Construírmos o futuro posCovid-19

Segundo o dito popular, «cara a abaixo, todos os santos axudan». Quen practique sendeirismo, ou montañismo, ben sabe que non é o mesmo subir que baixar. Non nos deixemos levar polo sentido común, acrítico; cara a arriba forzamos uns músculos; cara a abaixo, outros. E en ambos os dous casos, hai que ter tino. Agora que xa logramos dobregar a curva, teñámolo presente. Sexamos prudentes: «sentidiño». Estas oito semanas de ascenso ao Annapurna foron ben difíciles. Pero as xornadas que agora nos quedan por diante teñen o perigo do exceso de confianza. A analoxía co montañismo seméllanos ben acaída.

Un exceso no que, de seguro, caemos ao longo destes días, foi o da saturación informativa. A nosa percepción da realidade vaise construíndo sobre a abundante información que recibimos tanto a través dos medios tradicionais como das redes sociais. Noticias elaboradas con rigor, opinión ponderada, trolas chocalleiras, arengas enervantes… Os capitáns a posteriori radiofónicos, televisivos e das redes sociais sabían de todo (auténticos expertos en viroloxía, xestión hospitalaria, dereitos fundamentais…) pero esquecían interesadamente que xustificaron sempre os recortes no sector público ao mesmo tempo que louvaban o sector privado. Aplaudiron a redución de investimentos en I+D+i que contribuíu á expulsión dos nosos investigadores e investigadoras. Defendían a globalización como o futuro, mentres se deslocalizaban empresas porque saía máis barato producir en lugares afastados (a propia China). Como consecuencia diso, agora non somos quen de nos abastecer do material imprescindíbel nestes momentos. Esas mesmas persoas, en fin, criticaban a marea branca que denunciaba a desfeita que se estaba a cometer coa Sanidade pública, pero agora esixen solucións e medidas de xeito inmediato.

Folga sanitaria e manifestación da Marea blanca en 2012. Foto: ec-jpr (CC BY-NC-ND 2.0).

Esas mesmas persoas sempre estaban na trincheira do gran capital defendendo calquera proxecto para explotar recursos naturais sen ter en conta as súas consecuencias medioambientais e ridiculizaban unha mociña que decidiu enarborar a bandeira do ecoloxismo. Por románticas que parezan as súas viaxes en barco, poñen os puntos sobre os íes destacando a inviabilidade ecolóxica do inxente tráfico aéreo na procura do paraíso perdido para as vacacións. Pois esas mesmas persoas son as que agora andan na procura dun chibo expiatorio ao que responsabilizar de todos os males e demandan solucións milagreiras. O espectáculo noxento de Pablo Motos (persoa versada onde as haxa) ridiculizando mesmo o aspecto físico dunha persoa cun amplo historial académico e dilatada experiencia profesional como Fernando Simón é digno do esperpento valleinclanesco. Tamén nos cómpre certa desescalada de tanta infodemia. De non andarmos con tino, acabaremos na mesma situación que os escravos da caverna platónica, preñados de eikasía 2.0, e sen podermos desvelar que subxace a tanto lixo mediático.

A arte da persuasión pódenos permitir, cun bo feixe de medias verdades, construír a mentira universal: a que logre impoñerse. «O virus non entende de fronteiras»; «o virus non diferenza clases sociais»; «os grupos étnicos pódense ver máis ou menos afectados pola Covid-19 en función da súa xenética»; «é posíbel xestionar esta situación sen estado de alarma (e se non xa faremos unha lei para que sexa posíbel)»; «o estado de alarma implica necesariamente a centralización da toma de decisións»; «España ten a maior taxa de mortalidade por Covid-19»…

Pois claro que os virus non entenden de fronteiras, pero a maneira de organizarse os humanos política e administrativamente, si. Dicir que tería sido absurdo pechar Madrid, ou Catalunya, ou Galiza, porque o virus non entende de fronteiras é caer no absurdo ou querer apamparnos. Agora, coa desescalada, si que xa saben de límites administrativos. É ben certo que ao virus o mesmo lle dá encharcar os pulmóns dun rei, que dun obreiro ou dun abade… sempre e cando o seu sistema inmunitario, o seu organismo en xeral, estea en condicións de lle facer fronte, ou non. O mesmo vale para os grupos étnicos: son as condicións sociais de vida, e as prácticas culturais, as que inflúen na eficacia predadora da Covid-19. Hai quen pensa, e con criterio fundamentado, que non faría falta decretar o estado de alarma para xestionar esta crise; pero cando algúns din que non fai falta, e acto seguido proclaman que, se fixera falta, mellor sería cunha lei específica, e todo iso para denunciar a instauración dun estado totalitario, pouca consistencia se ve nese posicionamento (máxime se pretende gobernar xa). Para os amigos do xacobinismo máis propio dun Alfonso Guerra que dos tempos que estamos a vivir, só desde a recentralización se pode ser eficaz; pois non necesariamente, e non nos fartaremos de lembrar os exemplos de Alemania ou Suíza. Falarmos de taxa de mortalidade sen termos un criterio claro nos países da nosa contorna para proclamar que España vai á cabeza da mortalidade non é rigoroso. Como imos calcular a taxa de letalidade sen dispoñermos de datos sólidos sobre porcentaxe de infectados falecidos nin tampouco a porcentaxe total de xente infectada?

Unha familia camiña por unha rúa de Macau durante a crise do Covid-19.

Desde este pequeno país que está á beira dunha das principais redes de comunicación (marítima), pero que é sentido (e mesmo boa parte del se sente) como periferia, debemos tirar varias conclusións tanto de carácter xeral como específico tras esta crise.

Volver a agarrarnos ao «que nos gobernen outros, amigos, que nós non sabemos» é un retroceso moi grave despois de tantos anos reclamando máis autogoberno. A mellor maneira de concienciar da necesidade de ampliar dito autogoberno é sabendo proxectar os principios ideolóxicos en propostas políticas prácticas que reflictan a realización dos mesmos. Esas propostas políticas concretas son as que han deixar en evidencia a un presidente da Xunta que suspirou aliviado ao ver que o goberno central petaba forte na mesa berrando aquilo de «a baralla é miña!». E tamén a un goberno central que, á mínima, volve ter soños de grandeza centrípeta que se partiría os dentes co cabrón do angazo. Que agasallo tan grande recibiu Feijóo de Sánchez con esta actitude tan xacobinamente ridícula. Non lles chama a atención que esta crise estea a ser xestionada (dende o goberno e toda, ou boa parte, da oposición) por xente de Madrid, dese Madrid que se sente o centro do mundo?

Hai que potenciar a I+D+i sen aplicarlle as présas do mercado. Nestes momentos, semella que non hai máis preocupación que a do bicho, ansia que de seguro amainará unha vez superada a situación. Ou non lembran o ocorrido co MERS e o SARS? Temos que desandar o camiño percorrido na privatización e mercantilización do sistema sanitario público. Poderemos aproveitar as vantaxes dunha posta en práctica ben xeralizada do teletraballo e da organización do tempo de ocio e o sector servizos. Ignorar a baixada dos índices de contaminación (nomeadamente nas nosas cidades) polo confinamento, sería unha mágoa. A nivel educativo non poderemos obviar que o curso seguinte vaise ter que programar contemplando a posibilidade real de interrupción temporal, aínda que só sexa en centros nos que poida haber un rebrote. E a nivel de dereitos fundamentais teremos que fiar ben fino para evitar derivas autoritarias pero ao mesmo tempo atopar a maneira de previr unha nova pandemia. Son moitos retos. Só cunha actitude participativa, evitando a contemplación pasiva coma escravos da eikasía 2.0 poderemos loitar e facernos donas e donos do noso futuro.

Farruco Graña é profesor de Filosofía no IES Marqués de Casariego (Tapia de Casarego, Asturias)

Servando López é anestesiólogo no Complexo Hospitario Universitario A Coruña.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail