S02E34 – Lingua?

As Womansplainers somos laretas, lingoreteiras, bilingües, políglotas, filólogas, diglósicas e cunilingüistas. Por todos estes motivos non podiamos deixar pasar o Día das Letras sen facermos un episodio especial sobre #OdoGalego.
Na compaña da xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego, discutimos algúns dos temas máis quentes da nosa lingua e volvemos sobre algunhas teimas clásicas arredor dela: Por que dá tanto medo o NH? Podería o binormativismo ser verdadeiramente harmónico nunha situación de desvantaxe institucional como a presente? É o reintegracionismo só unha opción ortográfica? A nosa profesora de portugués residente, a Saboridinha, explícanos estes temas e aproveitamos para recomendar o seu blog a todas as lusópatas.
Da man de Chus, revisamos a situación do galego nos medios, a polémica ao redor das subvencións e da porcentaxe de artigos na nosa lingua, o porqué de traduciren ao castelán as declaracións dunhas entrevistas e non doutras ou de aceptaren o galego para o tratamento de determinados temas como os culturais ou festivos, mais non aqueles que se perciben como máis serios.
No sector público a lingua debería gozar de maior saúde, mais non é precisamente no mundo da saúde onde a nosa lingua está máis sá, segundo nos explica a Sara, que analiza o clasismo no emprego do galego entre o persoal da Sanidade. No que toca a Educación, as escolas, especialmente as infantís, teñen un peso na desgaleguización que non se pode ignorar. Na educación mallan tamén a Malvada Profe e a Carme, que critican como e que se esina nas materias de Lingua e Literatura Galega e que avalían en realidade os famosos exames CELGA.
Falade moito galego e, se non tedes con quen, escoitádenos a nós neste novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail