Un fío invisible atándote a min

Aínda que os meus affairs románticos sempre foron intensos, dramáticos e cursis, as cancións de amor sempre me lembraron máis ás miñas amigas. Hai algo na forma grande e total de querer a alguén dunha boa balada que me inspira máis a pensar nas amigas que me invitan tomar un café, me din cousas bonitas cando estou triste, axudan cunha mudanza e me van buscar ao aeroporto que nun posible interese romántico. Os grandes romances da miña vida son es miñes amigues e creo que as miñas relacións con elus merecen o tipo de bandas sonoras xeralmente reservadas para amantes. Super Trouper, de ABBA, faime pensar en Sandra; Songbird, de Fleetwood Mac, faime pensar en Kim; Wonderfully Bizarre, de Bendigo Fletcher, en Ana, e Late To the Party de Kacey Musgraves faime pensar en Inés

E sempre pasa igual: estou escoitando tan tranquila unha canción que escoitei mil veces e, de súpeto, a letra toma forma nunhe delus. Hai pouco que me pasou isto outra vez. Outra das miñas cancións preferidas atopou unha amiga da que ir da man.

Ela naceu o seis de setembro do noventa e seis. Eu cheguei cento corenta e seis días máis tarde. Gústalle dicir que me leva un ano, aínda que pouco mundo houbo no que estivera ela e non estivera eu; en fin. O caso é que non nos atopamos ata oito mil setecentos sesenta e nove días máis tarde. Sabemos exactamente cantos días tardamos en atoparnos porque foi xusto o dous de febreiro do 2021 cando unha completa descoñecida me comentou nun TikTok ridículo no que facía unha referencia a unha serie que non moita xente na miña contorna coñecía. Que pouco romántico, que depois deses oito mil setecentos sesenta e nove días nos atoparamos en TikTok. Pero que bonito pensar en que neses oito mil setecentos sesenta e nove días, a descoñecida e mais eu vivimos vidas paralelas. 

E sempre pasa igual: estou escoitando tan tranquila unha canción que escoitei mil veces e, de súpeto, a letra toma forma nunhe delus

Vimos as mesmas series, escoitamos a mesma música, ríronse de nós en diferentes escolas e institutos en distintas provincias e anhelamos sentirnos menos soas desde as nosas casas en aldeas que estaban a escasos cen quilómetros. Aprendimos inglés por Internet e a nosa adolescencia tivo a Taylor Swift de banda sonora. Ambas marchamos da Galiza estudar no mesmo ano, e ambas fomos a Irlanda de Erasmus tres anos máis tarde. Igual algún día paseamos polas rúas de Dublín, ou Galway, e cruzámonos sen saber o amor que tiñamos gardado dentro a unha pola outra. 

No seu tema Invisible String, Taylor Swift canta: «Non é bonito pensar que todo este tempo había un fío invisible atándote a min?». Eu non creo moito no destino nin en teimas desas, e diría que ela tampouco, pero si que é bonito pensar que estabamos destinadas a ser amigas. Somos tan parecidas que querela e ela fai que sexa máis fácil quererme a min; somos tan distintas que os ollos cos que ve o mundo póñenme os pés na terra. Din que nacemos soes e morremos soes, pero eu nacín nun mundo no que xa estaba Helena, e saber que quixen e fun querida desta forma é algo que non me pode quitar ninguén.

No seu tema Invisible String, Taylor Swift canta: «Non é bonito pensar que todo este tempo había un fío invisible atándote a min?». Eu non creo moito no destino nin en teimas desas, e diría que ela tampouco, pero si que é bonito pensar que estabamos destinadas a ser amigas

Ás veces, as nosas chamadas son como o sacramento da penitencia. Helena senta ao teléfono para escoitar sobre as partes de min que me enchen de culpa e absólveme de todos os meus pecados antes de que eu diga unha soa palabra. Outras veces, condéname ao castigo cruel de ser coñecida demasiado ben. Rise de min, quítalle importancia a cousas que non a teñen e dáme permiso para sentir o que sinto. Desde que a coñezo, camiño máis lixeira. Hai cousas que noutras persoas me amolan de formas imperdoables, pero nela é unha parte tal do paquete que a querería menos se fora perfecta. Pílades dille a Orestes: «Coidarei de ti». Orestes responde: «É un traballo podre». «Non para min», replica Pílades. «Non se es ti».

É facil pensar o bonito que tería sido ter a Helena todas as veces que sentín que non tiña con quen falar. Esta amizade dálle unha nova profundidade ao feito de que non coñecín a todas as persoas que vou querer, porque tardei oito mil setecentos sesenta e nove días en atopala, existindo paralelamente, estando feitas como estamos para compartir esta amizade. Un fío invisible, canta Taylor Swift. Cadeas ao redor dos meus demos, la para afrontar as estacións. 

No coche soa Invisible String, de Taylor Swift, e penso en Helena, e penso en todas as miñas amigas, e penso no privilexio que teño de vivir esta vida na que as podo querer, na que podo cociñarlles cousas ricas, levalas á praia no meu coche, compartir unha mandarina no parque, abrazalas cando choran, falar con elas catro horas por teléfono. No coche soa Invisible String, de Taylor Swift, Helena é a miña amiga e teño sorte de estar viva.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail