Os gudaris galegos na Guerra Civil

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Cando a primeiros de outubro de 1936 os milicianos do batallón CNT n.º 1 Bakunin se instalan en Amurrio para ocupar posicións na fronte arabesa, non pasan para nada desapercibidos entre a poboación local, entre outras cousas, polo acento galego de moitos dos seus compoñentes. Chegan de Trintxerpe (Pasaia, Guipúscoa) e veñen de combater os sublevados polos montes e vilas de Guipúscoa.

Milicianos do batallón CNT n.º 1 Bakunin no monte Txibiarte de Amurrio, Biscaia. Fotografía da Fundación Anselmo Lorenzo.

A presenza de milicianos oriúndos de Galiza no Euskadiko Gudarostea, ou Exército de Euskadi, non é anecdótica. Aínda que non podemos asegurar o número preciso destes, a cifra supera moi posiblemente os 2000 efectivos. Ademais do amentado Bakunin é notoria a participación galega nalgúns dos 75 batallóns que completan as forzas vascas. Debido á súa idiosincrasia galaica debemos comezar polo batallón CNT n.º 6 Celta. Composto na súa meirande parte por milicianos orixinarios de Galiza, completan a unidade arabeses e navarros evadidos de territorio inimigo e, en menor medida, biscaíños. O 3 de decembro aparece no xornal comunista Euzkadi Roja a solicitude dunha bandeira «que lleve como emblema algo que simbolice la región gallega», petición feita en nome do batallón Celta polo capitán Manuel Lampón Ríos (A Pobra do Caramiñal) e o tenente José Paz Davila (galego, mais sen confirmar o seu lugar de procedencia).

O batallón Disciplinario de Euzkadi acolle entre as súas filas numerosos galegos na súa 1.ª Compañía. Esta converterase en compañía de choque e darao todo na batalla do Saibigain (do 7 ao 15 de abril de 1937). A meirande parte deles son prisioneiros de guerra, pasados e desertores das forzas fascistas, aínda que tamén hai algúns milicianos con faltas disciplinarias dos outros batallóns que conforman o Euskadiko Gudarostea.

Arredor do 10% dos homes enrolados na Mariña Auxiliar de Euzkadi eran galegos. Eran pesqueiros e bous artillados que debían facer fronte a navíos de guerra

Biscaia, co seu armamento. Fonte marinavasca.eu

E non debemos esquecer a Mariña Auxiliar de Euzkadiunha sorte de forza naval de circunstancias composta por todo un elenco de barcos de pesca, bous artillados. Arredor do 10 % dos homes enrolados nesta unidade naval son oriúndos de Galiza. O seu labor dista moito de ser sinxelo posto que deben facer fronte a navíos de guerra manifestamente superiores en todos os aspectos. Non obstante, as mostras de valor destes homes do mar teñen vocación de pretender paliar o desequilibrio existente entre os contendentes. Así, fronte ao cabo de Matxitxako (Bizkaia), o bou Nabarra gaña a pulso o protagonismo na xornada do 5 de marzo de 1937. Durante máis dunha hora oponse afouto ao cruceiro Canarias ata as derradeiras consecuencias. O bou resulta afundido e os tripulantes sobreviventes son tomados prisioneiros. O Nabarra vaille servir como cadaleito ao pontevedrés Antonio Álvarez Domínguez e ao mugardés Francisco O Cubano Fernández García.

O Bou Nabarra. Fonte Marina.vasca.eu
O Bou Nabarra. Fonte Marina.vasca.eu

 

Con Galiza como territorio controlado polos alzados dende os primeiros compases do conflito, os combatentes galegos que van nutrir as forzas vascas proveñen de diferentes zonas industriais de Euskadi, onde se asentan, sobre todo, dende principios do século XX atraídos pola demanda de man de obra. Cabe salientar especialmente a numerosa colonia galaica no barrio pasaitarra de Trintxerpe (Guipúscoa). A pesca industrial do bacallau, iniciada pola PYSBE (Pescaderos y Secaderos de Bacalao Españoles) en 1927, fai recalar en Trintxerpe a centos de mariñeiros das rías galegas dados os seus coñecementos, tanto das técnicas de pesca desta especie coma tamén do uso e reparación dos aparellos específicos para facelo. Interesan ademais á patronal porque carecen duns tecidos asociativos e sindicais que lles poidan supoñer calquera tipo de conflitos laborais.

A cousa vaise torcer para a patronal coa proclamación da II República. Os novos tempos convidan a participar no ruxe ruxe popular por conseguir vellas aspiracións sociais e laborais. Deste xeito nace a primeiros de 1933 o Sindicato de Industria Pesquera y sus Derivados (FNIP), El Avance Marino da CNT. Neste sindicato encádranse moitos dos traballadores do mar galegos e axiña van gañar merecida fama de elementos combativos. Non é coincidencia entón que entre os sectores reaccionarios da sociedade donostiarra Trintxerpe fose coñecido como «la meca del soviet rojo». Así mesmo tamén atopamos outros galegos militantes nos sindicatos controlados pola UGT: La Alianza Marítima e La Polar. Todos estes elementos fortemente concienciados constituirán en xullo de 1936 os continxentes de voluntarios para combater, primeiro nos choques acontecidos en Donostia, e logo nos montes guipuscoanos.

Nómina do Batallón Celta. Fonte: Centro de Documehtación de la Memoria Histórica

A conca mineira biscaíña é outro dos polos de atracción, xunto coa marxe esquerda do Nervión. Esta ribeira aglutina a industria pesada vasca e o movemento obreiro socialista goza alí dunha profunda implantación entre os traballadores. Localidades coma Barakaldo, Sestao ou Muskiz, por citar algunhas, van soster demograficamente moitos dos batallóns da UGT ou do Partido Comunista onde tamén temos localizados milicianos de orixe galega.

Camilo Alonso Vega, xefe militar alzado en Áraba, queixouse ao cuartel xeral de Burgos das numerosas desercións, que afectaban maioritariamente a soldados galegos e cataláns.

Por último, outro viveiro propicio para alistar novos substitutos atopámolo, coma se dixo antes, entre desertores, paisanos fuxidos por mar dende Galiza, pasados do Exército do xeneral Franco e prisioneiros de guerra. O asunto dos pasados a campo republicano por profesar ideas esquerdistas trae verdadeiros quebracabezas á oficialidade golpista. A frecuencia coa que se dan as evasións na fronte de Áraba leva ao tenente coronel Camilo Alonso Vega, xefe militar alzado na provincia, a dirixir un escrito ao cuartel xeral de Burgos para denunciar unha práctica que xa lle preocupa en exceso. Nas unidades despregadas as desercións afectan maioritariamente a soldados galegos e cataláns. O militar aduce para explicar as causas «a una gran propaganda oculta en la retaguardia».A prensa vasca recolle practicamente cada día nas súas páxinas o paso ás liñas propias de efectivos contrarios, colocándose Galiza como unha das zonas de procedencia dos evadidos.

Milicianos de Pasaia. Foto www.antxo.com

O 7 de outubro de 1936 nace o Goberno de Euskadi, presidido polo nacionalista José Antonio Aguirre, e sen perder tempo o 27 de outubro de 1936, no Diario Oficial do País Vasco, decrétase a militarización das Milicias de Voluntarios. O 7 de novembro de 1936 nace de xeito oficial o Exército de Euskadi. O xermolo do Euskadiko Gudarostea comeza a albiscarse. O incipiente Goberno autónomo controla a provincia de Biscaia en toda a súa extensión, unha pequena franxa de Guipúscoa, próxima á raia con Biscaia,   e o norte da provincia de Áraba, é dicir, o val de Aiara e as poboacións de Amurrio e Laudio. Neste territorio vai conseguir poñer en pé un total de 40.000 efectivos, encadrados en 75 batallóns de infantaría e a Marina Auxiliar, sen esquecer servizos de intendencia, artilleiros, choferes…

Moitos dos efectivos galegos guipuscoanos recalan no primeiro batallón da CNT, o Bakunin, ao mando de Isaac Olmos, un carismático anarquista de orixe valisoletana. O seu primeiro destino é a vila de Amurrio na fronte de Áraba, onde chegan en outubro de 1936. Asígnanlles como cuartel un reformatorio preto da poboación. Para os veciños do lugar a visión dalgúns milicianos ataviados con roupaxes eclesiásticas rapinadas nalgunha igrexa é dabondo significativa e non deixa de ser sorprendente para estas xentes de fondas crenzas relixiosas e mesmo conservadoras.

O batallón vai ter o seu bautismo de fogo o 5 de decembro de 1936. Co gallo da ofensiva iniciada polo Corpo de Exército de Euskadi o 30 de novembro sobre a vila de Villarreal (Legutio, Áraba), a terceira das columnas que deben participar na ofensiva, e na que se integra o Bakunin, recibe a orde de tomar a aldea de Uzkiano. A súa conquista vai permitir continuar a progresión republicana sobre Izarra e Murgia. Unha vez no seu poder Murgia o camiño a Vitoria queda expedito. Pero para alcanzar Uzkiano previamente hai que desaloxar o inimigo dos montes Txibiarte, Sobrehayas e San Pedro.

Ás 4:00 horas do día 5 dá inicio a acometida. Os batallóns Leandro Carro (PC) e o Amayur (PNV) parten en vangarda e aproxímanse ao monte San Pedro. Pola súa banda o Bakunin, ao que se lle suman efectivos do Leandro Carro (PC), parte da posición n.º 11 ou de Los Cuetos campo a través, cuberto o seu flanco esquerdo por varios carros blindados que ascenden pola estrada do porto de La Barrerilla. A resistencia dos defensores non pode evitar a progresión republicana e finalmente vense na obriga de repregarse cara a Uzkiano. Ás 12 horas o Bakunin coroa o cume do San Pedro.

Inexplicablemente, ás poucas horas os rebeldes conseguen retomar o citado monte, nunha operación sen máis pretensións que contactar co inimigo para coñecer a súa localización e forzas. Despois de varias semanas de intensos combates en todo o sector as forzas vascas están exhaustas e a ofensiva republicana detense a finais de decembro. A fronte arabesa estabilízase e dá comezo o tedio da vida de trincheira.

A partires de entón o batallón Bakunin vai despregar as súas forzas ao longo de diferentes posicións do sector arabés da fronte: os montes Txibiarte e Sobrehayas, en Respaldiza, enriba da estrada e das vías do ferrocarril á altura de La Muera en Orduña, en Barambio e unhas posicións fronte a Txibiarte que actúan como apoio destas, coñecidas como n.º 11 ou Los Cuetos. Os galegos do Bakunin van permanecer neste sector ata maio de 1937, intre no cal as necesidades ocasionadas pola ofensiva iniciada polo xeneral Mola, o 31 de marzo do 37, obrigan a que o batallón acuda a reforzar outras frontes duramente castigadas polos fascistas.

Membros do Batallón Amaiur, do PNV, en 1937

Pola súa banda, o batallón Celta trasládase en decembro do 36 a Markina (Biscaia). Como comandante militar do batallón atopamos a Luís Vázquez Rodríguez, da Pobra de Trives (Ourense). Na segunda quincena de febreiro de 1937 Luís Vázquez será substituído por Manuel de la Mata, ata o momento comandante do batallón CNT n.º 3 Isaac Puente. Descoñecemos a razón. O Celta vai ocupar as posicións do monte Kalamua. Trátase das trincheiras máis próximas ao cume, coñecidas como outeiro de San Andrés (denominada Outeiro Verde polos fascistas). Son os redutos máis avanzados, estando moi preto unhas trincheiras das outras. De feito, distan menos de 100 metros entre si. O testemuño dun dos requetés do Terzo de Navarra é bastante esclarecedor: «…la más estratégica y peligrosa de las posiciones era la dos, que estaba en el centro y sobresalía de entre todas. Teníamos las trincheras rojas a unos setenta metros».

Membros do Batallon Celta CNT nº6. en Larrabetzu (Bizkaia) fins de maio de 1937.. O segundo pola esquerda é Manuel Fuentes González de A Pobra do Caramiñal. Fotografía: Fundación Anselmo Lorenzo

O 26 de decembro o sector abandona a tónica habitual de monotonía. Son os fascistas os que moven ficha e dá comezo un intenso ataque para desaloxar os republicanos precisamente do Outeiro de San Andrés. O ataque é duro e sanguento e os célticos deben empregarse a fondo. No transcurso desta xornada as forzas republicanas sofren a perda de 10 combatentes entre os que se atopa o tenente da 4.ª compañía Manuel Cobizas Aguete Lino, natural de Loira (Marín). Como consecuencia destes combates falece ao día seguinte no hospital civil de Bilbao Andrés Pérez Millán, da Pobra do Caramiñal, e o día 28 o sarxento da primeira compañía, Juan Pérez Mariño.

Tanto o Bakunin coma o Celta participaron desa pertinaz pugna en diferentes puntos da xeografía vasca. Deixan tras de si un regueiro de baixas, que en moitas ocasións resulta case que imposible substituír

Como se apuntou anteriormente, o 31 de marzo o xeneral Emilio Mola lanza unha poderosa ofensiva co fin de dar carpetazo á fronte vasca. Mentres nun principio se estimaba en dúas semanas o tempo preciso para chegar ata Bilbao, a orografía vasca e a teimuda defensa de milicianos e gudaris retrasarán a entrada na capital biscaíña ata dous meses e medio.

Tanto o Bakunin coma o Celta participaron desa pertinaz pugna en diferentes puntos da xeografía vasca. Deixan tras de si un regueiro de baixas, que en moitas ocasións resulta case que imposible substituír. Cabería destacar algúns destes choques coas forzas fascistas. Os galegos do Bakunin interveñen na emblemática batalla do monte Sollube (Bermeo, Biscaia) entre o 6 e o 14 de maio do 37. Deben reter para a República o cume deste monte soportando os embates conxuntos da aviación e dos navíos franquistas que os machucan os dous días e medio que permanecen alí parapetados. E non só iso, segundo se desprende das declaracións dun miliciano do batallón recollidas por Manuel Chiapuso: «los golpes de mano que protagonizaban los moros de noche eran terribles. Éstos llegaron, en alguna ocasión, a rebasar nuestras posiciones».

Grupo de gudaris na vila de Elgeta (Guipuskoa)

O Celta combate nos primeiros días de abril defenden-do o porto de montaña de Krutzeta e as Peñas de Arangio (Áraba). Logo de dous días de combates o batallón Eusko Indarra (ANV n.º 2) releva os galegos e vese na tesitura de defenderse dun ataque inimigo nun campo «donde yacían muertos del batallón Celta, que podían ser de algún contraataque de la noche o de la víspera». As forzas vascas, a pesar da resistencia ofrecida, van perdendo terreo case que a diario. A moral dos milicianos reséntese considerablemente.

O enxeñeiro Alejandro Goicoechea, construtor do Cinto de Ferro que defendía Bilbao, pásase ao inimigo e revela a disposición de parapetos e niños de metralladora, así como os puntos febles que deliberadamente fora deixando na súa construción.

Cos rebeldes xa próximos a Bilbao depositan todas as súas esperanzas no derradeiro bastión defensivo, coñecido popularmente coma o Cinto de Ferro que, a imitación da liña Maginot francesa, circunda a capital biscaíña. Mais esta liña que promete ser infranqueable está condenada de antemán. O seu deseñador, o enxeñeiro Alejandro Goicoechea, pásase ao inimigo e revela ao Estado Maior franquista a disposición de parapetos e niños de metralladora, así como tamén os puntos febles que deliberadamente fora deixando na súa construción. O 12 de xuño de 1937 un demoledor ataque rompe o Cinto de Ferro polo sector de Larrabetzu (Biscaia). O batallón Celta e outros dous batallóns tratan de taponar dita brecha sen éxito. A sorte está botada. Os derradeiros folgos do Exército de Euskadi para defender a capital amósanse con tinturas de desesperación. Realmente trátase dun exército á desbandada que ofrece a derradeira mostra de heroicidade na defensa do monte Artxanda para asegurar a evacuación da cidade. O 19 de xuño as tropas de Franco entran en Bilbao.

O batallón Celta será quen de participar na derradeira batalla en chan vasco. Un verdadeiro desastre que o deixou en cadro.

O que resta do Euskadiko Gudarostea evacúa a raia coa anexa provincia de Cantabria. Apenas queda no seu poder unha pequena franxa de territorio vasco. Aínda así, o batallón Celta será quen de participar na derradeira batalla en chan vasco. Referímonos á batalla do Kolitza (Balmaseda, Biscaia) ocorrida entre o 27 e o 29 de xullo do 37. Un verdadeiro desastre que deixou en cadro o batallón, de feito xa non volverá a participar en máis accións de guerra.

Finalmente o 24 de agosto de 1937 dirixentes do PNV asinan, ante os mandos das tropas italianas chegadas en axuda de Franco, o coñecido como pacto de Santoña. Debido a este pacto a meirande parte do Exército controlado polo Goberno vasco concéntrase na vila montañesa para renderse aos italianos. Bakunin e Celta rematan aquí o seu periplo. Porén, moitos milicianos conseguen acadar chan asturiano e máis tarde catalán, vía Francia, para proseguir a loita. É o caso dos marinenses José e Gerardo Lobeira Rodríguez. Este último falecerá o 27 de agosto de 1944 loitando en Francia contra os nazis.

Para moitos outros só resta o cárcere, a represión, o ostracismo e os piquetes de execución. Só resta a morte dun soño que dera comezo un remoto 14 de abril.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail