A Coruña.- A oposición galega vén de esixir á Xunta que deixe de presionar aos inspectores autonómicos da Consellería de Política Social que denunciaron chivatazos de altos cargos do seu propio departamento, que presuntamente terían alertado das súas visitas ás empresas que xestionan residencias públicas de maiores.
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, Luís Bará, acusou este luns á Xunta de «actuar como a Gestapo [a policía secreta da Alemaña nazi] presionando e amedrentando aos funcionarios públicos», mentres que a portavoz de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, reclamou a dimisión ou a destitución da conselleira, Fabiola García, se se demostra que eses chivatazos existiron.
O pasado 5 de agosto, o diario dixital Praza Pública recolleu a denuncia de varios inspectores e inspectoras de Política Social que aseguraban detectar «filtracións» da propia Consellería alertando das datas e as horas das inspeccións, para que as direccións dalgúns centros puidesen así emendar durante as mesmas as infraccións que estarían a cometer.
A Xunta negou as acusacións, que cualificou como «moi graves» pero carentes de veracidade e vertidas sen proba algunha.
Altos cargos sospeitosos dos chivatazos
Poucos días antes, a Asociación Galega de Inspectores de Servizos Sociais (Agiss) acusara á Consellería de propiciar os chivatazos, e mesmo insinuou que altos cargos de Política Social, incluída a propia Fabiola García, o persoal do seu gabinete, o secretario xeral da Consellería e o vicesecretario podían estar detrás das filtracións.
Hai uns seis meses, segundo Aggis, diante da «evidencia» de que alguén estaba a alertar das súas visitas ás empresas que xestionan as residencias, que confirmarían os testemuños de varias traballadores, a Consellería aceptou que cada inspector puidese decidir persoalmente os días e os horarios das súas inspeccións aos centros que cada un ten asignados, e que só informaría dos mesmos aos xefes da área na que se sitúa a residencia afectada no momento mesmo de visitalos.
Tratábase, aseguran, de «garantir a máxima confidencialidade da actividade inspectora». Pero en xullo pasado a Consellería informoulles de que se volvía ao sistema anterior, mediante o que se entrega a cada inspector unha listaxe de visitas con datas e horas preestablecidas cunha semana de antelación, ao que teñen acceso os altos cargos do departamento.
«Resulta curioso que dalgunha filtración fose acusada a propia Fabiola García, á que, como a moitos outros cargos de libre designación ou de persoal de confianza, chégalles con moita antelación o programa de visitas das inspeccións», asegura Agiss, que engade que dese modo esas persoas poden «filtrar a data e a hora da inspección e avisar aos centros», que poderían así «’tapar’ só durante a visita as irregularidades e ilegalidades nas que están a incorrer».
Visitas sen previa notificación
«Non garantir por parte da Administración que todas as visitas de inspección se realicen sen previa notificación supón unha falta de garantía xurídica interesada da que a responsable última é a conselleira», subliñan os inspectores.
Segundo o portavoz do BNG, responsables da Xunta están agora chamando aos inspectores para presionalos e amedrentalos. «A Consellería non pode actuar como a Gestapo», asegura Luís Bará, senón ao contrario, agrega, «atallar dunha vez por todas a campaña de presión sobre os inspectores» e «investigar e depurar responsabilidades para garantir que as inspeccións se fan con garantías e sen filtracións».
«A Consellería non pode actuar como a Gestapo»
A portavoz de Política Social do PSdeG no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, tamén rexistrou varias iniciativas reclamando ao Goberno de Alfonso Rueda unha investigación sobre o caso e que destitúa á conselleira se da mesma conclúese que as acusacións dos inspectores son certas.
Como estes aseguran, non é a primeira vez que o departamento de García enfronta unha polémica similar. En novembro de 2020, en plena emerxencia sanitaria pola pandemia da covid, a asociación Traballadores de Residencias de Galicia (Trega) denunciou que os chivatazos para alertar das inspeccións nas residencias eran «unha situación xeneralizada».