As familias de dúas residencias privadas piden á Xunta que as interveña por dous brotes «masivos» de covid

Denuncian que as baixas do persoal contaxiado deixaron os internos desasistidos, desesperados e mesmo pasando fame

A Coruña.- A Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE) vén de reclamar á Xunta que interveña dúas residencias de Vigo e Santiago, xestionadas por empresas privadas e nas que se detectaron dous brotes «masivos» de covid que afectan a residentes e traballadoras.

As familias denuncian que as baixas deixaron aos centros sen o persoal necesario para garantir o adecuado coidado dos internos, que se atoparían desasistidos, desesperados e mesmo pasando fame.

A primeira é o centro de maiores de Bembrive, en Vigo, propiedade da Administración autonómica pero xestionada pola empresa DomusVi, propiedade do fondo de investimento británico Intermediate Capital Group e do multimillonario francés Yves Journel. Segundo a Consellería de Política Social do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que dirixe Fabiola García, nela están infectados 106 dos 150 residentes, é dicir máis do 70%, así como trece das súas traballadoras.

Segundo as familias, en realidade están contaxiadas catorce das 45 xericultoras con que conta o centro, é dicir a terceira parte do persoal de atención directa aos maiores. A residencia de Bembrive está situada preto do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD-1) da localidade xestionado directamente pola Xunta, a maior instalación para maiores de Galicia e onde as familias denunciaron antes das festas de nadal un novo brote do que a Xunta non as informou ata varios días despois de detectalo.

A segunda residencia é A Raiola O Hórreo, inaugurada no centro urbano de Santiago hai trece meses, en plena epidemia, e onde segundo o Executivo de Feijóo estaban infectados o pasado mércores 27 dos seus 37 residentes e seis das súas 21 traballadoras. As familias, con datos obtidos a través do persoal do centro, elevaron esas cifras o venres a 34 residentes e dez traballadoras, entre elas oito das catorce xericultoras.

Residencia A Raiola O Hórreo, en Santiago / Foto: Street View

A Raiola é propiedade do empresario Marcos Núñez Regueira e está dirixida por Gloria García, ex directora da residencia DomusVi de San Lázaro, na que morreron por mor do covid 53 dos seus 160 internos durante as primeiras ondas da epidemia. Segundo REDE, A Raiola é o centro con peores cifras de contaxios durante a sexta onda das máis de 5.500 residencias de maiores e dependentes que hai en todo o Estado español.

«É unha tolemia absoluta», asegura Paulino Campos, presidente da asociación, que cualifica de «espantosas» as cifras de contaxios e que critica que nin a Xunta nin as empresas que xestionan as residencias informasen «con transparencia e suficiencia» ás familias.

Segundo asegura unha das traballadoras da Raiola, a situación alí é crítica, cos internos «alterados e crispados» porque desde hai días non lles deixan saír a dar o habitual paseo vespertino polos arredores do centro. Segundo a súa versión, deambulan «como zombis», non reciben unha alimentación adecuada e algúns mesmo chegan a pasar pasan fame, pois ninguén os atende nas habitacións se non poden levantarse da cama, nin sequera para facerlles os preceptivos cambios de cueiro durante a noite.

Os primeiros datos dos brotes nas dúas residencias coñecéronse a semana pasada, cando xa se detectaron oficialmente dezasete contaxios entre os internos da Raiola o pasado 7 de xaneiro. En Bembrive, tras o cambio de ano, catro traballadoras deron positivo, pero os familiares dos usuarios non souberon nada ata varios días despois, o 8 de xaneiro, cando a Xunta informou de que entón xa había ao redor de oitenta residentes contaxiados.

«Política Social habituouse a dar información dos casos positivos en residencias só unha vez á semana, cada mércores, o que sitúa nunha evidente indefensión a moitos familiares e cidadáns que se ven orfos dunha comunicación chave para ter mellor perspectiva do estado real da pandemia nestes centros», explica Campos.

Feijóo, na toma de posesión de Fabiola García / Foto: Xunta

A Xunta asegura que segue «con detemento a evolución da situación» nas dúas residencias, pero que, dado que a práctica totalidade dos contaxiados son totalmente asintomáticos ou presentan síntomas leves «a situación é de normalidade e tranquilidade».

«Desde o inicio da pandemia Galicia foi unha das primeiras comunidades en intervir centros privados sempre que foi necesario», aseguran fontes da Consellería de Política Social. «Esta necesidade determinouse pola capacidade das residencias para xestionar e velar polo benestar dos seus usuarios, non polo número de positivos», insisten.

As familias cuestionan con datos que fose así e que ese modelo funcione, porque, tal e como lembran, aínda que menos do 1% da poboación galega vive en residencias, nelas producíronse máis do 43% de todas as mortes por covid ocorridas na comunidade desde o inicio da emerxencia sanitaria en marzo do 2020.

Á marxe de que a vacinación e de que a menor virulencia da nova cepa de covid signifique un menor risco para os maiores, a maior preocupación de quen teñen os seus seres queridos internados en DomusVi Bembrive e na Raiola é saber agora se están ben atendidos, tendo en conta o elevado número de baixas entre o persoal que debe coidalo.

«Non sabemos se puideron facer todas as suplencias, estamos nunha situación de intranquilidade total», asegura a Luzes-Público un familiar directo dunha residente de 97 anos de Bembrive que deu positivo hai unha semana, e que prefire gardar o seu anonimato. «A Xunta díxonos que teñen un plan de continxencia para cubrir as baixas de persoal nas residencias privadas, pero non sabemos se o activaron ou non», asegura esta persoa.

Outro familiar que ten á súa nai, de 94 anos, ingresada na Raiola, asegura que cre que «está ben tratada» e afirma que o centro o mantén informado sobre o seu estado, pero tamén mostra a súa preocupación porque «queda moi pouco persoal para todos os maiores que hai no centro». «O que pasou nas residencias durante as primeiras ondas da epidemia foi un masacre, unha vergoña, non se pode permitir que se repita», conclúe.

Segundo datos da Xunta recollidos polo diario dixital Praza Pública, ata agosto pasado producíronse 790 mortes por covid vinculadas aos centros xeriátricos da comunidade. A Consellería de Sanidade informou este sábado de que en Galicia hai case 70.000 persoas contaxiadas polo virus.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail