A normalidade (nova ou vella) [II]

Se cadra, nesta altura, coidan en pensar que ando un pouco perdido. Eu tamén, non se fagan mala sangue, mais consonte avanza a escrita iranse abrindo luces/luzes, ou se cadra hipóteses, que vaian desbravando o camiño, que é do que se trata cando se observa, se analiza e posteriormente se actúa (os tres actos, case simultáneos, do proceso da escrita). Estáballes contando ao inicio desta crónica que logo dunha semana de abrir as terrazas decidín sentar a tomar un café. Seguín a pauta de vacinación coas dúas doses (xa tres) e sen relaxar as medidas básicas de seguridade optei por darlle unha oportunidade á «normalidade persoal» (a min gústame escribir nos cafés).

Agora estou sentado na praza de Fernand Coq, diante da cola para a panadaría e da glicina inmensa que cobre a fachada do café Contra Bande (aquí gustan moito dos xogos de palabras). A glicina está en todo o seu esplendor nesta primavera adiada onde o agromar das flores atrasouse de vez (en Bélxica, en Galiza hai outra realidade floral). Rematado o café son eu quen se integra na cola esperando polos croissants, que é o mesmo que dicir á espera dun pequeno almorzo pouco saudábel. Nun canlón que baixa do tellado alguén pegou un autocolante coa inscrición «L’enfer c’est le déconfinement» (o inferno é o de-confinamento), coa cabeza dunha pomba sobre fondo verde e anil. Entendo o que di, mais non como o di; por que a pomba? Será que o confinamento noso é bo para as pombas? Será que o de-confinamento implica unha maior actividade humana e daquela menos liberdade para as pombas? Que é o que significan as pombas en todo isto? Somos nós as pombas? Quen está detrás de todo isto? Dura pouco esa coida absurda, pois xa entrei na panadaría e non hai o que eu quero. Confórmome (estámonos afacendo progresivamente a ser compracentes, a obedecer, a asumir limitacións como necesidades).

Praza de Fernand Cocq, en Bruxelas | @Trainbleu

Regreso á casa pensando (vicio absurdo nunha sociedade que non reclama pensadores, senón influencers). Quen sabe se o inferno é o de-confinamento e a liberdade pautada, quen sabe se a liberdade, que criamos absoluta, non era senón ilusión dunha sedación parcial, onde o cerebro non é consciente, mais continúa funcionando. Quen sabe se vivimos no purgatorio ou se a mención deses lugares míticos, enténdase inferno, purgatorio, tal vez ceo edénico, non lle vai molestar a alguén, pois hai xente de pel moi fina que deseguida experimenta un sarabullo mental por unha nimiedade.

Na fin vai resultar complexo delimitar a esencia do retorno á normalidade, pois antes do virus xa non vivimos unha normalidade única senón que cadaquén (individual, tribal ou colectivamente) vivía a súa propia, que, por certo, evoluía de xeito diacrónico. Ou é que a existencia de bolsas de fame no mundo, o inferno do Ébola ou da malaria, o da exclusión e a guerra (real ou larvada), os bombardeos de crianzas no Iemen ou en Palestina, en Siria ou en Ucraína, os golpes de estado en Myanmar ou no Sudán do Sur, Chad, Gambia, Níxer, Burkina Faso, Burundi, Zimbabwe, Gabón e mais Etiópia, as guerras sen fin en Afganistán, Siria, no Congo ou nas illas Filipinas, a represión dos iugures ou dos tibetanos na China, as desigualdades crecentes en América do Sur ou Central, onde a inseguridade e a corrupción medran dendríticas producindo sangrías humanas sen límite, migracións aloucadas fuxindo do caos político e social, das asociacións criminais infectando/infestando as administracións públicas (de pretendidas esquerdas, dereitas ou centristas, tanto ten), son elas normais.

Tampouco se pode entender como normalidade vivir nun país con dúas linguas oficiais confrontadas, gonfalóns de comunidades que viven viradas de costas unha da outra. Ao fin de contas, unha das linguas ten unha connotación política (que loucura, que asalto á razón!) e daquela ninguén sabe o que en realidade quere e todos seguen a abandeirados populistas que manipulan as vontades (e os votos). Daquela a situación torna insostíbel, pois esa tensión permanente, esas traizóns a toda razón, non poden nin deben ser consideradas a normalidade á que aspiramos no mundo que, coma un xel viscoso, escorrega entre os dedos das mans. E menos aínda mentres tomamos café nunha terraza e pensamos –errado-, que porque estamos vacinados somos inmunes, cando, en realidade, só o somos parcialmente e negando a maior, que é a solidariedade, podemos contaxiar aínda que nós sexamos transmisores asintomáticos. Non o entenderon. Logo de case ano e medio de pandemia deberían por curiosidade mínima, case de supervivencia, ter adquiridos xa certos coñecementos de saúde pública. Non todo é coller sitio no sofá para a seguinte serie ou o seguinte documental mentres se escolle a comida por Internet. Un pouco de seriedade!

Alguén que mora no castelo de Kafka decretou que a normalidade era isto e agora toca sacudir esa incomodidade. Levará anos recuperar, pois, a desorganización de clase que o teletraballo propicia e a ausencia de empatía desenvolvida nestes últimos meses (a semente xa estaba nos regos, mais este foi o factor fecundante). Esta situación levaranos indefectiblemente a unha marcha atrás nos dereitos sociais/laborais e, a medio prazo, nos dereitos humanos.

E no país galego, que vai pasar aquí. Pois nada que sexa realmente salientábel; xa imaxinan. Prolongarase o goberno actual dunha soa cor, os da outra banda intentarán o liderado múltiple como sempre levan intentando dende que comezou esta andaina da comunidade autónoma e acabarán a un palmo ou dous de sumar o bastante para levar a contraria ás estatísticas e as enquisas. Ou sexa, perderán por infantís, por sectarios, por ególatras e por parvos de espírito. Non hai outro nome nin outro diagnóstico. A quen se lle ocorre querer gañar sen o capital necesario (cousa que si teñen noutros territorios con vocación de autoxestión), sen as ideas claras (programas construídos con consignas e lugares comúns), sen prospectiva a medio prazo (visualización dun país realmente autónomo que si se pode permitir a independencia ou non), sen ideas lúcidas para o curto prazo que presenten vantaxes visíbeis e tanxíbeis para o común da poboación (a nivel de impostos) que é quen decide o goberno seguindo as directrices do capital.

Vai en anexo (avenida de lembranzas, arrepión da memoria asociativa) unha lista da «normalidade galega básica» tal e como acode a miña mente de (h)emigrado. O «h», enténdase, para chamar a atención no facto da hemi (medio) migración de hoxe en
comparanza cun pasado non tan remoto cando as comunicacións instantáneas estaban moito menos desenvolvidas que hoxe. En metade dos anos 80, que foi cando emprendín a miña primeira migración temporal, non había teléfonos móbiles e apenas si había computadoras, e estas non tiñan acceso a internet (na altura en proceso de experimentación no ámbito militar) e as viaxes en avión resultaban caras e había pouca oferta de voos. Daquela as comunicacións e as viaxes ao país de orixe estaban limitadas, sendo a emigración unha experiencia moito máis traumática do que o poida ser hoxe (salvante excepcións, que sempre hai).

«Como corolario a esta disertación algo atrapallada, dicir, que, en realidade, a normalidade galega son as festas gastronómicas, as grandes iconas do deporte ou da farándula, algúns escritores do século XIX e as manifestacións esotéricas (romarías e os seus rituais ancestrais), que é o que fai que nós sexamos un país diferenciado. O esoterismo e as festas son o transversal na nosa sociedade. O demais é conversa».

Faleilles, todo mesturado, da panadaría Renard (notábeis os seus croissants à la crème), de Borges e do Che Guevara en asociación inaudita, das clases populares e Madame Bovary, dos medios de comunicación e de min mesmo, como case sempre. Disimulen a reiteración cosmogónica e sexan felices na súa normalidade.

Xavier Queipo, Bruxelas, abril 2022

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail