A revolta das Letras Galegas

Este pregón é un antipregón.

É unha atacada.

Ás atacadas!

Era unha expresión da infancia rebelde nalgunhas bisbarras de Galicia: Ir á atacada ás claudias, ás cereixas, ás peras, ás uvas…

Ir pola froita prohibida.

Volver ao paraíso por galerías de toupeira.

Somos refuxiadas cantareiras, poemas exiliados, inmigrantes folkis, náufragos rapeiros, somos palabras orilleras, músicas ribeireñas, almas desterradas na liña do horizonte, somos froita clandestina no propio país, no paraíso subtraído. Somos da irmandade secreta que retoma o castelo soerguido coas mans, cos tocos, coas bocas desdentadas da historia: irmandiñas, comunais.

Somos neghras sombras con vagalumes na man para atravesar a noite.

Mais hoxe imos á atacada.

Non celebramos o día das Letras Galegas.

Celebramos a revolta das Letras Galegas,

Somos neghras sombras a sementar lúas no castro das Barreiras.

Somos o soño das bestas a rinchar cara o mar no monte do Faro.

Palabras balbucidas, coxas, vagabundas, indómitas, cicatrizadas, chamuscadas, demoucadas, acocoradas, falenas tropezando coas lámpadas, caendo polos patios, xirando o dial do muíño, raspas de palabras, encrespadas, nos ósos, na bicada das aves, refachos no ar, campo a través, a tirar o espiño dos pés, divagantes, errantes, desexosas de poñer a liberdade no corpo da linguaxe.

O gurgullar na gorxa. Que gozo erótico a bater no padal. Que brincadeira na punta da lingua. Que amizades perigosas nos beizos.

A historia da nosa lingua é a da extinción pavimentada pola indiferenza, biodiversidade depredada pola bioperversidade, sempre as gaiolas á procura de grilos e paxaros, contrapaisaxe, produción de medo, produtores do réquiem, maldito sitio triste:

Fillos de Whitman fillos de Poe

Fillas de Lorca e Rimbaud

Fillos de Curros e Rosalía

Fillas de Lois Pereiro e Xela Arias

Poetas doutro alento

Poetas doutra visión

Quen de entre vós aínda desfecha

Os cadeados das portas?

Hoxe é o día da des-extinción, abrimos os cadeados, imos ás atacadas: froita, froita, froita!

Des-extinción

Lingua Rosa dos Ventos!

 

Vento que vés de Traba,

Feo, fento, fiúncho,

Todo é bandada,

Bisba, brúa, ouvea,

Todo é bandada.

 

Vento que vés de Traba,

Salseiros en umbela,

Mar de mil en rama,

Carreiros destecidos do ar,

Refacho de medusas no herbal,

Todo é bandada.

 

Todo trema,

Todo tatexa,

Como unha lingua materna

A criar

No velorio das aves.

 

En Vimianzo de Soneira,

Solemne anti-pregón,

Ás atacadas,

Ás ceibas,

Proclamamos:

Froita, loita, froita

Loita, froita, loita!

 

Hoxe comeza a des-extinción:

Neghras sombras levamos vagalumes nas mans!

Viva a revolta das Letras Galegas!

(Este texto foi lido no castelo de Vimianzo, no festival Neghra Sombra: A revolta das Letras Galegas, este pasado 12 de maio de 2018)

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail