A Xunta de Rueda adxudica a dedo 14.300 euros ao día para publicidade nos medios

A Coruña.- A Xunta de Galicia, que preside Alfonso Rueda, gasta máis de 14.300 euros ao día en publicidade e subscricións a medios dos principais grupos de comunicación de Galicia e Madrid, aos que nos trece meses transcorridos entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de xaneiro de 2026 lles entregou 5.675.284 euros (IVE incluído) mediante contratos menores subscritos por máis de medio cento de consellerías, axencias, institutos, fundacións, empresas públicas e outras entidades descentralizadas da Administración autonómica.

Son máis de mil licitacións sen concurso por importes inferiores aos 18.150 euros (IVE incluído) para a contratación de servizos, adxudicadas a dedo, é dicir, exentas das normas de publicidade e concorrencia competitiva que rexen para o resto das adxudicacións públicas.

O 83% desa cantidade, máis de 4,7 millóns de euros, levárono as cabeceiras e filiais de cinco grandes grupos editores de xornais galegos escritos en castelán: Corporación Voz de Galicia —La Voz de Galicia—; Editorial Prensa Ibérica —Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña e El Correo Gallego de Santiago—; Grupo La Región —La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo—; Grupo El Progreso —El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra—, e Editorial La Capital —El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol e Diario de Arousa—.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (i), con Lois Blanco, presidente da Fundación Santiago Rey, que edita La Voz de Galicia, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Case a totalidade do millón de euros restante repártese entre outras nove sociedades propietarias de diarios —El País, El Mundo e ABC—, emisoras de radio —SER, COPE e Onda Cero— e webs e dixitais de liña editorial conservadora ou ultraconservadora —El Debate, The Objective e Libertad Digital—, todos con sede en Madrid.

Prensa conservadora

A maior parte do diñeiro do orzamento da Xunta destinado a medios da capital do Estado recíbeo a prensa escrita de tendencia máis próxima á dereita, aínda cando as súas audiencias sexan inferiores ás do eixe progresista. Unidad Editorial SA, propietaria de El Mundo, obtivo no período analizado 112.000 euros en contratos menores do Goberno de Rueda, e a de ABC —Periódico ABC SL—, outros 26.000 euros. El País, a través de Ediciones El País SL, sumou apenas 2.170 euros. Audiovisual Española 2000, editora de La Razón, non levou contratos menores nese período, aínda que obtivo máis de 41.000 euros a través deles entre 2018 e 2024.

Coas matrices das cadeas de radio de liña conservadora sucede o mesmo que cos xornais desa tendencia. Entre Radio Popular SA (COPE, con 204.000 euros entre 2025 e 2026) e Uniprex SA (Onda Cero, 138.000 no mesmo período) duplican a cantidade que reciben conxuntamente as empresas adscritas á matriz da SER (Sociedad Española de Radio Difusión) e á media ducia de sociedades asociadas á súa rede galega de emisoras, que suman 170.000 euros.

A dinámica repítese coas webs e os dixitais. Tres compañías xestoras de portais conservadores ou ultras —Libertad Digital SA, The Objective Media SL e Ediciones Católicos y Vida Pública SL, vinculada á Asociación Católica de Propagandistas e propietaria de El Debate—, con escasa implantación e sen delegación en Galicia, levaron en contratos menores da Xunta 55.000, 12.000 e 36.000 euros, respectivamente. É dicir, uns 103.000 euros en total. Entre outros tres dixitais nativos que si contan con redacción propia na comunidade —elDiario.es, Economía Digital Galicia e Mundiario— non chegan aos 40.000 euros nese mesmo período. Público non recibiu nin un euro en adxudicacións da Xunta.

A Xunta pagou 103.000 euros desde 2025 a «Libertad Digital», «The Objective» e «El Debate» mediante contratos menores de publicidade e propaganda.

Alfonso Rueda, man dereita de Alberto Núñez Feijóo desde 2005 e vicepresidente dos seus gobernos durante dez anos, accedeu á presidencia da Xunta o 12 de maio de 2022, despois de que o seu antecesor dimitira para asumir a presidencia do Partido Popular. En febreiro de 2024 gañou as eleccións autonómicas cun 47% dos votos, que lle deron unha ampla maioría absoluta no Parlamento de Galicia —40 escanos de 75—. Desde a data na que asumiu a presidencia en 2022, Rueda aumentou notablemente os pagamentos aos medios, especialmente aos galegos, mediante contratos menores sen concurso, unha das fórmulas habituais durante a era Feijóo para financiar a prensa afín en Galicia.

Luzes-Público puido identificar 5.469 expedientes de contratación menor destinados aos xornais con sede na comunidade, que se suman a outras cantidades que reciben da Administración autonómica por outros conceptos —convenios bilaterais sen concurso para o fomento do galego, publicidade da acción de goberno do PP ou compra masiva de exemplares—. Dos máis de 22 millóns que obtiveron da Xunta mediante esa modalidade de adxudicación entre marzo de 2018 e febreiro de 2026, ambos incluídos, máis de 9,9 millóns corresponden aos gobernos de Feijóo desde marzo de 2018 ata a súa dimisión en abril de 2022, e máis de 12,2 millóns aos de Rueda desde entón ata o pasado febreiro. Unha media de 6.495 e 8.769 euros ao día respectivamente.

«La Voz de Galicia» e o Grupo Moll

O grupo máis beneficiado é o que edita o diario coruñés La Voz de Galicia, o máis lido da comunidade e propiedade da Fundación Santiago Rey —en homenaxe ao seu editor, falecido en 2024— que preside o xornalista Lois Blanco. Entre esa fundación, a matriz do grupo —Corporación Voz de Galicia SL—, a sociedade editora do xornal —La Voz de Galicia SA— e tres filiais do conglomerado que dirixe Blanco —a emisora Voz de Galicia Radio SLU, a produtora Voz Audiovisual SL e a empresa demoscópica Instituto Sondaxe SL— obtiveron contratos menores da Xunta baixo os catro anos de gobernos de Rueda por valor de 4,16 millóns de euros, un 33% máis ca os 3,12 millóns recibidos durante os catro anos anteriores con Feijóo. Sumando ambos períodos son 1.835 contratos menores. Só entre 2025 e xaneiro de 2026 xa van 1,49 millóns —máis de 3.700 euros diarios— mediante esa modalidade.

A La Voz séguea Editorial Prensa Ibérica, propiedade da familia aragonesa Moll, que edita en Galicia Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña e El Correo Gallego de Santiago. Entre maio de 2022 e febreiro de 2026, a Xunta adxudicou a sete empresas fundadas ou adquiridas polos Moll en Galicia —Faro de Vigo SA, La Opinión de La Coruña SL, Editorial Compostela SA, EPI Prensa SLU e Prensa Ibérica 360 SL— 3,42 millóns de euros en contratos menores, un 29% máis ca entre 2018 e 2021. En total son 1.449 expedientes mediante ese tipo de procedemento. Entre o ano pasado e xaneiro de 2026, o grupo presidido por Javier Moll —o home máis rico de Aragón, segundo a revista Forbes— suma 1,33 millóns nesas adxudicacións sen concurso.

Alfonso Rueda (d), con Javier Moll, propietario de Faro de Vigo, La Opinión da Coruña e El Correo Gallego de Santiago, nun acto en novembro de 2025 / Foto: Xunta

Por detrás está o Grupo El Progreso, da empresaria lucense Blanca García Montenegro, que publica El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra e que nese mesmo período facturou preto de 964.000 euros a través de El Progreso de Lugo SL, Comercializadora de Medios Grupo El Progreso SL, Productora El Progreso SL e Lérez Ediciones SL —editora da cabeceira pontevedresa—. Baixo os gobernos de Rueda as súas sociedades recibiron 2,53 millóns de euros, un 8,7 % máis ca os 2,3 millóns do cuadrienio anterior de Feijóo.

O grupo editor de La Región de Ourense, propiedade da familia ourensá Outeiriño, tamén incrementou un 11% a súa facturación en contratos menores da Xunta, desde os 1,2 millóns obtidos co expresidente da Xunta ata os máis de 1,13 millóns co actual. A través de La Region SA, Telemiño SA e Rías Baixas Comunicacións SA, cabeceira de Atlántico Diario de Vigo, o grupo que preside Óscar Outeiriño obtivo máis de 426.000 euros nos trece meses transcorridos entre 2025 e xaneiro de 2026.

Trátase dunha cantidade similar no mesmo período á recibida por Editorial La Capital, propiedade do empresario José Collazo, dono á súa vez do conglomerado de empresas do xogo Comar, que edita El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Arousa e Diario de Ferrol. A Xunta de Rueda adxudicou aos medios de Collazo preto de 966.000 euros en contratos menores, un 10% máis sobre os 875.000 euros que recibiu de Feijóo.

Público preguntou á presidencia da Xunta e á súa Secretaría Xeral de Medios polas razóns do incremento dos importes que reciben en adxudicacións sen concurso da súa Administración tanto os grupos editores de prensa en castelán de Galicia como os diarios, radios e dixitais con sede en Madrid citados nesta información, pero non recibiu resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail