As profesionais sosteñen que os órganos reitores do organismo, nos que os homes son maioría, néganse a tramitar as axudas ás que teñen dereito desde o pasado mes de outubro
Galicia sofre todos os invernos polo menos dous ou tres fenómenos meteorolóxicos similares ao Filomena de Madrid. Certo é que non deixan nas cidades escenarios de neve como o que padeceu a capital de España a principio do ano. Pero si ventos tempestuosos, choivas torrenciais e vendavais no mar, que varren a comunidade da man deses ciclóns do Atlántico que chegan á costa reconvertidos en cicloxéneses explosivas ou en profundas borrascas, bautizados con nomes de persoas.
O primeiro temporal da tempada 2020-2021 –xa van oito no que vai de exercicio- foi Álex. Afectou a toda Europa occidental e as súas consecuencias estendéronse sobre todo polo litoral de Portugal, España, Francia e Italia. En Galicia, as ondas de máis de seis metros encheron as praias da comunidade de miles de toneladas de algas mortas arrastradas polo mar.
En Carril, a pequena localidade mariñeira de 3.000 habitantes situada na boca da ría de Arousa, esas algas asolagaron as praias nas que se crían as ameixas de tipo babosa, xapónica e fina que deron ao pobo a súa merecida fama gastronómica. Só un ano antes, unha riada de auga doce acabara tamén con boa parte dos recursos marisqueiros da zona.

«Despois de Álex démonos conta de que de novo había unha elevada mortalidade do marisco», conta Rita Vidal Mouriño, vicepresidenta da Confraría de Mariscadores de Carril e portavoz do colectivo de mariscadoras a pé. Son ao redor de 90, e moitas, como Rita, levan acudindo a mariscar desde que eran adolescentes. Ao contrario do que sucede cos outros dous colectivos profesionais da Confraría, elas son mulleres. Entre os mariscadores á flote– faenan desde unha embarcación- e os chamados parquistas –explotan unha parcela en concesión establecida sobre a lámina de auga- o que predominan son homes. No conxunto da Confraría e nos seus órganos reitores, as mulleres son minoría.
As mariscadoras son traballadoras autónomas, e todos os meses pagan un seguro que cobre o risco de que teñan que deixar de mariscar por culpa dos temporais, as mareas vermellas e ou a contaminación, e, por tanto, de ingresar o que gañan coa venda das ameixas. Deixan de mariscar, si, pero non de traballar, porque os plans de explotación aprobados pola Xunta tamén lles encomendan outras tarefas: a limpeza e arado dos areais e a retirada do lixo que lanza o mar; o acondicionamento de substratos, o control das especies depredadoras ou invasoras, e o sementado das praias. Porque as ameixas tamén se cultivan, e elas son as encargadas de plantalas diseminando cada ano na area miles de diminutas crías de bibalvos.
O seguro permite ás mariscadoras subsistir cando non hai marisco ou cando non poden vendelo. Pero a lei obriga a que sexa a Confraría a que tramite a súa solicitude no Instituto Social da Mariña ( ISM), que depende do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. As mariscadoras, en teoría, son autónomas, pero na práctica, as de Carril non o son tanto. Nos órganos reitores da Confraría hai unha maioría de homes, e néganse a tramitar os expedientes para que cobren o subsidio ao que teñen dereito. «Pensan que a Confraría é súa», sostén Rita. Ela accedeu ao cargo de vicepresidenta tras as últimas eleccións, e confesa que as súas relacións co patrón maior, José Luis Villanueva, non foron boas desde o principio. «Non quería que unha muller estivese detrás de el», di.
A portavoz das mariscadoras asegura que ela e as súas compañeiras padecen unha situación de acoso machista desde hai anos. «O 70% do colectivo está ou estivo de baixa e necesitou atención psicolóxica por ansiedade. É lóxico. Levamos así moitos anos, e moitas non teñen outro ingreso para vivir que non sexa o marisco«», sostén.
No outro extremo, o patrón maior tamén recoñece que existe un conflito, pero nega rotundamente que se deba a ningunha posición machista. «O cesamento de actividade non ten nada que ver coas algas. O tempo é o tempo e non ten nada que ver con que elas teñan que cumprir co seu traballo. Os parquistas, que son o sector maioritario, tamén se viron afectados polas algas e non pediron o cesamento», subliña Villanueva. «A Confraría non é o Corte Inglés, estamos para botarlles unha man no que sexa mester, pero non somos responsables das algas. Non as puxemos nós aí», engade.
O patrón maior asegura que as mariscadoras xa pretenderan o cesamento de actividade antes de Álex, e que en marzo, cando o Goberno central decretou o Estado de Alarma e o confinamento da poboación pola epidemia de Covid-19 , tamén pretenderon que se pechase a lonxa de Carril. «Segundo elas o marisco ía barato, non tiña bo prezo, pero e era mentira porque os prezos estaban a bater récords á alza». Na versión de Villanueva, poucos meses despois e ao ver que os prezos do marisco estaban a subir, as mariscadoras terían sobreexplotado e esgotado os bancos, que están baixo titularidade da Confraría, sen que a mortandade da ameixa poida atribuírse á asfixia dos bivalvos sepultados baixo o manto de algas.

Pola súa banda, a Xunta, asegura que non ten constancia das decisións adoptadas pola Xunta Xeral do organismo que preside Villanueva. «Trátase dun asunto no que a Confraría debe seguir tanto os procedementos como os prazos que establece a normativa vixente»”, aseguran fontes da a Consellería do Mar, que dirixe Rosa Quintana. Engaden que o que si podería facer ese departamento dentro das súas competencias sería a revisión do plan de explotación, «o que abriría a porta a que as mariscadoras pedisen ao ISM o cesamento de actividade e a prestación correspondente».
De momento, as mariscadoras contrataron a un avogado externo para reclamar os seus dereitos á marxe da Confraría, denunciaron o caso ante o Consello da Muller e recabaron o apoio do Concello de Vilagarcía a través dunha moción promovida polo BNG. «Somos autónomas pantasma. Non existimos para ninguén. Pero somos mulleres e non imos a claudicar», promete Rita.
Cada tempada de furacáns, os servizos meteorolóxicos establecen unha listaxe cos nomes cos que van bautizar aos novos temporais, como sucedeu con Álex e con Filomena. Sempre se ordenan alfabeticamente, pero é difícil saber cal será o do próximo que chegue ás costas galegas. Nin sequera se terá nome de home ou de muller, porque nesas listas cúmprese estritamente cos criterios de igualdade, e os xéneros dos nomes vanse alternando. Iso si, o único seguro é que a un furacán con nome de home sempre lle sucede outro con nome de muller.