O cambio climático é innegable e require dunha resposta global. A secuencia de fenómenos meteorolóxicos estremos en moitas partes do mundo pon de relevo a gravidade do momento. Cada país e cada sociedade deben asumir as súas responsabilidades e o que algúns fagan é de especial transcendencia. Este é o caso da China, aínda que non só. Na súa nova filosofía de desenvolvemento aborda activamente o cambio climático asimilando requisitos para un medre sostible. Son posibles os esforzos concertados das dúas principais potencias para frear o cambio climático?
1. Como cualificar o estado ambiental da China?
Xa en 2006, segundo cifras da ONU, China superou aos EUA en termos de emisións de CO2 para se converter no país máis contaminante do planeta, producindo o 21,5% do total de emisións de CO2 do mundo (contra un 13% en 1997). A progresión das emisións de gases de efecto invernadoiro na China situarase preto do 4% anual entre 1994 e 2004. En 1950 emitía o 1,13% mundial. En 2004, o 15%. Segundo as estimacións da Axencia Internacional da Enerxía podería ser do 28% en 2030.
Malia que cada chinés emite por termo medio tres veces menos CO2 que os habitantes dos países OCDE, o seu peso demográfico obriga a ter en conta outras consideracións para estimar o impacto das emisións sobre o clima mundial. Isto converte a China nun país esencial á hora de negociar e asinar un acordo de relevancia que aporte metas significativas de redución de emisións. Sen o seu compromiso, calquera decisión estaría eivada.
2. Mellorou a conciencia climática na China?
Nos últimos anos xestouse un cambio radical de mentalidade. Beijing entendeu as consecuencias ambientais dos acelerados procesos de urbanización, desertificación e contaminación experimentados nestas décadas. A irrespirable atmosfera nos grandes núcleos urbanos, o deterioro do solo, dos ríos e as augas subterráneas e as implicacións en materia de seguridade alimentaria derivadas do esgotamento das terras cultivables por mor do abuso dos fertilizantes químicos e contaminantes, entre outros, eclipsaron a vella consigna de «primeiro manchar, despois limpar».
Os países desenvolvidos, que emitiron o 95% do CO2 dende o inicio da Revolución Industrial no século XVIII ata 1950.
China está mais comprometida cun desenvolvemento verde baixo en carbono e sostible. Algúns datos evidencian ese cambio de mentalidade. Por exemplo, é o primeiro país en lograr unha degradación neta cero da terra, reducir as áreas de terra desertificada e areosa e en expandir a taxa de cobertura forestal e o volume de existencias forestais. China aportou unha cuarta parte das novas áreas verdes no mundo dende o ano 2000.
Cun crecemento anual medio do consumo de enerxía do 3%, China impulsou unha economía que medra a unha taxa anual medio do 6,2%. Hoxe presume do sistema de xeración de enerxía limpa máis grande do planeta cunhas capacidades hidroeléctricas, eólicas e solares instaladas na cima a nivel mundial. Só China ten máis paneis solares instalados ca o resto do mundo xunto. É un dos países máis avanzados en termos de redución da intensidade enerxética. Con estes datos retruca aos EUA cando lle esixe adoptar máis recortes enerxéticos que, de aceptalos, a retrasarían na súa competencia económica.
O investimento da China na transición enerxética en 2022 case cuadriplicou ao estadounidense, con 546 mil millóns de dólares fronte a 141.
3. Que obxectivos cumpriría destacar?
China comprometeuse proactivamente a se esforzar polo pico de carbono antes de 2030 e a lograr a neutralidade en carbono antes de 2060. O prazo para estes obxectivos completará a redución máis intensiva de emisións de carbono e logrará o pico e a neutralidade das emisións nun tempo récord e moito máis curto que o da maioría dos países desenvolvidos. Este desafío é considerado un asunto de suma importancia para mudar o modelo de desenvolvemento.
4. Que é o principio «responsabilidades comúns pero diferenciadas»?
O quecemento global é unha responsabilidade común que procede atribuír, en primeiro lugar, aos países desenvolvidos, que emitiron o 95% do CO2 dende o inicio da Revolución Industrial no século XVIII ata 1950. De 1950 a 2000, os países desenvolvidos foron responsables do 77% das emisións globais de CO2. Aínda hoxe, os países desenvolvidos están a consumir máis do 70% da enerxía mundial, representando menos da quinta parte da poboación mundial e emitindo máis da metade dos gases de efecto invernadoiro. Esas son as contas chinesas, tamén compartidas por outros países emerxentes como a India, e as argumentan para defender seguir contaminando para desenvolver a economía.
China é o maior emisor en termos absolutos, pero a Beijing gústalle remarcar que, nunha lectura per cápita, os seus datos equivalen á metade dos de Xapón ou a menos dun terzo no caso de Australia e EUA. Por tanto, os países desenvolvidos deben estar á cabeza na redución de emisións e cumprir cos seus compromisos financeiros, mentres que os países en desenvolvemento deben contribuír dentro da súa capacidade.
5. Que reclama China aos países ricos?
Os países desenvolvidos comprometéronse expresamente a proporcionar anualmente 100.000 millóns de dólares en financiamento climático aos países en desenvolvemento. Non obstante, o importe total do financiamento actual non só está significativamente por debaixo do obxectivo senón que tamén se enfronta a problemas de rebaixas e incumprimentos. Pero a factura corresponde aos EUA e Europa, os grandes contaminadores históricos, e non aos recen chegados á industrialización. Ademais, os EUA non deberan actuar como supervisores senón aceptar ser supervisados porque teñen as emisións acumuladas históricas e as emisións per cápita máis altas do mundo.
Así mesmo, terían que compartir logros científicos e tecnolóxicos e promover a transformación global verde e baixa en carbono. Os países desenvolvidos deberan proporcionar máis apoio tecnolóxico aos países en desenvolvemento e explorar unha cooperación institucionalizada máis pragmática para promover o proceso multilateral de goberno do clima así como a aplicación plena e efectiva do Acordo de París.
6. Que demandas e recriminacións se fan EUA e China?
Washington reclama a China unha redución drástica do uso do carbón, plans para frear o metano, combater a deforestación, implicación nun fondo internacional de compensación por non cumprir cos estándares…. China, pola súa banda, recrimínalle aos EUA que pretende utilizar o clima como ferramenta para contela, preméndoa para que asuma responsabilidades adicionais e estableza obxectivos de redución de emisións máis «ambiciosos» que superan as súas capacidades.
Os países desenvolvidos están a consumir máis do 70% da enerxía mundial, representando menos da quinta parte da poboación mundial e emitindo máis da metade dos gases de efecto invernadoiro
Feitos como a exclusión deliberada da cooperación en tecnoloxía de enerxía verde ou a expulsión do seu mercado dos seus produtos de enerxía renovable, virían a mostrar esta certeza. Igualmente, o empeño en negarlle a China a condición de país en desenvolvemento co obxectivo de privala de oportunidades.
Aínda que o goberno dos Estados Unidos alcanzou algúns acordos importantes no escenario global para abordar o cambio climático, o Congreso non logrou aprobar os proxectos de lei pertinentes, o que dificulta traducir a súa vontade de asumir responsabilidades equivalentes en políticas concretas. Se os republicanos ocupan a Casa Branca, algúns dos esforzos actuais dos demócratas pronto serán desbotados. Tales políticas climáticas inconsistentes e incertas son o maior obstáculo para a cooperación climática entre Estados Unidos e China.
7. É posible a cooperación China-EUA en materia climática?
A cuestión climática é probablemente unha das poucas áreas onde China e Estados Unidos poden manter «discusións francas». En 2013, estableceron un grupo de traballo sobre o cambio climático e formalizaron dúas declaracións conxuntas en 2014 e 2015. Este avance, finalmente, levou a cabo ao Acordo de París.
Pero a cooperación entre China e Estados Unidos para abordar o cambio climático dificilmente pode existir de forma independente, como un oasis no deserto; está estreitamente relacionada coa atmosfera xeral das relacións bilaterais.
Washington afirma buscar a cooperación climática mentres mantén a súa represión en áreas como o comercio e a tecnoloxía. China descarta os silos. A cuestión climática é unha ferramenta política na rivalidade chino-estadounidense.