O bruar da buguina en Bruxelas

Na capital comunitaria xa están os plans orzamentarios dos países da Eurozona, co desafío italiano elevando o seu déficit e as medidas pactadas entre o presidente Sánchez e Pablo Iglesias. Tamén estamos nos días transcendentais do Brexit, sen acordo aínda entre a UE e o Reino Unido para unha saída pactada. A alta política europea ferve de actividade, mais en Bruxelas, unha cidade con 50.000 traballadores públicos entre institucións comunitarias e Estados Membros, hai espazo para moitos debates. Galiza tamén é protagonista.

Poñamos os pés na terra. Mais ben, mollémolos no mar. Manchemos as mans coa area das nosas rías, respiremos o salitre galego e falemos da miñoca, da real e do soldo co que xantar. Iso fixeron pescadores, mariscadoras e políticos galegos en Bruxelas hai uns días, recibidos por eses burócratas con ouvidos abertos -quen o ía pensar- ás súas reclamacións e, quizais, como hai uns anos, a recoñecer o seu erro e cambiar o rumbo. Diso vai esta loita. En xogo hai milleiros de euros e as vidas de centos de familias, da nosa costa e as súas vilas.

Nos vindeiros meses perfilarase o orzamento de toda a UE para o período 2021-2027. Galiza pode perder os 2.700 millóns en novos fondos estruturais recibidos no actual marco comunitario, e nesa partida van os fondos marítimos pesqueiros. A burocracia afoga a pesca de baixura galega co difícil acceso a eses recursos. «É un problema de implantación na zona, de información, os prazos veñen enriba moi rápido e non dá tempo a facer nada», laiábase Primitivo Pedrosa, pescador artesanal galego, nunha visita recente a Bruxelas.

Nos vindeiros meses perfilarase o orzamento de toda a UE para o período 2021-2027. Galiza pode perder os 2.700 millóns en novos fondos estruturais recibidos no actual marco comunitario, e nesa partida van os fondos marítimos pesqueiros

Hai máis problemas. As cotas pesqueiras afogan os barcos pequenos, que cando chegan a porto deben declarar especies ou pezas collidas sen desexalo nas súas redes e que elevan as súas capturas finais. Bruxelas tamén equipara parte desas embarcacións artesanais coas industriais por mor da súa eslora, a partires dos 12 metros, sen ter en conta o uso de aparellos tradicionais ou a distancia á costa. Matar esta pesca é matar o medio de vida de poboacións, xerar un problema laboral, afondar na despoboación do medio rural. «Somos quen de vivir dos nosos recursos, do mar, de xeito sustentábel», reclamoulle á Comisión Europea a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, «levámolo facendo oito séculos e nós tamén temos a capacidade». Cómpre preguntarse, pode acabar a UE cunha pesca artesanal sostible co medio ambiente en tempos nos que vemos acotío os efectos do cambio climático?

O Tribunal de Xustiza da UE condenou a España a pagar 12 millóns de euros por non tratar augas residuais en 17 aglomeración urbanas. A sentenza é firme deste ano, pero vén doutra en 2011

Non toda a culpa é europea. A parálise das institucións españolas e galegas, comezando pola Xunta, no saneamento das rías é vergoñenta. A do Burgo leva enlamada décadas, «máis de 300.000 metros cúbicos de fango, a Xunta é consciente disto pero fai ouvidos xordos», denuncia Teresa Ramiro, mariscadora desa ría. O Tribunal de Xustiza da UE condenou a España a pagar 12 millóns de euros por non tratar augas residuais en 17 aglomeración urbanas, máis unha cantidade similar por cada semestre de retraso. A sentenza é firme deste ano, pero vén doutra en 2011. No canto de botarlle as culpas sempre a Bruxelas, algún políticos deben porse a traballar.

Hai motivos para a esperanza porque a Comisión Europea tamén é máis aberta do que semella, igual que o resto das institucións comunitarias. A súa Dirección Xeral de Pesca, semellante a un gran ministerio europeo, recibiu á delegación galega encabezada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda.  Tamén o fixo o Parlamento Europeo. Kuka Sar, tenente alcalde de Fisterra, responsable da área de Mar, destacou ás portas da Comisión Europea que «aquí recibíronnos, aquí escoitáronnos e apuntaron o que lles dixemos». Non acontece o mesmo cando moitos concellos, sen competencias firmes nese ámbito, solicitan unha xuntanza coa Consellería de Pesca da Xunta.

A Xunta non movera un dedo en Bruxelas a prol do xeito e foi Ana Miranda quen os levou ante o Parlamento para que explicasen o seu traballo

Hai dous anos foi o mesmo. A prohibición das redes de deriva en augas comunitarias ameazaba con acabar coa pesca ao xeito, un método tradicional galego. A Xunta non movera un dedo en Bruxelas en prol dese arte, que non captura especies protexidas, e foi tamén Ana Miranda quen levou os xeiteiros ante o Parlamento para que explicasen o seu traballo. «Descubriron que esa rede non ía acabar co sistema mariño e conseghiuse que hoxe siga pescando, que non se prohibira», exclama o fisterrán Kuka Sar.

Entón, as redes de xeito entraron no Parlamento Europeo e agora a buguina soou na boca de Teresa Ramiro aos pés do Berlaymont, a sede central da Comisión Europea. Unha ousadía inimaxinábel diante da fortificada Casa Branca, como o sería poñer redes mariñeiras no hemiciclo do Congreso do Deputados, onde se cadra te expulsan pola casimola.

Medre o mar!!! Faino en Bruxelas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail