De manifestacións, lingüística e xenocidios

O pasado sábado, 7 de outubro, asistín en Londres á protesta pacífica por Palestina máis grande do ano. O seu obxectivo non era outro senón denunciar a continuada venda de armas ao goberno israelí por parte dos países da Unión Europea (en particular, Gran Bretaña) e esixir a súa interrupción.

O número exacto de asistentes parece evadir os medios de comunicación. A BBC é a única que cita un número concreto, 40.000 persoas, mentres todos os demais se limitan a situalo nas decenas de miles. In situ, os organizadores informáronnos de que chegou a haber 300.000 persoas na manifestación. Coma sempre, o verdadeiro número situarase con toda probabilidade nalgún punto medio.

A marcha comenzou en Russell Square e rematou en Whitehall, ao lado do número 10 de Downing Street (onde tomou residencia Keir Starmer tras as últimas eleccións), un traxecto de 30 minutos que durou en realidade catro horas e media. Á altura do Strand atopámonos cunha contraprotesta a favor de Israel que contaba con máis protección policial ca asistentes. Moi preto, a modo de contraste, os Descendentes dos superviventes do Holocausto contra o xenocidio e a Coalición xudía pro-Palestina mandaban unha mensaxe clara de apoio ao pobo palestino por parte da xente que Netanyahu di que ten en mente ao actuar.

Foi ao chocar con estes protestantes que se deron os dezasete arrestos cos que todos os periódicos de dereitas titulan os seus artigos sobre a manifestación. A protesta máis grande do ano, e o único que lles merece a pena mencionar son os dezasete arrestos que se produciron porque os manifestantes sionistas saíron do cordón policial, dato que parece non interesar aos xornalistas.

Unha vez pasada a contraprotesta, e chegados a Whitehall, comezaron os discursos. Representantes palestinos, representantes ministeriais e representantes de sindicatos e unións de traballadores subiron ao escenario para falar a favor do cesamento da venda de armas a Israel. Entre eles atopábase Jeremy Corbyn, o antigo líder do partido laborista (que goberna agora) e membro do Parlamento representante de Islington, un dos barrios de Londres.

Corbyn levou un dos aplausos máis atronadores e marcou o final efectivo da protesta. No seu discurso, alentou o goberno británico a ler as sentenzas da Corte Penal Internacional e do Tribunal Internacional de Xustiza e actuar de maneira acorde. Con todo, a parte que máis vítores provocou, e que máis nos impactou aos alí presentes, foi cando, cun tremor case imperceptible na voz, Corbyn declarou: «O motivo que Israel ten dado para o seu continuado ataque, primeiro en Gaza e agora en Líbano, é a defensa propia. A morte de 40.000 persoas, entre elas 16.000 nenos, non pode considerarse defensa propia, nin agora nin nunca».

Así, en dúas simples frases, Corbyn resumiu unha situación que o goberno de Keir Starmer leva meses evadindo, facendo vagas referencias ao «conflito en Oriente Medio», alentando ao «fin da violencia» e tendo moito ollo de non nomear culpables ou agresores, a menos que a vítima sexa Israel. Non digo isto para defender ou escusar a escala da violencia, nin moito menos, pero despois de case un mes neste país chámame poderosamente a atención a diferenza nos discursos de Starmer e nos titulares da maioría dos periódicos británicos segundo quen sexa o atacante.

Israel invade Líbano? Todo son referencias a rematar coa violencia, poñer fin ao conflito e evitar que empeore a cousa (mentres seguen vendéndolle armas ao atacante). Irán ataca Israel? Reprimenda inmediata con nome e todo, incluso con promesas de non interrumpir «nunca» o comercio de armas.
Estas mensaxes non parecen resultarlles contraditorias. Dá a impresión de que soamente un dos actores involucrados ten permitido actuar con impunidade e apoio incondicional por parte dos mesmos gobernos que piden a resolución do conflito. Polo visto, uns teñen dereito a defenderse e outros só teñen dereito a morrer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail