Unha das principais características da forma galega de ocupar o territorio é a dispersión. Malia o proceso continuo de concentración e abandono do rural, seguimos a ter unha poboación moi dispersa. Como exemplo, en Galicia hai máis de 30.000 núcleos de poboación que supoñen a metade dos que hai en todo o Estado, malia non chegarmos a ser o 6% da poboación española.
Non se precisa darlle moitas voltas para entender as consecuencias desta forma de hábitat galego. Temos, por exemplo, 17.000 quilómetros de estradas, máis do 10% das do Estado, malia ter menos do 6% do territorio. Supón que para dar unha cobertura equilibrada de servizos á poboación se precisará un investimento maior e asumir uns custes maiores de mantemento das infraestruturas e de contratación de persoal que atenda os servizos públicos.
É por iso que os gobernos galegos de toda cor política teiman en que a dispersión sexa un dos indicadores a considerar no financiamento autonómico. Teiman tamén os nosos gobernantes en que a fixación de poboación no rural é unha das chaves para desacelerar o devalo demográfico. Fixar poboación no rural. Un slogan clásico e asumido tutti quanti que podemos traducir por un apoio a manter ese hábitat disperso e asumir os custes engadidos que ten. Supón ir contra corrente da dinámica imperante de concentración que leva a xente nova a marchar cara as cidades e alén Galicia cara a emigración.
Porén, se analizamos a realidade fáctica dos investimentos, a política de servizos públicos e infraestruturas, se cadra levamos unha sorpresa. Se as dinámicas de concentración producen servizos e investimentos intensivos, localizados onde vive máis poboación, a «resistencia» da dispersión debería producir servizos e investimentos extensivos, repartidos polo territorio. Dito doutra maneira: que vaian os servizos onde está (ou propoñemos que estea) a xente, no canto de facer a xente ir lonxe (e pola súa conta) para acceder aos servizos. O que está a pasar achégase máis ao segundo que ao primeiro. Ás veces de xeito descarado e descarnado.
Vías de alta capacidade cos fondos que se detraen do mantemento de estradas comarcais, alta velocidade ferroviaria a costa de eliminar paradas intermedias, peche de oficinas bancarias coa conseguinte destrución de emprego local mentres a banca declara beneficios nunca vistos… e tamén: prazas sen cubrir durante anos nos centros de saúde, eliminación de aulas e profesorado nos colexios públicos…
O caso do ensino público paréceme especialmente grave. Porque está a ser o albo da publicidade enganosa nesta precampaña, como mostra a presentación de Rueda na Cidade da Cultura, ao estilo Landrober, dun acordo (seica histórico) para a mellora do sistema educativo de Galicia. O mesmo día que remata o debate do estado da nación no Parlamento Galego, o mesmo día en que a CIG (que representa a metade do profesorado do ensino público galego) convoca unha folga dun día para forzar a Xunta a negociar, e denuncia que ese documento imposto polo goberno non incorpora nada do solicitado pola parte sindical. Nin é un acordo, nin supón melloras. Non se trata apenas este anuncio da Xunta da hipérbole propia do momento electoral, nin un pleonasmo de verbas baleiras de cando nada tes que contar. Rueda, Román Rodríguez e o seu aparello todo, queren que traguemos as rodas de muíño como se foran hostias consagradas.
Un ensino extensivo é imprescindible para fixar poboación no rural. Manter e abrir escolas antes de que veñan as crianzas, para que veñan as crianzas, con esa visión de futuro. O que está a facer a Xunta do PP é pechar aulas antes de que que non haxa estudantes. Resolven poñendo un bus. Acelerar o devalo (demográfico) no canto de frealo. Eliminar os recursos educativos no hábitat disperso é dicirlle as familias que marchen, que o pensen ben se queren ter criaturas, que non van poder criar igual, cos mesmos servizos básicos que nos centros urbanos. Que o seu goberno as abandona á súa sorte. Que os custes da dispersión corren ao seu cargo.
Non é banal que recades fondos porque declaras uns obxectivos prioritarios. Derivar os recursos que se acadan polo indicador da dispersión a políticas claras de concentración, pode considerarse malversación de fondos públicos? Que o slogan de fixar poboación no rural se traduza en que a poboación corra cos custos engadidos de vivir no rural, non é unha forma de prevaricación? Madía leva! Así calquera fai un plan de revitalización demográfica, amigues da Xunta. Así calquera sabe que ese plan fracasará e que o discurso de «loita» contra o devalo demográfico é outra trapallada máis, seica sen consecuencias electorais, do discurso populista do PPdG.