tan importante esta compilación, non só polas cinco cancións novas, senón tamén por todas estas composicións esquecidas que non formaron parte do seu terceiro LP e que son do mellor da súa produción.
As cousas non ían ben, polo que Andrés e a súa familia marchan no ano 76 a México. O grato recordo que tiña da súa estancia no país azteca no ano 72, xunto ás promesas dun manager que lle garantía importantes contratos, convénceno para emigrar. Pero pronto atopa unha realidade complexa, os contratos non se cumpren e Andrés afástase cada vez máis da música. Un loitador coma el non ía tirar a toalla tan pronto. Durante a súa estancia en México segue compoñendo cancións, cando menos un total de dezaoito que son as que grava no ano 80 ao volver a España. Andrés grava pola súa conta un álbum, que estaría destinado a ser o seu cuarto longa duración. Un álbum no que puxo todo o seu empeño e esforzo, co que quería demostrar ao mundo que podía compoñer cancións máis maduras e íntimas. Cancións coas que pretendía mostrar unha nova cara. Pero pese aos esforzos, non atopa un selo que o edite nas condicións que el esperaba, polo que o disco queda gardando po nalgún lugar. Ata o ano pasado, cando a súa filla Andrea Lapique, localiza cinco desas cancións, e o pon en coñecemento de José Ramón Pardo, director de Rama Lama, que non dubida en editalas xunto a toda a súa produción en Belter. E faino con todo luxo de detalles, en dobre LP e dobre CD, e cun extenso libreto cheo de fotografías. A nivel persoal, síntome moi afortunado de ter participado moi activamente na produción. Tanto na redacción do libreto, como no asesoramento e documentación.
As cinco cancións rescatadas do esquecemento son «Que lonxe fun», tamén en castelán -«Que lejos fui»-, «Non me enterei», «Meu país» e «Libertad». Cinco excelentes cancións nas que se mostra a evolución que estaba tendo o seu traballo como compositor e cantante. Compositor de emotivos temas que falan da súa terra e as súas vivencias, porque era un mestre comunicando, co seu persoal estilo, as emocións que el vivía.
Unha verdadeira experiencia sensorial a que supón sumerxirse nestas cancións. Escoitar «Que lonxe fun» supón unha revolución interior… «Voltar a ollar / co meu ollar / a miña imaxe reflexada no meu mar… Que lonxe fun / que lonxe estou / que lonxe fica aquelo / que é o meu corazón». Porque esta canción é un berro de rabia pero feito con saudade e agarimo. É un berro co que Andrés parece dicir, «aquí estou, de volta, e veño a reclamar o meu sitio».
E é que tralo seu pasamento, o 22 de decembro de 1989 en Madrid, á véspera dun triste Nadal, Andrés sufriu durante anos un inxusto esquecemento. Esquecemento que lle tocou vivir nos últimos anos de vida. Curiosamente son as novas xeracións as que comezan a reivindicar a súa figura con forza e a loitar por colocar a Andrés no lugar que merece, que non é outro que o do gran trobador galego do século XX. Un dos grandes impulsos prodúcese en 2007, ano no que é reivindicado como unha icona pop a través do Manifesto do Dobarrismo. Movemento que desemboca no disco homenaxe Manifesto Dobarrista: Un Disco Tributo a Andrés do Barro (Falcatruada, 2007), no que interveñen ata trinta grupos da escena galega, e nunha gran gala no Teatro Jofre de Ferrol o 15 de maio do 2007. Ese día celébrase a gala «Saudade de Ti» nun teatro cheo. A TVG emite o evento, presentado por Luís Tosar, quien tivo a axuda de Andrea Lapique, filla do cantante.
Logo viría o documental O Tren que Me Leva (Anxo Fernández, 2008) e en 2015 a súa biografía oficial Andrés do Barro. Saudade (LaFonoteca, 2015) obra dun servidor. Cinco anos despois chega o seu disco perdido. Pero o gran recoñecemento a Andrés do Barro está por vir, e non é outro que o gran recoñecemento institucional que lle debe Galicia, o Día das Letras Galegas.