Carlos Dada: «O único que nos queda de democracia é o voto»

Xornalismo incómodo. Iso é o que fai Carlos Dada dende El Faro, o xornal que dirixe e que fundou en 1998 en El Salvador. Facer xornalismo alí é cada vez máis difícil dende que en abril se aprobou unha «lei mordaza» coa que publicar informacións sobre as maras pode significar penas de ata 15 anos de cárcere. Esta norma foi aprobada polo goberno de Nayib Bukele, un dos presidentes máis novos e populares de América Latina que chegou ao poder hai tres anos. Nese tempo limitou os dereitos constitucionais da sociedade salvadoreña decretando o estado de excepción, implantou as bitcoins como moeda de curso legal e describiuse na súa biografía de Twitter como «o ditador máis cool do mundo mundial». Tamén negociou coas cuadrillas de delincuentes, tal e como se demostra nunha exclusiva de El Faro na que se revelan gravacións de membros do Goberno falando con cuadrilleiros da mara Salvatrucha (MS-13).

O equipo de El Faro está acostumado a correr riscos, sufrir acosos ou saír do país polas reportaxes que asinan, pero están menos habituados a ser protagonistas da historia. Carlos Dada pasou de ser entrevistador a entrevistado na xira que realizou en maio polo Estado español para denunciar a situación que se vive no seu país. Así polo menos ninguén poderá «finxir que non sabía o que estaba a pasar en El Salvador».

En El Salvador ten máis pena de cárcere unha publicación sobre cuadrillas que unha violación. Como se traballa nestas condicións? Hai dous meses, cando aprobaron a «lei mordaza», El Faro, por primeira vez en 24 anos de historia, pechou a súa edición e substituíuna enteira por un editorial no que diciamos que pechabamos un día en protesta pola censura. Pero un medio ou un xornalista non pode aceptar o silencio como condición de traballo, e por tanto tamén dixemos que iamos seguir traballando a partir do seguinte día. É cada vez máis complicado, pero estamos decididos a seguir facendo o que facemos

Escribiron nese editorial que «o silencio non é opción». Pero a que prezo? Os custos son cada vez máis altos, pero nós non podemos esixirlle á cidadanía que demande os seus dereitos se non comezamos nós. É o noso dereito facer xornalismo, e é o dereito dos cidadáns estar informados. E nós cremos que iso está por riba de calquera lei, está garantido na Constitución. Hai un prezo alto que pagar? Pois si, pero iso non é polo traballo que facemos. Non estamos pagando un prezo polo traballo, estamos pagando un prezo porque estamos baixo un réxime autoritario. É dicir, o problema non é do noso traballo, o problema é de quen nos quere silenciar. Iso dificulta moito o traballo e ponnos no maior risco dende a firma dos acordos de paz. Nunca estivo en maior risco o xornalismo salvadoreño. Chegou o momento de ser creativos para poder seguir exercendo ese dereito.

Só neste último ano a liberdade de prensa en El Salvador caeu 30 postos, segundo Reporteiros Sen Fronteiras. Non debeu ser sinxelo informar sobre a pandemia.  Informar sobre a pandemia foi unha dor de cabeza porque –e isto non foi un caso único de El Salvador– o Goberno pechou o acceso a todas as compras da pandemia. Tivemos unha corentena moi estrita e foi moi difícil saír á rúa. Aínda así, fomos capaces de confirmar grandes escándalos de corrupción con esas compras e publicámolas. Canto máis publicas estes temas máis difícil se fai o traballo.

Imaxino que outra cousa que tamén fará difícil o traballo será Pegasus. 22 xornalistas do seu xornal foron espiados con este software. Cre que se depurarán responsabilidades? Non. Non se van depurar porque no meu país Bukele controla todo o aceso á información, non ten contrapesos e polo tanto non hai nada que o condicione para investigar iso. E o outro Estado responsable da espionaxe, Israel, segue camiñando impune sen que a comunidade internacional se atreva a esixirlle que entregue informes sobre a utilización do software.

Agora que fala da comunidade internacional, cre que estas visitas que vostede está facendo polo Estado español van espertar algo nesa comunidade? Eu vin aquí convidado pola Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), unha organización coa que temos algúns acordos. Estou aproveitando porque ACPP cre que en España non teñen suficiente información sobre o que pasa en El Salvador e que podería darlle información de primeira man e someterme a preguntas por se alguén tiña dúbidas. Nese sentido eu o que estou facendo é iso, informar, non estou pedindo nada, non creo que me competa. E cando me preguntan, porque me reunín con parlamentarios, «que podemos facer?», dígolles que iso é cuestión de vostedes. O único que non poden facer xa é finxir que non sabían o que estaba a pasar en El Salvador. E se acaso dubidan do que lles estou dicindo, poden corroborar e tomar decisións, pero non digan que non escoitaron isto.

Carlos Dada durante a súa intervención en Compostela a finais de maio.

A situación é difícil en El Salvador para xornalistas en xeral, pero as mulleres xornalistas téñeno especialmente complicado, non? Si, porque hai un montón de violencia de xénero expresada contra elas en redes sociais. As mulleres en todo o mundo, pero sobre todo en países como o meu, son moito máis vulnerables que os homes.

«(Se rompió el acuerdo) porque ellos (el Gobierno) hicieron cosas que no tenían que hacer, desde ahí es por lo que se levantaron esos 80 muertos que pasaron en esas fechas, ¿me explico? Incumplieron, hicieron capturas que no tenían que hacer, donde ellos dijeron ‘lleguen a tal lugar, vamos a dialogar’ y, en lugar de dialogar, capturaron».

Quen fala é un líder da mara Salvatrucha (MS-13). Trátase dunha das gravacións publicadas por El Faro nas que se demostra que o Goberno negociaba coas cuadrillas. A ruptura de dito pacto, que o Executivo segue negando, tivo como consecuencia 87 asasinatos, na que foi a fin de semana máis violenta do século en El Salvador.

Veñen de publicar unha exclusiva na que se demostra con gravacións que o Goberno tiña conversas coas maras. Que impacto pode ter isto no seu país?  A xulgar polo número de lecturas en El Faro, que saturaron o sitio, a nova leuse moitísimo. Pero non hai tantas expresións en El Salvador arredor disto como talvez se agardaría noutros tempos. Probablemente, porque reproducir estas mensaxes está tamén tipificado na lei. Incluso hai máis dalgún medio que decidiu non publicar isto e que nos fixo saber directamente: «Non o publico porque non queremos que nos metan no cárcere por mencionar o que vostedes están facendo». Nesta nova ademais había voces de cuadrilleiros que confirmaban algunhas cousas, e iso pode ser tipificado por un xuíz como violación da «lei mordaza» e, por tanto, pon en risco a moita xente.

Falando das maras, dicía noutra entrevista que ningún presidente sentou realmente para abordar este problema. Como se podería facer? Son xornalista, non experto niso, pero o que din é que se necesita unha abordaxe integral: presenza do Estado nesas comunidades, darlles outras oportunidades a eses nenos que non sexa só a de ingresar nesas cuadrillas. Necesitas iso, sacalos adiante, porque moitos deses nenos que se converten en cuadrilleiros non teñen outro lugar que lles dea algunha identidade, que lles dea algunha esencia, que poidan sentir que teñen algún tipo de control sobre as súas vidas. Porque o Estado foi incapaz de ofrecerlles iso. Por aí deberiamos buscar a resposta. Cando ves un neno de 8 ou 9 anos que se meteu nas cuadrillas, nenos de 10 anos que participan en violacións masivas… O que se está a facer: capturalos, metelos no cárcere e crucificalos publicamente por ser terroristas. Cando un neno de 10 anos fai esas cousas probablemente deberiamos buscar noutro lado onde están as responsabilidades, e non no neno de 10 anos, por máis cousas malas que fixera.

E ten a impresión de que as novas de El Faro chegan á sociedade de a pé? Ben, o presidente Bukele fíxonos moita publicidade.

A biografía de Twitter do presidente de El Salvador.

Para ben e para mal.  Pois si. Como dicía Oscar Wilde: «Que falen, aínda que sexa ben».

Porque Bukele ten un 80% de popularidade. Como se explica iso? Bukele beneficiouse da crise da democracia e logrou atopar no sistema político tradicional e na democracia un obxectivo ao que culpar de todos os males, e que lle permitiu concentrar poder baixo o aplauso da xente. A maioría dos salvadoreños non só están frustrados, viven en condicións de supervivencia en todos os sentidos. Non só polas súas condicións económicas, senón tamén polas condicións de seguridade, ameazados polas maras. Nese contexto non é moi difícil gañalos se os convences de que alguén máis os enganou. E entón van aplaudir a rabiar, necesitan agarrarse a algunha esperanza.

E quen é o chibo expiatorio? Os políticos de antes. Os políticos aos que el destronou máis os medios de comunicación que lle son críticos e que el di que inventan cousas porque defenden os corruptos e son os inimigos do pobo. Este é un discurso que callou moi ben.

Fala vostede de crise da democracia. En El Salvador a democracia está débil ou é que xa non hai democracia? Eu creo que tecnicamente o único que nos queda de democracia é o voto. Se o presidente destitúe o Tribunal Supremo, nomea os maxistrados e a primeira resolución destes maxistrados é reinterpretar a Constitución para permitir a súa reelección, a min paréceme que xa non hai garantías constitucionais nin Estado de Dereito; e isto son condicións necesarias para a democracia.

Maxistrados, xornalistas… hai un exilio de voces disidentes. Que futuro lle agarda a un país onde todas estas voces teñen que marchar? Non é o primeiro exilio que sofre o país. Isto toma algún tempo, é complicado, pero vaise terminar.

Entón, ve o futuro con optimismo?  A historia é moi dinámica e cíclica, e só nós separamos en capítulos. Pero a historia é unha narrativa continua, e hai elementos que non somos capaces de ver que se van metendo e que permiten prolongar períodos indesexables ou acurtalos. O único que sabemos é que todo remata. Hai unha crise de democracia en todo o mundo, probablemente polas mesmas razóns. A xente non se sentiu correspondida pola confianza que depositou nas democracias. Hai unha transición cara a algo que non sabemos que é aínda. E non sabemos que é, non porque sexa un segredo ou estea oculto, senón porque é unha transición dinámica. Eu creo que todos os que temos privilexios, que temos as necesidades básicas resoltas, estamos obrigados a contribuír a que o destino desta transición sexa mellor do que sería se non contribuímos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail