A morte do autor

Como crianza do rural dunha aldea un tanto illada da era pretablets, hai moitas sagas de libros que marcaron a miña infancia. Das miñas irmás máis vellas, que medraron nos oitenta, herdei Puck, Os Hollister e Os Cinco; do meu primo, Kika Superbruja; da miña mellor amiga de Compostela, catro anos máis vella, Crepúsculo, Memorias de Idhún e Crónicas de la Torre. Despois, pola miña conta tamén lin moitas outras grandes sagas: aventureime nos cómics e nos mangas coas W.I.T.C.H., Naruto e Full Metal Alchemist, devorei todas as novelas da era dos vampiros (Vampire Academy, Crónicas Vampíricas, Evermore…), a era dos anxos (Cazadores de Sombras, Hush Hush, Dos velas para el diablo…) e, como non, a era das distopías (como olvidar Os Xogos da Fame e Diverxente). Pero, sen ningunha dúbida, a saga que marcou a miña infancia e a miña adolescencia non é outra que Harry Potter.

É aquí e hoxe cando confeso que durante moito tempo deixei que a miña personalidade estivese definida por unha saga sobre un mago orfo e es súes mellores amigues escapando da morte durante toda a súa traxectoria académica, pero tampouco é que sexa algo sorprendente: Harry Potter é unha das sagas de libros máis vendidas da historia, e marcou fortemente as infancias de moitas persoas. É raro atopar alguén da miña quinta que non vira polo menos as películas, outro gran evento cultural da miña vida: a primeira vez que lembro interesarme pola vida persoal dunha persoa famosa foi cos actores e actrices da saga. Chorei durante horas cando lin o derradeiro libro, e chorei aínda máis no cine vendo a derradeira película con catorce anos: vivino como a fin dunha era, a fin da miña infancia. Foi máis ou menos por aquela época cando comecei a dedicarlle moitas horas do meu tempo a Tumblr, onde nos meus anos adolescentes acabei por ter un blog semicoñecido sobre Harry Potter e Taylor Swift no que facía moita promoción das miñas fanfictions sobre os Marauders ou os Merodeadores, que para quen non o saiba é o grupo de amigos do pai de Harry Potter, que asistiron ao colexio Hogwarts de Maxia e Feiticería nos anos 70. Non só escribín extensa ficción baseada no mundo de Harry Potter, non. Atopei un nicho ben específico.

No 2020 J.K. Rowling, a autora da saga que marcou a miña infancia, fixo unhas declaracións de carácter claramente tránsfobo de forma reiterada e pública. A muller que creou o mundo no que tantas horas de soidade pasei na miña adolescencia fixo ataques especificamente cara as mulleres trans, caracterizándoas como homes predatorios con saia esperando o momento oportuno para atacar as pobres mulleres «biolóxicas», e insinuou que os homes trans eran rapazas confundidas polo patriarcado. E é que non só fixo estas declaracións en Twitter e xa está, senón que escribiu un longo e confuso ensaio ao respecto e propagou noticias falsas nas súas redes para alentar a súa cruzada persoal contra un dos colectivos máis vulnerables do mundo. Foi unha experiencia moi dura para a esquina da Internet na que eu seguía lendo e compartindo fanfiction con outras persoas, xa que conformabamos unha comunidade extremadamente diversa: Sara, a rapaza que me editaba as fanfictions, era unha muller latina trans de Florida, EEUU; no meu grupo de WhatsApp de nome «Mischief Management» (unha referencia aos meus queridos Merodeadores), persoas LGBTI de todo o mundo discutiamos e comentabamos todo tipo de eventos relacionados coa saga que tanto espazo ocupaba das nosas vidas: Cal sempre tiña os mellores cosplays; Lily escollera o seu novo nome para honrar o seu personaxe favorito; Dani e Lu sempre atopaban os mellores fanfictions para que o resto os desfrutaramos. Foi Lu quen compartiu con nós All the Young Dudes, o meu fanfiction favorito no mundo, e o último vestixio de Harry Potter que me vexo capaz de ler agora, con 25 anos.

Cando se fixeron públicas as declaracións tránsfobas de J.K. Rowling, comezou en Internet unha intensa discusión sobre o concepto de «a morte do autor». Esta discusión non era nova para nós, fans do fanfiction e fans de Harry Potter, porque debemos ser os fans da saga coa autora máis pesada do mundo (xunto con Anne Rice, outra para darlle de comer aparte). Joanne non paraba de reescribir Harry Potter. Destaca a súa declaración de que Dumbledore, director de Hogwarts caído na batalla, era gai e tivera un intenso romance co mago nazi Grindelwald no seu día. A morte do autor é un concepto de crítica literaria creado por Roland Barthes a mediados do século pasado no que defende que a intención e o contexto do autor dunha obra non debería determinar a súa interpretación. A día de hoxe, na era da información e da comunicación constante, o significado da morte do autor expandiuse. É máis relevante o que teña que dicir o autor sobre a súa propia obra ou, unha vez esta pasa a ser pública, as interpretacións e reinterpretacións daqueles que len a obra teñen o mesmo valor?

Na miña esquina da Internet Harry Potter era un libro moi diferente á obra que publicara J.K. Rowling. Na miña esquina da Internet Harry Potter sempre era debuxado como un rapaz de ascendencia india, coa pel máis escura, e Hermione era unha rapaza negra co seu pelo crecho nunha afro. En case todas as miñas fanfictions Harry era bi, obviamente, e en moitas delas el tiña un apaixonado romance con Draco Malfoy, quen tiña por primeira vez un arco de redención no que comprendía que os mortífagos eran, bueno, os malos, e facía esforzos por remediar o dano que fixera a través da súa ideoloxía de supremacía dos magos «sangue limpa». Na miña esquina da Internet había personaxes de todo tipo de contextos culturais, existían as personaxes LGTBI e explorábanse moitas máis ideas e en moita máis profundidade.

Pero é que cando J.K. Rowling publicou eses tuits tránsfobos, remexeuse algo en min que non sei como calibrar. Lin os libros unha última vez, esta vez coa lente máis crítica posible, e o que atopei foi… decepcionante. Descubrín que, en moitos aspectos, Harry Potter era unha copia un pouco cutre do Señor dos Aneis. Descubrín que, a pesar de que o argumento do libro era unha clara alegoría ao nazismo e que os mortífagos eran magos nazis que defendían a pureza de sangue, os trasnos que traballan en Gringotts, o banco máxico, parecen caricaturas de persoas xudeas sacadas dun póster de propaganda alemán dos anos 30, e son descritos como seres traizoeiros e crueis. A única personaxe irlandesa ten unha inusual fascinación polos explosivos. A única persoaxe de Asia do Leste ten de nome Cho Chang. Cho é un apelido coreano e Chang é un apelido chinés. Nin un minuto lle dedicou ao nome desta rapaza. Falando de nomes! Unha das pouquísimas personaxes negras, Kingsley Shaklebolt, ten un apelido que significa «cadea». Todas as personaxes femininas que non son Hermione, Ginny e Molly son ridiculizadas ou caracterizadas como insípidas ou estúpidas nalgún punto dalgunha das sete novelas. E despois, algo que xa sabía: en sete libros con milleiros e milleiros de páxinas, J.K. Rowling, que tan aliada do colectivo LGB se declara, non ten a capacidade nin o espazo de dedicarlle nin un parágrafo a contemplar que algunha das centos de personaxes do seu mundo máxico poida ser algo que non sexa heterosexual. E existe o romance en Harry Potter! Romance si, pero nunca para quen non sexa heterosexual, supoño.

Para moitas persoas coas que falei sobre o tema, a morte do autor en referencia a J.K. Rowling pasou a significar algo máis. Pasou a significar: podemos intentar ignorar que unha persoa coa que estamos fundamentalmente en desacordo escribiu esta obra que é tan importante para nós. Podemos separar a arte da artista, neste caso. Eu mesma non podo evitar volver a All The Young Dudes, o meu fanfiction de confianza, para sentir o acubillo do mundo no que tantas horas pasei nos peores momentos da miña adolescencia. Pero non podo separar a artista da arte, non podo ignorar que estes libros foron escritos por unha señora que repetidamente defende unhas ideas que atentan contra a existencia e a seguridade de Sara, Cal, Lily, Dani e Lu. Non podo ler a súa obra sen ver todos os prexuízos tácitos da autora, sen preguntarme como afectaría a forma de ver o mundo desta señora á miña forma de ver o mundo. Encantaríame separar a artista da arte. Encantaríame poder matar o autor. Pero non son capaz de ver Harry Potter. E o mundo segue xirando.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail