O BNG rememora nun documental os seus 40 anos de existencia

«Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista» recupera imaxes históricas e testemuños de quen participou na súa fundación da formación


A Coruña.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) conmemora dentro de dez días os 40 anos da súa fundación cun documental sobre a xeración que refundou o nacionalismo galego e puxo en marcha un proxecto político único no Estado, que conseguiu situarse en posición de disputar ao PP unha comunidade onde os conservadores gobernaron case 39 dos últimos 45 anos.

Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista, coordinado por Rubén Cela e Lucía Veciño, ten moito de homenaxe a quen modelaron a complexa unión do universo de pequenas forzas políticas antifranquistas que defendían a identidade cultural e política de Galicia nos anos máis negros da ditadura. Tamén é unha lección de historia contada por quen viviu a transición española desde a periferia e, por tanto, sen apenas posibilidade de participar nela.

Aquel grupo de sindicalistas, filósofas, obreiros, economistas, arquitectos, historiadoras, intelectuais, escritores e profesoras, que lideraban formacións rexionalistas, nacionalistas e independentistas e organizacións relacionadas coa defensa dos dereitos laborais e civís, do sector agrario e mariñeiro, da cultura, a lingua, a xustiza social e as loitas ecoloxistas e feministas, reuniron o 25 e o 26 de setembro de 1982 no antigo Frontón de Riazor da Coruña a varios centenares dos seus militantes.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, nunha imaxe do documental

Propuxéronse superar as súas diferenzas e rivalidades e unirse ao redor daquilo que os identificaba como compañeiros de causa, nunha fronte que abarcaba desde o marxismo ao centro-dereita, no que se establecían garantías de que cada partido mantería a súa propia identidade e capacidade de decisión e no que o dereito para discrepar se estableceu como principio fundacional. Unha estrutura política para darlle forma a unha alianza de clases que defendese desde Galicia os intereses e dereitos de Galicia.

Aquela asemblea tivo a súa orixe na alianza da Unión do Povo Galego (UPG) que fundaran a mediados dos 60 Xosé Luís Méndez Ferrín e Bautista Álvarez e o Partido Socialista Galego (PSG) de Xosé Manuel Beiras, que un ano antes se presentaran unidas ás primeiras eleccións autonómicas. Sacaron tres deputados, a quen se lles retirou tal condición por negarse a xurar a Constitución, para cuxo referendo pediran o «non» apenas tres anos antes.

«Non xuro porque son demócrata e defendo a soberanía nacional de Galicia», lembra no documental o escritor Lois Diéguez, un daqueles tres deputados, a frase coa que se negou a prometer lealdade a un texto que non recollía o dereito de Galicia a decidir sobre si mesma e que, ao seu xuízo, mantiña intactas partes de estrutura sociopolítica e económica construída durante a ditadura.

Cartelería electoral do BNG, nunha imaxe do documental Setembro do 82.

«Eu tiña diante a tres deputados de UCD [a Unión de Centro Democrático] que xuraran os principios do Movemento Nacional» franquista, afirma Diéguez. O primeiro daqueles principios era a inviolabilidade da unidade nacional.

«Había que votar en contra», asegura Francisco Rodríguez, ex secretario xeral da UPG e deputado no Congreso entre 1996 e 2008. «Hoxe para moitos é fácil criticar a Constitución, pero naquel momento todo o mundo a apoiou menos nós». «O nacionalismo non podía aceptar un marco autonómico que xa se experimentou durante a república e que non era unha alternativa», engade.

As forzas que nutriron ao BNG consideraban que, en palabras de Xosé Manuel Beiras, non era máis que unha «carta outorgada», ao estilo das das monarquías autoritarias, por un sistema herdeiro do réxime franquista, garante dun sistema social e territorial inxusto que consolidou as súas posibilidades despois do golpe de estado do 81, co medo poñendo freo ao desenvolvemento lexislativo de moitos aspectos da Constitución sobre o que os nacionalismos tiñan grandes expectativas.

Francisco Rodríguez.

Non foi así, e case medio século despois hoxe aínda hai dereitos constitucionais sen garantía efectiva, competencias que non foron transferidas á Galicia e unha parte non irrelevante da sociedade que cre que o texto do 78 nin serviu, nin serve nin servirá para resolver o descontento territorial e as demandas das tres nacionalidades históricas.

Beiras foi portavoz nacional do BNG -cargo que hoxe ocupa Ana Pontón– desde a súa fundación ata 2002. Foi o seu maior referente entre a cidadanía, pero non entre a militancia e a dirección da UPG, especialmente o grupo afín a Francisco Rodríguez.

En 2012, tres anos despois de que Feijóo derrubase por un só escano a maioría absoluta que permitiu ao BNG acceder durante unha lexislatura á Xunta no Goberno de coalición que presidía o socialista Emilio Pérez Touriño e no que o líder nacionalista, Anxo Quintana, ocupaba a vicepresidencia, Beiras abandonou a formación.

Pilar García Negro

Fundou Anova, deixando ao BNG nunha severa crise que mesmo fixo dubidar a algúns sobre o futuro do proxecto de unidade nacionalista. Máis aínda cando nas autonómicas dese mesmo ano, o Bloque quedaba con sete escanos, fronte aos nove da Alianza Galega de Esquerdas impulsada por Beiras e a Esquerda Unida de Yolanda Díaz, e caía un escano máis en 2016 cando eses partidos se coaligaron con Podemos baixo a marca de En Marea.

O documental, que sobrevoa con elegancia aquela etapa, presentouse o pasado mércores pola noite en Santiago, nun acto que permitiu ver xuntos, aínda que non revoltos, a moitos de quen foi primeiro compañeiros e aliados e logo enconados rivais.

O propio Beiras asistiu á presentación, o que sen dúbida constitúe un xesto significativo dado que segue sendo unha icona política con gran tirón electoral e, para moitos, a figura viva máis relevante do nacionalismo galego. Aínda que nas imaxes que transcenderon do evento revélano con certa incomodidade á hora de pousar con algúns dos seus antigos compañeiros e compañeiras.

Xosé Manuel Beiras.

Setembro do 82 tamén permite constatar que os argumentos que levaron ao nacionalismo galego a unirse en torno ao BNG hai corenta anos seguen sendo a referencia do discurso de quen aparece nel, aínda que, como entón, o fagan desde posicións políticas diferentes e, agora, con certo halo de estrañada camaradería.

O documental serve ademais para ofrecer certa reparación a aquelas mulleres que emprenderon ou continuaron a loita feminista desde o interior e desde a fundación mesma da organización, cando o feminismo non só non estaba de moda senón que era un obxectivo político a perseguir.

«Asumiuse a necesidade da loita feminista ao servizo da maioría social feminina e da clase traballadora como un valor necesario do nacionalismo. Non só a compatibilidade, senón a necesidade de incardinar unha loita na outra”, explica Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña e unha das referencias históricas da organización.

Ao BNG o lidera hoxe unha muller, que tiña cinco anos cando se celebrou a asemblea de Riazor e que non aparece ata os minutos finais do vídeo. Na súa intervención explica que o seu partido é o que máis se parece a un país «cun nivel de identidade moi forte que non sempre se manifesta politicamente», e que o Bloque non sempre foi capaz de transformar a súa influencia sociopolítica en peso electoral.

Celebración do Día da Patria en 1996, nunha imaxe do documental.

Con todo, engade que «o mellor» do BNG está por vir, que a formación está por primeira vez en disposición de presidir a Xunta e que aquel camiño «revolucionario» que se iniciou hai 40 anos para «poñer as institucións do país ao servizo das galegas e os galegos» está, ao seu xuíxo cada vez máis preto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail