A Galicia global do traballo

O vencello da economía galega co exterior é amplo, sobre todo cando se entende a economía como unha actividade alicerzada no traballo humano. Das redes escravistas que fundarían fortunas primixenias, á man de obra expulsada en masa que tanto rédito daría á burguesía emigracionista de Vigo e da Coruña e que, xa en tempos de «desarrollismo», retornaría capitais en forma de divisas. Das obreiras da conserva creada por foráneos á produción de carne de vacún para a exportación —no século en que o proteccionismo mimaría o cereal castelán, a siderurxia vasca e a industria catalá—, ata que a crise propiciada pola entrada de reses americanas desbaratase todo. Mesmo a presenza de Inditex, como empresa global nacida da acumulación extraída da sobreexplotación da man de obra local, pode entenderse no marco desa vocación exterior da nosa economía. Os vellos galeguistas dicían que Galicia é célula de universalidade, pero este feito non sempre deparou boas novas aos que non teñen outra cousa que vender salvo a súa forza. Ben o saben, mentres escribimos estas liñas, varias familias galegas, e doutras nacionalidades, que agardan polos corpos dos seus seres queridos mortos ou desaparecidos no naufraxio do buque Pitanxo de Marín en augas de Terranova.

Vén isto todo a propósito do libro que pasaremos polo Bortel nesta ocasión. Falamos de Estendendendo a rebelión. Sindicalistas marítimos galegos na América atlántica, 1875-1930, un traballo asinado por Bieito Alonso Fernández, que recibiu o premio Manuel Murguía de ensaio e que vén de ser editado pola Deputación da Coruña en 2021.

O libro de Alonso Fernández —que complementa estudos como os de Dionisio Pereira sobre o sindicalismo e loita de clases nos portos galegos— hai que encadralo nunha tendencia historiográfica mundial de sona: aquela que, no contexto do sistema-mundo, historiza o propio espazo marítimo, neste caso o océano Atlántico, e concibe a historia como feito transnacional. O texto de referencia, como o propio autor apunta no limiar, é The Many-Headed Hydra. Sailors, Slaves, Commoners and The Hidden History of the Revolutionary Atlantic (A hidra de moitas cabezas. Mariñeiros, escravos, plebeios e a historia oculta do Atlántico revolucionario), o afamado volume de 2013 de Peter Linebaugh e Marcus Rediker que se debruza nas angueiras subterráneas de loita e resistencia anticapitalista en ambas as dúas beiras do océano que nos baña.

No libro de Bieito Alonso introducímonos na loita de fogueiros, paleiros, maquinistas, engraxadores, pinches, mariñeiros e estibadores, os postos máis duros do traballo marítimo, ocupados por homes que, na mellora das súas condicións de traballo, devirán sindicalistas, activistas, propagandistas e revolucionarios bregados na organización de folgas e piquetes. Xeografías americanas como Bos Aires, Montevideo, Río de Janeiro, La Habana, Nova York, Philadelphia ou Nova Orelans desfilan por un libro que recupera os nomes de compatriotas maiormente esquecidos. Personaxes como o anarquista ferrolán Gabriel Abad, correspondente da prensa activista, redactor de manifestos e protagonista dos primeiros pasos do socialismo político arxentino. Ou de Constante Carballo, da Coruña, un dos organizadores da gran folga de 1903 no porto de Bos Aires, calificado nun informe como «anarquista y agitador por excelencia de la clase obrera, incitador de la violencia». Ou de Ramón Suárez Picallo, comunista e nacionalista galego que desenvolvería a súa actividade no sindicato de Mozos, Cocineros y Anexos adherido á Federación Obrera Marítima (FOM); organización á que tamén pertencían os galegos José Amorín, Edelmiro Bernárdez ou Marcelino Lage. Picallo foi un gran líder de proxección nacional na Arxentina, e como axitador percorrería os portos do país austral. Ou como Juan Martínez de la Graña, ferrolán e fogueiro que en Cuba e nos EEUU avogaría por un sindicalismo combativo dentro da Unión de Fogoneros del Atlántico. Ou como Juan Arévalo Vieytes, de Dexo, Oleiros, quen destacaría pola súa actividade no sindicalismo reformista cubano e polas querencias socialdemócratas. Ou como José Filgueira, sindicalista da Industrial  Workers of the World (IWW) en Nova Orelans e fogueiro nos barcos da United Fruit Co., onde participaría de xeito decisivo, co tamén galego Francisco Prego, na «folga da banana».

Destes e outros moitos homes fala o libro de Bieito Alonso. Pero tamén da organización e experiencia cotiá do traballo, da vida nos buques e nos portos de descarga e da ambivalencia que, para o movemento obreiro, supuñan os cafetíns, espazos tanto de sociabilidade e propaganda como de perdición dos traballadores a causa do abuso do alcol e da prostitución.

Un ensaio que pode lerse en compañía doutra obra —de fácil acceso online e anterior ao libro de Linenbaugh e Rediker— pertinente agora que os fletes de contedores regresan ao primeiro plano debido ao seu encarecemento. Falo do ensaio-fílmico The forgotten space (Alan Sakula e Noel Burch, 2010), un percorrido interoceánico (o mar sería o espazo esquecido), a bordo dos cargueiros xigantes que sucan as augas unindo os maiores nodos portuarios da globalización actual: Rotterdam, Los Ángeles, Hong Kong…; pero un receso tamén nas zonas sacrificiais que deixa este tipo de economía globalizada: as vilas desafiuzadas próximas aos almacéns de contedores; as concentracións en campos de internamento de excluídos permanentes do mercado de traballo; as cidades da reconversión (no filme o Bilbao do Guggenheim, pero podería ser o Vigo de Caballero) transformadas en aldeas Potemkin; as zonas interiores e rurais esquecidas ou emisarias de carne de canón para as novas concentracións industriais planetarias…

Se durante o século XX a loita dos traballadores portuarios —galegos e de todo o mundo— foi, ademais de polo salario e o descanso, polo control sobre o propio traballo (polo ritmo e a capacidade de interromper a produción), o documental de Sakula e Burch describe unha clase obreira occidental sobrante e sen capacidade de control sobre un espazo de traballo altamente tecnoloxizado e entregado a un ritmo 7/24 insoportable para todo o que non sexan grandes corporacións. Por outra banda, este corremento cara a oriente, pois o Pacífico é hoxe o gran campo de manobras da economía mundial, mostra unha clase obreira recén chegada do agro, sen axencia nin organización suficiente para superar a hiperexplotación.

Son dúas propostas complementarias que iluminan en dirección oposta. O libro de Bieito Alonso deita luz sobre parte do noso pasado. O documental de Sakula e Burch, malia ter xa máis de 10 anos, sobre o que, se cadra, será o noso futuro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail