Hipocricracia

O Partido Popular Europeo (PPE) anunciou que expulsará o deputado esloveno Branko Grims por “colaboración coa extrema dereita”. Guindarán o inelegante cabaleiro por organizar un evento xunto a Patriotas e Europa de Naciones Soberanas, colectivos nos que están integrados os fascistas de Vox e os nazis de Alternativa para Alemaña, respectivamente.

A noticia sería fermosa se non planeara sobre Europa a aguia da hipocrisía. Os eurodeputados do PP español son tratados con naturalidade en Bruxelas a pesar non de organizar eventos, senón de pactar gobernos cos representantes nacionais de Patriotas. Non esquezamos que o presidente deste grupo ultrafascista europeo é o noso querido e admirado Santiago Abascal.

O cacarexado cordón vermello contra a extrema dereita é un enfeite que acae moi ben coa garavata azul popular, pero non adobía as almas. Illar o fascismo de buxa non fai soar a gaita, sobre todo se na práctica imitamos políticas racistas, clasistas e xenófobas idénticas ás daqueles que dis illar.

A extrema dereita non é o problema. A extrema dereita somos o problema. O híper progresista Pedro Sánchez leva case unha década aplicando a lei mordaza, que permite bourar negros, comunistas e canisfrautas baixo a feble escusa de que a un poli lle cheiran mal. Se a memoria non me engana, o noso belido presidente tomou posesión do cargo xuramentando a súa inmediata derrogación. Era 2018. A prehistoria.

Pídeselle ao partido de Mariano Rajoy que poña cordóns vermellos ao fascismo, ao racismo e ao nazismo, pero o expresidente escribe un artigo negando a pertenza a Francia dos xogadores da selección bleu porque son negros.

En resumo: o Partido Popular Europeo guíndate aos infernos por argallar unha latricada neofascista, pero cala se gobernas xunta eles. Condenan as verbas, non os feitos. As primeiras vítimas do fascismo sempre son as palabras.

Os europeos miramos con certa superioridade moral aos trumpistas estadounidenses, aínda que practicamos as mesmas políticas racistas e clasistas, pero con máis disimulo. Sóbese o salario mínimo, pero permitimos que as oligarquías e os especuladores chimpen aínda moito máis arriba os prezos.

O alcalde de New York, Zohran Mamdani, acaba de conxelar os alugueiros dun millón de vivendas. Case a metade dos inquilinos (2,3 millóns) beneficiaranse da medida. Soaría moi progresista se o edicto non chegara cando as familias con rendas inferiores aos 70.000 dólares destinan o 54% dos seus ingresos a pagar un teito. Hibérnase a especulación, non se combate.

Mamdani tamén promete crear supermercados públicos. Iso xa non é unha charamusca. Garantir o dereito ao alimento: soa revolucionario. As democracias europeas e americanas conseguen que as farangullas nos parezan empanadas.

Estas mal chamadas democracias non creo que teñan que propor tantos cordóns vermellos e sanitarios contra o fascismo, porque propenden ao facismo por si mesmas. E, canto máis fascistas se tornan os partidos convencionais, máis voto reciben os partidos fascistas de seu.

O cordón vermello do PPE a un deputado esloveno non é máis ca un titular baleiro. Pola mesma regra, todos os deputados do PP de Alberto Núñez Feijóo tamén deberían ser expulsados do civilizado grupo. Pero non é o mesmo meter a España que a Eslovenia no exemplarizante titular. Quedaría feo. Espantaría aos politólogos e aos banqueiros. Derrubaría os alicerces da nosa democracia. Desculpade: quixen dicir hipocricracia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail