Sete vidas na casa Ennis

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

«Vas tropezar e quedar sen dentes» é a frase que a miña nai me repetía constantemente cando saiamos á rúa, seguida dun «Así nunca encontrarás unha peseta: mira cara a adiante». Esa afección a reparar nos edificios cando vou andando xa a paguei ben cara: comín varios farois, escordei un nocello e fendín a cabeza (dúas de veces!) nas máquinas de tabaco que había na beirarrúa. Como na familia non conseguiron corrixirme esa teima, a lista de avarías segue aberta e medrando. Aínda que a miña altura de miras tamén me trouxo sorpresas agradables, como o cartel de alugamento dun ático precioso onde pasei anos almorzando fronte a ría de Vigo.

Imaxe da casa Ennis na serie de animación South Park.

Ter o pescozo ben adestrado permitiume gozar dos rañaceos de Chicago e de cada detalle das casas que proxectou nesa cidade o arquitecto Frank Lloyd Wright. A beleza das súas construcións percorre quilómetros de celuloide, pero sen dúbida a máis retratada é a insólita Ennis House (1924) de Os Ánxeles, un deseño inspirado nos templos maias e aztecas e hoxe monumento nacional.

Michael Curtiz foi o primeiro director en plasmar o singular edifico, na película Female (1933), Hembra na versión que acabo de ver. O título xa impón, pero a trama é tan exótica para a época como o edificio de Wright: conta a historia de Alison (Ruth Chatterton), unha muller que herdou do pai unha empresa e varios millóns, e con esa liberdade da vida resolta decide manter relacións con tantos homes como lle peta, mesmo cos seus empregados. Sen dúbida, os sesenta minutos mellor investidos na miña semana.

Michael Douglas en Black Rain.

Din os que saben que El día de la langosta é unha novela interesantísima. A min o título sempre me tirou para atrás, pero como almorzo cada mañá nunha cunca decorada coas vidreiras da vivenda de Lloyd Wright, quedei sen escusas para non ver a película baseada no libro de Nathanael West, na que tamén sae a Casa Ennis. A trama, unha sátira do mundo de Hollywood que corta de afiada, pareceume bestial. Aínda hoxe cando me falan de Homer Simpson penso antes no personaxe que interpreta Donald Sutherland no filme rodado por John Schlesinger en 1975, que no amoroso pai de Bart, Lisa e Maggie.

Con Blade Runner (1982), de Ridley Scott, a construción de Wright consagrouse como unha das máis populares do cinema. Soñar que vives no apartamento 9732 da Ennis House, como Harrison Ford, é unha das impagables vantaxes de meterse no pel de vidas inventadas. Scott regresou en 1989 á propiedade do multimillonario Ronald Burkle para a rodaxe de Black Rain, con Michael Douglas e Andy García.

A lista de directores seducidos pola exuberante mansión é tan longa que non queda recuncho por filmar do edificio. Todos buscan un ángulo orixinal, un plano nunca visto, un detalle que pasase inadvertido. Rodar en Os Ánxeles e non ter unha imaxe da Ennis House é de pobres. Mesmo David Lynch aproveitou esta icona arquitectónica na tamén mítica serie Twin Peaks, circunstancia na que moitos non repararon, pero vemos a Casa Ennis en breves planos dos televisores nos que moitos dos protagonistas da serie de Lynch seguen a telenovela ficticia Invitation to love. As homenaxes son ás veces tan divertidas como a do episodio «Wing» de South Park, que enche este magnífico búnker de formigón con criminais de cor amarela.

Ricky Martin no fotograma dun videoclip, rodado na casa Ennis.

Lloyd Wright é un creador de beleza, a maior -creo- das riquezas que podemos acadar. E as persoas somos quen non só de estragala: destruímola sen pudor. Está claro que ser multimillonario non implica ter bo gusto, pero xa me parece vender a alma se deixas que nesas exquisitas vidreiras e corredores grave Ricky Martin, con movementos de horterismo extremo, o videoclip da canción -é un dicir- «Vuelve» (1998).

Sigo mirando cara ó alto pola rúa, agora co medo a atoparme a Ricky Martin asomado nun balcón. Sei que cando volva a afociñar e quede sen dentes -e volverei- Ricky sorrirá coa súa dentame perfecta e verei nela os deseños fascinantes do arquitecto que me fai voar.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail