Os estadistas e o acomodador de Allariz

Hai frases felices na literatura que, coa medida dun aforismo, teñen a dimensión dun tratado histórico. Unha delas, na literatura galega, é a que di un personaxe chamado Vicentiño nun relato d’O acomodador e outras narracións, de Marcial Suárez:

-Non hai pobo no mundo que teña máis igrexas por católico cuadrado.

O personaxe refírese á vila de Allariz, onde están situados todos os contos do volume, mais a súa frase acada un irónico sentido universal que faría sorrir a calquera persoa en calquera parte. Na India, Arabia Saudita, Israel, por citar dominios de relixións diferentes, un personaxe co sentido de humor crítico do allaricense encontraría o xeito de expresar a surrealista realidade dun mundo onde segue a rexer o «supermercado espiritual». Mesmo en Allariz, esa vila que viviu unha revolución positiva, Marcial Suárez (1918-1996) podería facer hoxe a broma de «oulets espirituais».

Mais eu do que quería falar hoxe non era das igrexas senón do cinema de Allariz. Dese relato extraordinario, «O acomodador», que pecha o libro de Marcial Suárez. Como a mellor literatura, transmite unha información esencial e unha sabedoría  que xa quixera un que operase a causalidade poética de que ao ser lido en voz alta mudase o xeito de actuar dos que toman ou se dispoñen a tomar decisións nos poderes do Estado e que semellan ditadas pola máxima de Dura lex, sed lex (Dura é a lei, mais é a lei) pero que na realidade parecen axeitarse máis a outra que leva a unha deriva contraria: Summa ius summa iniuria (Suma lei, sumo prexuízo; ou mesmo a lei conducida ao extremo pode causar unha extrema inxustiza).  E que terá que ver o cinema de Allariz con todo isto?

En precario resume, e dispensando, esta é a historia. O acomodador de Allariz, Emilio O Macabeu, parecía un bo tipo. Serio, mais non malencarado. Para gañarse a vida, partillaba ese mester de acomodar no cinema co de enterrador no camposanto. El tiña conta de toda a xente que adoitaba asistir ás funcións. Un dos días de proxección, á hora de comezar, faltaba un habitual, Ricardiño, un señorito, e a súa irmá avisou que xa estaba a vir, que fora buscar a moza. Mais pasou o tempo, e non chegaba. O público do galiñeiro, maiormente mocidade, mais que nada para entreterse, entoou clásico:

-¡Que-sem-pie-ce! ¡Que-sem-pie-ce!

O acomodador intentou poñer orde, mais a protesta continuou. Até que soltou o noxo que levaba dentro e tratounos de «salvaxes» e «bestas». Os ánimos foron quentándose e o que era unha simple protesta derivou en tremendo rebumbio. Macabeu, ese día, e os seguintes, foi expulsando «disidentes». E dende o público, tamén lle fixeron algunha trasnada que o foi encirrando máis e máis. Até que un día, co cinema case baleiro e cun silencio mudo, antes de comezar a película oiuse unha voz:

-¡Macabeu, fixeches do cine outro cimeterio!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail