José Blanco, con Acento

José Blanco (Ferreira, Palas de Rei, Lugo, 1962) goza dunha merecida fama de triunfador. Fillo dun modesto peón camiñeiro, ascendeu chanzo a chanzo desde unha concellería na oposición na súa vila ata converterse nunha das figuras políticas máis relevantes da política galega e española durante os convulsos anos cero. Si, os da caída de Aznar e Fraga, os do Prestige e o 11M, do bipartito da Xunta e de Rajoy na oposición no Congreso. El foi o fontaneiro dos liderados de Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero, que acabaron con aqueles gobernos da dereita que entón parecían eternos, e chegou a ser un dos tipos máis poderosos do país. Primeiro como omnipotente secretario de organización do PSOE entre 2000 e 2008 e logo como ministro de Fomento entre 2009 e 2011. Aínda que empezou a súa carreira política –deixou Dereito para dedicarse a ela– perdendo as eleccións á alcaldía de Palas, desde entón non lle foi nada mal. Todo un gañador feito a si mesmo.

Blanco tamén é o fundador de Acento Public Affairs, que a multinacional portuguesa Altri escolleu como sherpa para guiala polos escuros labirintos de intereses políticos e empresariais que comunican San Caetano coa Moncloa e o Berlyamont –a sede da Comisión Europea en Bruxelas–, para aterrar o seu proxecto de instalar unha monstruosa fábrica de celulosa precisamente no seu municipio natal, onde aínda pasa as súas vacacións.
Monstruosa, dicimos, polo enorme volume de recursos naturais que absorbería a fábrica, que promovería aínda máis plantacións de eucaliptos no monte galego; pola inxente cantidade de augas contaminadas que vertería ao río Ulla e que viaxarían desde A Ulloa ata os bancos marisqueiros de Arousa; porque emitiría á atmosfera miles de toneladas anuais de gases e partículas tóxicas. Aprecie o lector que para os tempos verbais deste parágrafo se elixiu non o futuro perfecto senón o condicional, obrigada deferencia á eficacia da contestación social a Altri que logrou comprometer a todo un país en contra de semellante exceso.

Collage de Diego Giráldez.

Quen en tempos compartiron vivencias políticas con Blanco durante a súa época triunfal –esa na que presidía consellos de ministros europeos, inauguraba AVEs que logo se estampaban e atendía a empresarios corruptos nas gasolineiras dentro do seu coche oficial– coinciden en que unha das claves do seu éxito residía en atraer os seus opoñente políticos ao carril do consenso. Que non dubidaba en contratar para o seu equipo persoas que previamente o criticaran sen medida, mesmo en público e a viva voz. En Acento fixo o mesmo: fundou a empresa asesora de Altri en sociedade con Alfonso Alonso, exministro de Rajoy e exportavoz parlamentario no Congreso con quen se tiña enfrontado con impostada dureza en numerosas ocasións.

A consultora de Blanco é un poderoso lobby (a consultora hoxe que máis factura en España) de portas xiratorias abertas a destra e sinistra que atravesan a diario, xuntos da man, exaltos cargos socialistas como Joan ClosValeriano Gomez e Elena Valenciano e exmembros dos gobernos de Aznar e Rajoy como Elena Pisonero e José María Lassalle. As súas últimas apostas tamén lle saíron ben coa incorporación de María Lledó, exsecretaria de Relacións coa UE de Pedro Sánchez, e do militar Ignacio Bengochea, que foi segundo xefe do Estado Maior do Exército do Aire. Hai uns anos tamén quixo fichar os exministros Alberto Ruíz Gallardón (PP) e Alberto Garzón (EU), pero eles declinaran a oferta.

Blanco pretende estirar a súa racha, que dura décadas, e triunfar agora no seu último envite, que a oposición a Altri en Galicia converteu en órdago. Vista a súa traxectoría cabería pensar que el non contempla a posibilidade dunha derrota, pero ollo co que lles pasa sempre a todos os gañadores: só o son ata que un día perden.

Este artigo publicouse no número de abril de 2025 da revista Luzes. Fontes próximas a José Blanco indicaron a Luzes-Público que desde hai varias semanas Altri xa non é cliente de Acento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail