As probabilidades históricas da literatura

[De Suso de Toro a David Rodríguez]

David Rodríguez fixo neste espazo unha reseña do libro Un señor elegante ben interesante e estableceu unha dialéctica co libro, mesmo co autor, fructífera.

O libro desde o punto de vista literario haino que situar dentro do contexto da obra do autor, particularmente a das últimas décadas. E desde o punto de vista cultural e histórico, que é onde Rodríguez turrou por algúns fíos que ficaron e ficarán soltos, no contexto da historia establecida da Galiza e do galeguismo.
Nesa dialéctica histórica co libro, aventurou algunha probabilidade, que quixera puntualizar agora que estou en tempo. Di el:

«É posible aducir que, na dialéctica política da época, Ramón Baltar, sogro do que será presidente da Xunta de Galicia por AP, Xerardo Fernández Albor, estaba en realidade aliñándose con aqueles que, tras o burato negro e terrible da guerra civil e a represión posterior, tratarán de cooptar, baleirándoo de contido político, o legado de Castelao e compañía.(…)
Ben pensado, nada disto contradí a hipótese de Suso de Toro sobre Ramón Baltar. A propia figura do médico compostelán pode ser considerada como o elo perdido, no interior, entre o Partido Galeguista de Castelao e a Alianza Popular-Realidade Galega de Fraga e Albor. O chanzo que non puido articularse como nacionalismo pragmático de masas e que rematou articulado como simulacro rexionalista en tempos da autonomía recobrada. Estamos, en calquera caso, no terreo da especulación, o eido no que a través da reconstrución da memoria sobre unha persoa de carne e óso se edifica un espírito»

É natural que se faga esa conxectura, eu propio representeime esa posibilidade chegado un momento e quixen saber a que aterse. Houbo algún tipo de relación entre Ramón Baltar e o desembarco na política de Xerardo Fernández Albor que, efectivamente, era xenro seu? E, nese caso, significaría que Baltar pactaba ou se integraba no círculo político de Piñeiro e a súa estratexia?

A resposta que me puiden dar é un «non» claro á primeira pregunta e, así, tamén á segunda. O valor desa resposta levántase sobre bases precarias desde un punto de vista pretendidamente científico, as testemuñas de descendentes directos e de persoas de fóra da familia. Como Ramón Baltar foi un home moi reservado e escribiu sobre temas científicos e sobre outras figuras mais non escribiu as súas memorias, teñen un valor singular as testemuñas deses descendentes directos.

Partindo de aí concluín o que penso que está máis ou menos contado no libro con recursos literarios. Tanto Antonio como Ramón Baltar eran de cultura e ideoloxía nidiamente republicana, Antón formouse máis ben no republicanismo madrileño primeiramente e, posteriormente, integrouse de vez no republicanismo galeguista do exilio. En Ramón houbo unha continuidade, a corrente laicista e un galeguismo, que chamarei natural, do seu pai, Ángel, foise concretando no seu republicanismo social claro e no galeguismo.

Antonio Baltar e familia, con Rafael Dieste en Montevideo

Os pasos posteriores, o compromiso de Ramón coa resistencia na posguerra, só é unha continuidade do compromiso coas súas fortes conviccións antifascistas e consecuencia do seu forte carácter. «Carácter enérgico» escribiu del a policía política.

As circunstancias históricas desde mediados dos anos corenta: o pacto dos aliados co Réxime fascista de Franco, a destrución militar da guerrilla polo Exército e a Guardia Civil,  a orde de abandonar a loita militar dada desde a dirección do PCE en Francia e a desarticulación total desa organización dentro de España na fin desa década dos corenta…, deixan a Ramón sen unha orientación ou referencia política. Condenado a supervivencia moral nun país destruído, corrompido e sen esperanza.

En adiante limítase ás atencións médicas solidarias e a un exercicio extenuante da profesión, a defender a asistencia sanitaria e a intentar realizar un proxecto de asistencia médica que acabou ficando obsoleto. E, tamén, a participar en iniciativas de reconstrución da cultura galega.

O sanatorio Baltar, derrubado nos anos 70

En todo ese tempo non variou as súas análises políticas e históricas. Pode ser, mesmo, que lle faltase axilidade analítica, que o seu carácter tan firme que pode ser comprendido como obstinado, lle fixese permanecer en posicións superadas polas realidades cambiantes desde o comezo dos anos sesenta.

O que é seguro é que non se integrou na estratexia do grupo Galaxia, malia colaborar economicamente no lanzamento da editorial, como antes fora fundador e promotor de Bibliófilos Gallegos, e que seguiu tendo como referencia moral e política aos compañeiros do exilio. Estivo para recuperar a casa da Matanza en Padrón ou na misa cada ano por Rosalía, co significado político que tiña, colaborando con outros galeguistas mais sen integrarse no grupo de Piñeiro e a súa estratexia.

Precisamente o libro pode ser que cuestione o relato simplificado que está instalado sobre a nosa posguerra. Non é real que todas as enerxías e todas as iniciativas para reformular e reconstruír o galeguismo pasasen polo grupo de Piñeiro. Houbo persoas, iniciativas, gromos diversos que foron ficando isolados uns dos outros ou, simplemente, fracasados. Nin sequera se pode reducir todo iso a unha dialéctica entre piñeiristas e antipiñeiristas, houbo máis liñas. Finalmente o grupo Galaxia tivo a capacidade e a oportunidade para articular unha estratexia e os medios e a tenacidade para facela efectiva. E mais é, fixéronse donos do relato histórico.

Aínda que Antón e Ramón tiveron unha desavinza na historia familiar por razóns persoais penso que claramente partillaban nas mesmas ideas e lealdades. E o trato hostil que deron os de Piñeiro a Antonio Baltar cando pasou por aquí en 1957 tamén feriu a Ramón.

Ramón Baltar non exerceu de promotor ou dirixente político nesas alturas, permaneceu sendo un referente cívico e moral, por máis que posteriormente fose desaparecendo do relato que se escribiu. Un republicano que permaneceu dentro do país sabéndose un exiliado.

Fóra da universidade de Santiago, que o rexeitou, ademais das relacións profesionais dentro e fóra da Galiza e da España, mantivo relacións corteses coa xente mais o círculo de afectos foise estreitando e acudía a recibir aos exiliados que pouco e pouco ían tornando de visita ou para establecerse. Penso que ese era o seu mundo afectivo, cada vez máis nas amizades do pasado perdido.

O doutor Xerardo Fernández Albor entrou en contacto co círculo de Galaxia a través das relacións profesionais e sociais, mais quitada a convivencia en ocasións familiares penso que debemos concluír claramente que non houbo relación de carácter político ningunha. A súa candidatura á presidencia da Xunta foi parte da estratexia de Realidade Galega de ocupar posicións e Baltar non tivo relación ningunha con iso. A ese Ramón dos últimos anos hai que imaxinalo como particularmente reservado e cortés pero completamente cerrado a compromisos.

Así pois eu diría que esa probabilidade que apuntaba David Rodríguez non existiu, non houbo achegamento ningún entre os republicanos superviventes referenciados no exilio americano e o grupo de Piñeiro. Foron dúas liñas distintas en todo momento, unha fracasou coa extinción das esperanzas do exilio, e outra triunfou e hoxe é a dona do relato e o argumento da autonomía tal como se instituíu.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail