En Marea: a vaquiña polo que vale

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Os 5 deputados galegos do grupo de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea xóganse moito na negociación dos orzamentos que acaban de pactar Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Hai un mes, os portavoces da confluencia galega de Unidos Podemos advertiron solemnemente que, se non se abordaban os temas da axenda galega, non apoiarían as contas de 2019. «Somos tan decisivos como o PNV« aseguraron tallantes. Con todo, as negociacións empezaron con mal pé para eles. Pablo Iglesias asinou o pacto en nome de todo o grupo, incluíndo os escanos de En Marea sen que no documento aparezan por lado ningún as reivindicacións galegas.

É evidente que a suba do salario mínimo ou das pensións e o resto de medidas sociais incluídas no acordo mellorarán un pouco a vida de miles de familias galegas, pero é políticamente moi relevante tamén que a presenza e o voto de En Marea acabe notándose en beneficio de Galicia.

Galicia estivo case sen voz nos últimos anos en Madrid. En Marea tivo ata agora un papel moi esvaído dentro do grupo federal de Unidos Podemos

Os seus dirixentes aseguran que agora é cando se van a negociar as emendas galegas sobre o traspaso da AP-9 ou a condonación da débeda de Langosteira e do resto de portos galegos, pero de momento o seu voto a favor está comprometido pola firma de Pablo Iglesias. Os Comúns están nunha situación similar, aínda que o Goberno xa falou de aumentar os orzamentos para Cataluña ata 2.200 millóns máis.

Compromís xoga con vantaxe porque ninguén fala por eles. Os seus 4 deputados están no grupo mixto e o seu imprescindible apoio terao que conseguir Sánchez negociando con Oltra e Baldoví reivindicacións valencianas. O mesmo terá que facer o PSOE cos partidos canarios, vascos e cataláns, aínda que con estes últimos as negociacións van moito máis alá da economía.

Galicia estivo case sen voz nos últimos anos en Madrid. En Marea tivo ata agora un papel moi esvaído dentro do grupo federal de Unidos Podemos e se non pon en valor agora aos seus 5 deputados, moita xente suscitarase a utilidade de volver votalos nas próximas eleccións xerais.

Dicía Castelao que a vaca galega ten os tetos en Madrid e que quen non lle dá de comer, non ten dereito a muxila. O dito máis a pé de rúa: «amigos si, pero a vaquiña polo que vale».

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail