O PP pagou en seis anos 17,8 millóns en publicidade e subscricións da Xunta a xornais afíns

A Coruña.- Os gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda pagaron nos últimos sete anos preto de 18 millóns de euros da Xunta de Galicia a cinco editores de xornais afíns, a través de contratos menores asignados a dedo sen concurso público por cantidades inferiores a 30.000 euros cada un. Esa modalidade permite ás administracións obviar as normas de publicidade, control e libre concorrencia que afectan a contratación pública convencional.

Entre 2018, o primeiro ano no que a plataforma de transparencia da Xunta ofrece as adxudicacións menores do Executivo autonómico e a súa rede de organismos dependentes, e 2024, a Xunta asinou con esas empresas 4.746 deses contratos, a unha media de 56 ao mes, por uns 7.000 euros ao día e por un valor total de 17.843.479,42 euros.

A maioría refírense á compra de espazos de publicidade e propaganda ou a subscricións ás súas respectivas cabeceiras de consellerías, axencias, fundacións, empresas públicas e outras entidades descentralizadas da Administración autonómica. Pero as mesmas sociedades editoras tamén recibiron financiamento da Xunta a través das súas filiais e empresas vinculadas, que se beneficiaron desas adxudicacións menores discrecionais pola venda doutros servizos relacionados coa comunicación.

Esas cantidades súmanse ás que as mesmas compañías xa obteñen mediante axudas institucionais directas, compras en masa de diarios e outras subvencións e convenios sen concurso, que durante os executivos do Partido Popular desde que Feijóo chegou ao poder en 2009, ascenden a preto de 50 millóns de euros.

Liña editorial axustada aos intereses do PP

As once cabeceiras, de tendencia liberal ou conservadora e cuxa liña editorial adoita axustarse aos intereses dos gobernos populares, conforman case en exclusiva o ecosistema de medios diarios escritos. Sermos Galiza, o único xornal de liña nacionalista de esquerdas, recibiu da Xunta no mesmo período 40.679,55 euros, case 30 veces menos que a menos obtivo de entre as anteriores.

As sociedades máis beneficiadas son as vinculadas a La Voz de Galicia, o maior diario da comunidade e un dos principais soportes mediáticos dos gobernos do PP na comunidade. Só en contratos menores, a Xunta entregou en sete anos a La Voz 5.734.332,50 euros a través de 1.584 adxudicacións menores.

Delas, 1.426 corresponden á empresa editora, La Voz de Galicia SA, por un valor de 4.668.747,86 euros. Os outros 157 repártense entre a súa matriz, Corporación Voz de Galicia SLU (128.409 euros); a firma que xestiona a cadea de emisoras de radio, Voz de Galicia Radio SLU (109.223 euros); a produtora Voz Audiovisual SA (36.148 euros); a filial demoscópica Instituto Sondaxe SL (723.973 euros), e a Fundación Santiago Rey, propietaria de todas elas e que preside Lois Blanco (67.829 euros).

O Grupo El Progreso, propiedade da empresaria lucense Blanca García Montenegro, é o segundo máis beneficiado con 958 contratos menores por un total de 5.136.001,94 euros. A empresa editora de El Progreso de Lugo, O Progreso SL, obtivo 369 adxudicacións por 1.570.111,2 euros; e Comercializadora de Medios El Progreso SLU, outras 121 por 1.207.582,08 euros. A filial que xestiona Diario de Pontevedra, Lérez Edicións SL, asinou 285 contratos menores por 887.526,16 euros.

Empresas filiais

Ademais, García Montenegro facturou á Xunta outros 1.297.480,30 euros a través de 172 contratos da Axencia Galega de Noticias SA; dez por 156.362,20 euros con SAR Comunicacións Século XXI SL, e un de 16.940 euros con Productora El Progreso SL.

Editorial Prensa Ibérica, propiedade do empresario aragonés Javier Moll subscribiu entre 2018 e 2024 1.228 contratos menores por 3,08 millóns de euros a través das filiais vinculadas a Faro de Vigo e La Opinión da Coruña –Faro de Vigo SAU, La Opinión de La Coruña SL, La Opinión Coruña Media– e Prensa Ibérica 360 SL, a división comercializadora de publicidade do grupo.

Ademais, Editorial Compostela, adquirida por Moll en xaneiro de 2023 e que publica El Correo Gallego de Santiago, facturou á Xunta a través doutros 300 contratos menores outros 956.695,99 euros, o que eleva a máis de 4 millóns o volume de negocio do grupo coa Administración autonómica só a través desa modalidade de contratación.

«A Rexión» e Editorial A Capital

En canto ás empresas de comunicación de Óscar Outeiriño, editor de La Región de Ourense e de Atlántico Diario, obtivo tamén 303 adxudicacións menores por 1,11 millóns a través de La Región SA e de La Region [sen acento] SA; 172 con Rías Baixas Comunicacións, propietaria de Atlántico por 324.000 euros, e 31 convenios máis por preto de 180.000 euros con Telemiño.

Editorial La Capital, propiedade do empresario do xogo José Collazo e editora de El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa, beneficiouse no mesmo período de 470 adxudicacións menores da Xunta por 1,3 millóns de euros.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail