O futuro da adolescencia como documental

Entrar nunha aula de secundaria é algo así como facelo nun documental de Félix Rodríguez de la Fuente. Supoño que ás novas xeracións non lles soará o nome. Eu son millennial (ata cando unha pode considerarse das novas?) e xa só vin reposicións de El hombre y la tierra. Porén, toda infancia anterior ao auxe das redes sociais medrou con aquel home de fronte ancha, voz grave e animal no colo. Nun tempo no que viaxar non era tan común, grazas a de la Fuente visitamos os lugares que os seus pés pisaban e descubrimos a natureza que el amaba.

A esa rapazada que vemos ao entrar na clase quizais lles soe máis o nome de Frank de la Jungla. Ao seu Santuario Libertad (agora deberiamos chamarlle Santuario Maltrato) foron algúns youtubersstreamers e influencers, como TheGrefg ou YosoyPlex. Cada xeración ten os seus referentes e os seus códigos lingüísticos, está claro. Escoitalos falar sen que se decaten é coma ver un capítulo de El hombre y la tierra salpementado de anglicismos. Non oen de fondo aquela música inesquecible da intro, composta por Antón García Abril?

No microecosistema adolescente actual a música que se oe seguramente será algo como «Tití me preguntó si tengo mucha novia, mucha novia, hoy tengo a una, mañana otra, pero no hay boda», de Bad Bunny (2022) ou «Picheo esta puta, esa es la baby, tú bajas pa acá, me la sube, esa nota es una cura, ese cuerpo es una aventura, ¿por qué ese piquete tan chula? Ese totito te huele a fruta» de Blessd, Anuel AA, Kris R e Luar La L (2025). Ao mellor non, claro, pero o que seguramente non escoiten sexa o «No hay quien entienda a las mujeres. Llevo años intentándolo. Tendrían que ser como la tele, que trae manual de explicación, prenderlas a control remoto, callarlas tocando un botón, y si te fallan o hacen rayas, mandarlas a devolución» de Pimpinela (1997) ou «Siempre los cariñitos me han parecido una mariconez» de Mecano (1988).

Esta última provocou unha polémica en Operación Triunfo 2018 cando unha das concursantes (27 anos) dixo que non quería usar a palabra mariconez por homófoba. Ana Torroja (59) pronunciouse pedindo «liberdade e non censura». «Si alguien no se siente cómodo cantando esa canción, no debería de cantarla, que escoja otra».

Mentres observo a estes machos e femias da especie humana entre os 12 e os 18 anos, lembro que as enquisas din que cada vez veñen máis machistas e que rexeitan máis a diversidade sexual. Todo iso do «wokismo», que diría Trump. O que pasa é que o presidente dos Estados Unidos ten 79 anos e non chegou ao poder precisamente por estas xeracións novas.

A mirada que deito sobre a adolescencia non é maternalista: como de la Fuente, o ánimo que me move é o entendemento, a comprensión. Observo o futuro da nosa especie como se fose un documental porque por norma esa ollada é unidireccional. E está ben, porque acaso non é esa a esencia da puberdade? A rebeldía, o cuestionamento da orde establecida, a xerga grupal, a desconexión dos pais e nais, dar maior importancia ás opinións dos seus iguais. Calquera que vivise unha adolescencia (hai xente que saltou esa parte da vida) sabe do que falo.

O problema é cando nós, a xente adulta, non miramos a xente nova. Segundo o informe La adolescencia española analizada desde el Estudio HBSC-2022: estilos de vida, contextos de desarrollo y bienestar emocional, realizado polo Ministerio de Sanidade en colaboración coa Organización Mundial da Saúde, desde 2018 a satisfacción vital da rapazada baixou do 44% ao 29% e o seu benestar emocional do 37% ao 27%. Pero é que, ademais, a percepción que teñen da comunicación en familia descendeu do 65% ao 59%; a satisfacción con este ámbito do 61% ao 58%; e, o que é máis grave, a de ter o apoio familiar do 70% ao 61%.

«A cultura tecnolóxica está obrigando ao home a vivir en cárceres confortables, en inmensos labirintos sen horizontes, feitos de cemento, ferro e cristal», dixo de la Fuente. Quizais deberiamos preguntarnos que estamos a facer as «vellas xeracións» para evitar que as novas se convertan no que non queremos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail