Da foto da mangueira ao terrorismo incendiario: o relato sobre o lume que define a Feijóo

A Coruña.- En 1991, o ano en que Alberto Núñez Feijóo iniciou a súa carreira política, arderon en Galicia entre 24.000 e 47.000 hectáreas, segundo as fontes que un consulte. O hoxe presidente do PP, que era letrado da Administración autonómica na Xunta, acababa de tomar posesión ese ano como secretario xeral técnico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do Goberno de Manuel Fraga, que aínda non establecera un sistema de reconto homologado e fiable da superficie queimada polo lume. Había dez anos que o Estado transferira a Galicia as competencias en materia ambiental e especificamente «a defensa contra os incendios forestais», tal e como figura en varios apartados do Real Decreto que sancionou aquel traspaso.

Segundo datos do portal Civio, que elaborou un mapa dos incendios ocorridos en todo o Estado nos últimos seis decenios, desde 1991 arderon en Galicia preto de 7,9 millóns de hectáreas, unha extensión equivalente a 2,7 veces a súa superficie total –os incendios solápanse periodicamente nos mesmos montes–, á de toda Castela A Mancha ou á suma das de Balears, Canarias, Catalunya, Madrid, Murcia, Navarra e A Rioxa. Feijóo, ao mando da Xunta de Galicia entre 2009 e 2022, viviu, tanto desde o Goberno como desde a oposición, numerosas ondas graves de incendios como as que agora arrasan o país e o resto do Estado, diante das que construíu un relato que inclúe atribuírllas con carácter recorrente a unha suposta rede de terroristas incendiarios. Esa idea alumouna nos anos noventa José Manuel Romay, o conselleiro de Agricultura que o nomeou para o seu primeiro cargo político.

2006. A foto da mangueira

Feijóo, en 2006, simulando que apaga lume cunha mangueira doméstica nun monte de Ourense / Foto:PP

En agosto de 2006, ante a peor tempada de incendios que Galicia sufriu ata a data e cando era xefe da oposición no Parlamento autonómico, Feijóo recuperou o argumento da trama de pirómanos. Segundo datos da Xunta, entón gobernada polo PSOE e o BNG, ese ano arderon en apenas sete días máis de 77.000 hectáreas en preto de 2.000 incendios, 37 deles considerados grandes incendios –cando afectan a máis de 500 hectáreas na península ou máis de 250 nas illas–. O PP chegou a elevar a cifra a 175.000 hectáreas –o 6% do territorio–baseándose nun informe elaborado a partir dos datos dunha web, mapasnet.com, hoxe desactivada, que á súa vez fundamentaba o cálculo en fotografías da Administración Nacional de Aeronáutica e do Espazo (NASA, nas súas siglas en inglés). Feijóo entregóullelo en man aos xornalistas nunha rolda de prensa celebrada o 14 de agosto, cando xa se tiñan constatadas catro mortes e decenas de feridos graves polo fume e as chamas. Ese día había máis de 120 incendios aínda activos e case medio centenar estaban sen control. Cinco días antes, o Partido Popular enviara aos medios unha fotografía do seu líder en Galicia vestido de sport e simulando que apagaba un incendio, regando a terra cunha mangueira nun monte queimado onde o lume xa fora extinguido. Esa mesma xornada asegurou, sen explicar de onde obtivera o dato, que o 70% dos incendios que se estaban producindo eran intencionados.

2007. «Connosco non morría xente nos incendios»

Apenas cinco meses despois, en xaneiro de 2007, nun mitin na localidade coruñesa de Carballo durante a precampaña das municipais dese ano no que o acompañaba Mariano Rajoy, Feijóo referiuse ás mortes do verán anterior insinuando que eran responsabilidade do Goberno bipartito que encabezaba Emilio Pérez Touriño: «Connosco non morría xente nos incendios; con eles, catro persoas», dixo. Tanto o PSOE como o BNG lembráronlle que a afirmación non era certa –en xullo do 2004, cando el era conselleiro de Política Territorial da Xunta de Fraga, un piloto dos servizos de extinción falecera ao estrelarse a súa avioneta en Beariz (Ourense)–. Touriño, considerou as palabras do entón presidente do PP galego «desafortunadas» e «fóra de lugar», e o seu vicepresidente, Anxo Quintana, do BNG, acusouno de faltarlles ao respecto ás vítimas e as súas familias.

2015. «Unha actividade incendiaria interesada en crear o caos»

O ano 2015, cando xa levaba seis exercicios á fronte da Xunta, foi o quinto desde 1989 con menos superficie forestal queimada na historia de Galicia. Pero ese verán tamén se produciron varios grandes incendios graves. Feijóo alertou entón da existencia dunha «actividade criminal incendiaria que non vira nos últimos anos» e que, segundo insinuou, podería mesmo ter motivacións políticas: habería «xente» que estaría «moi interesada en crear o caos» e que estaría a actuar de maneira coordinada para dificultar o traballo dos servizos de extinción. Como proba, alegou a «nocturnidade» dos pirómanos, que estarían a provocar «incendios que comezan de madrugada, a partir das nove da noite, cando os medios aéreos se retiran».

2017. 77.000 euros da Xunta en anuncios en prensa sobre «o terrorismo incendiario»

Imaxe da publicidade que pagou a Xunta en 2017 e que atribuía os lumes dese ano ao «terrorismo incendiario».

No outono de 2017, un ano despois da terceira maioría absoluta de Feijóo en Galicia, a comunidade sufriu a peor onda de incendios que se lembra, só superada pola de 2006. Arderon máis de 47.000 hectáreas, o equivalente ao 78% da superficie de todo o municipio de Madrid. Diante das críticas á súa xestión e á tardanza en enfrontar o problema, Feijóo recuperou a idea das tramas organizadas de pirómanos. Afirmou que os incendios non se estaban producindo «por azar» e ata chegou a pagar unha campaña de publicidade institucional en prensa, na que gastou 77.000 euros da Xunta en anuncios a toda páxina en medios galegos e estatais –entre eles El País, El Mundo e ABC–. Neles vinculábase a idea do terrorismo incendiario á solidariedade institucional coas vítimas do lume e ao apoio aos profesionais que o combatían. Feijóo usou ese argumento en varias aparicións públicas. O entón fiscal de delitos ambientais de Galicia, Álvaro García Ortiz, hoxe fiscal xeneral do Estado, desmentiuno pouco despois lembrando que, tras anos de investigacións e de decenas de procesamentos e de condenas contra acusados de causar incendios de maneira intencionada ou involuntaria, non se atoparon probas, nin sequera indicios, da existencia dese suposto terrorismo incendiario.

2020. «A intencionalidade é xa un clásico»

Entre 2017 e a actual onda de incendios, 2020 fora o ano con peor rexistro de superficie queimada en Galicia, preto de 15.000 hectáreas. Feijóo volveu aludir entón á intencionalidade –«É xa un clásico», dixo– e o seu entón conselleiro de Agricultura, José González –hoxe conselleiro de Emprego con Alfonso Rueda– expuxo como proba que 255 grandes incendios se orixinaran de noite en menos dun mes e con focos simultáneos. Eran menos da metade –o 45%– dos 568 que se rexistraron no mesmo período, pero o conselleiro tamén considerou un indicio de criminalidade intencionada os que se produciron en condicións de temperaturas elevadas ou de vento forte, unha característica moi común a todos os sinistros graves. En todo ese verán, as forzas de seguridade do Estado só detiveron unha persoa acusada de prender lume ao monte, por provocar dous pequenos incendios que queimaron 1.148 metros cadrados –menos de 0,15 hectáreas– en Brandariz, no municipio coruñés de Ortigueira.

2025. O Goberno «chega tarde» ás competencias das comunidades gobernadas polo PP

O líder do PP reclamou este venres ao Goberno que mobilice máis medios do Exército para combater a onda de incendios en sete comunidades autónomas, pero pediu que o mando operativo se manteña nos gobernos rexionais. Só dous días antes, acusara o Executivo de «chegar tarde» aos sinistros por, supostamente, non activar a vixilancia dos montes. En realidade, o Consello de Ministros aprobara antes do verán o plan estatal contra os incendios que contempla esas tarefas. Ademais, segundo a Constitución e as leis que a desenvolveron, as competencias en materia de xestión forestal, incluída a prevención e extinción de incendios, son das administracións autonómicas. O pasado mércores, no centro de mando do operativo contra os incendios de Ourense, Feijóo volveu esgrimir o concepto de terrorismo incendiario para referirse aos lumes deste verán, pero sen explicar se tiña probas ou indicios que sustenten ese argumento. Tamén asegurou que o 80% dos incendios son intencionados, unha afirmación que non se sostén se se atende aos datos oficiais. Segundo a última memoria da Fiscalía Xeral do Estado, referida ao exercicio 2023, ese ano incoáronse 138 procedementos por delitos de incendio forestal, dos que 90 derivaron en sentenzas condenatorias e 28, en fallos absolutorios. Segundo o Anuario Estatístico da Garda Civil –os seus últimos datos corresponden tamén a 2023–, esa institución tivo ese ano coñecemento de 2.944 incendios. Só un 8% foron intencionados, un 17% producíronse por neglixencias e accidentes e un 8% por causas fortuítas naturais. Do 67% restante descoñécese a súa orixe.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail