Verín, República de Gilead

«Pode que isto no che pareza normal agora mesmo,
pero dentro dun tempo si que o será».

Margaret Atwood. O conto da criada.

«O neno estaba tentando coller o peito da nai, quitáronllo e levárono para Ourense». Non é unha escena d’O conto da criada (non podería selo con semellante topónimo). É o relato que fixo en Diario do Támega o pai de Manuel, o neno que naceu no Hospital de Verín doce días despois do peche oficial do paridoiro. Un par de horas máis tarde que Manuel, noutra ambulancia, tamén a súa nai era trasladada o CHUO. Alí permaneceu outras dúas horas sentada nunha cadeira de rodas, «mareada e sufrindo sangrados», ata que lle atoparon unha habitación. Era case mediodía cando, por fin, puido ver o seu fillo.

Así remataba o que tiña que ter sido unha noite feliz: un neno que chega ben, un parto sen complicacións… agás a velocidade na dilatación, que fai que o xefe de xinecoloxía decida non enviar a nai a Ourense. O que aparentaba unha simple decisión médica –esas que Feijóo di non contradicir nunca– converteuse, en plena madrugada, nunha peripecia dantesca para conseguir o desprazamento dunha pediatra na que tivo que intervir ata o xuíz de garda. Para que logo nos falen do colapso da xustiza…

O kafkiano da situación fixo que, por vez primeira, o presidente da Xunta admitise esa mesma mañá a posibilidade de recuar: o paridoiro de Verín volvería abrir sempre que se cubrisen as dúas prazas de pediatras que, oportunamente, acababan de convocarse no DOG. Ao día seguinte mesmo ofrecíase a contratar «antes da hora de comer» o primeiro profesional que aparecese. O concello de Verín sumaba á oferta domicilio gratis. Contrato laboral e vivenda? Igual a repoboación do rural pasa máis por isto que por recortar servizos…

A Feijóo, acurralado como poucas veces antes, acabábanselle os argumentos, que ía desbotando como se fose Groucho Marx cos seus principios. Resulta que, agora, o problema era a carencia de pediatras –da que alguén que leva gobernando unha década non pode culpar a Pedro Sánchez– e non a falla de «pericia» na que podían incorrer uns médicos que atendesen menos de 60 partos no ano. Alguén debeulle dicir que aquela era unha idea de bombeiro. Non hai problema: «se non lle gusta, teño outras».

Dende o seu ripio «un parto non é un infarto», o conselleiro Vázquez Almuíña –médico de profesión– está desaparecido, e iso que no seu día se incorporara ao Goberno galego para darlle «maior peso político». Hai outras integrantes dese gabinete que rechouchían sen parar todo canto artigo aparece na prensa concertada para defender o peche do paridoiro. A algún aínda non lle secara a tinta sobre o papel cando Manuel buscaba infrutuosamente o peito da súa nai.

Como adoita ser habitual no noso réxime, as crises galegas teñen –salvo escasas e moi honrosas excepcións– moitísimo máis eco nos medios de Madrid que nos autóctonos. Proposta para doutorandos e investigadores varios: un traballo sobre o tratamento deste asunto polas nosas históricas cabeceiras en papel (dos medios públicos xa nin falamos). Isto daría unha imaxe da nosa saúde democrática moito máis real que calquera enquisa de Tezanos.

E logo está o caso Baltar, aliñado cos veciños dende que lle viu as orellas ao lobo. Iso si, a presión do herdeiro de momento non irá máis aló das declaracións públicas e non parece que vaia tensar a corda como fixo seu pai no 2004. Daquela, Baltar Sr. ameazara con marchar do partido ­–con todos os seus deputados– en reposta á «excesiva influencia» que dende Madrid mantiña Rajoy sobre o PP galego. O nomeamento como vicepresidente primeiro da Xunta dun tal Alberto Núñez Feijóo fora unha das pingas que rebordara o vaso. A escisión freouse nunha reunión nocturna en Monte Pío á que Baltar chegou acompañado do defenestrado Cuíña. Nove meses despois, Fraga perdía a súa maioría absoluta e o goberno.

Este martes, Verín trasladará a súa protesta ás portas do Parlamento de Galicia. Estará con eles Baltar Jr? E os deputados do PP ourensán? Aínda que non vaian rachar a liña de voto oficial, cruzarán a rúa do Hórreo para poñerse tras da pancarta…?

Como a historia é así de caprichosa, outra vez faltan nove meses para as eleccións.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail