Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
O Valle de los caídos tráeme contraditorios recordos de mocidade. Terminar a EXB no colexio Concepción Arenal de don Manuel Amigo no barrio vigués de Cabral tiña un premio que, naqueles grises anos de finais dos 70, era toda unha festa para nós, zangolotinos de provincias: a excursión de fin de curso. 7 días de autobús e hoteis pola España turística que intentaba sacar de enriba os 40 anos de ditadura.
Tiña tantas ganas de viaxar que me apuntei a tres daqueles mesmo cando xa marcharamos do colexio e pelexabamonos coa pubertade no mítico instituto do Calvario.
Aquelas excursións podíaas tes patrocinado o Fraga do «Spain´s different» porque cada ano tocábanos unha das costas das películas de Alfredo Landa: un ano, a Costa do Sol coa Marbella e o Porto Banús de Gunila von Bismarck; outro verán, a Costa Brava dunha Cataluña que aínda só pedía liberdade, amnistía e estatuto de autonomía e ao outro, o Benidorm dos rañaceos a carón da praia.
Foramos a onde foramos, a última etapa da viaxe era sempre Madrid. Un Madrid que recordo escuro, sucio e sórdido, pero ao que sempre querías volver. Unha capital de funcionarios e militares nos anos previos ao estoupido feliz da Movida que lle quitou toda a caspa.
E camiño xa de volta a Vigo, parada obrigada no Valle de los caídos; esa fría e horrenda construción no medio da serra madrileña. Seguramente, a visita tiña para a dirección do colexio un significado político, pero non recordo que nolo fixesen evidente; é máis, todas as fotos que aínda non borrei daquela época facíamolas arriba, debaixo da cruz, logo de subir no teleférico e coa paisaxe do Valle de fondo. Se fomos ver a tumba do dictador, esquecino.
Non volvín por alí e moito menos tras coñecer a historia e os terribles sufrimentos que pasaron alí miles de represaliados e asasinados polo réxime. Por iso é bo que ningún colexio que volva de excursión, poida ver de novo a tumba dun ditador nun monumento nacional.
Custounos máis de 40 anos facelo e moitos demócratas morreron sen poder celebralo, pero non esquezamos que a Transición foi unha operación de cirurxía política de alto risco nun país que non botou o ditador e no que decenas de miles de persoas foron a chorar o seu cadáver.
A momia vaise ao Pardo e España pode pasar páxina, aínda que este episodio serviunos para comprobar que aínda quedan máis franquistas dos que pensabamos, e non todos son uns vellos nostálxicos.
VOX naceu a lombos da reacción contra o procés, pero é evidente que relanzou a súa campaña coa exhumación de Franco. O PSOE tamén confía en que o fin desta historia, con ou sen helicóptero, lle reporte beneficios electorais, aínda que me dá a impresión de que o asunto está amortizado entre o electorado de esquerdas.
Quen lle ía a dicir a Franco que ía marcar unha campaña electoral 44 anos logo de ser enterrado.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán