A Coruña.- A Xunta de Galicia empezou a derivar a clínicas privadas a pacientes de urxencias que acoden aos centros públicos de saúde, polo colapso dos servizos de atención urxente en varios grandes hospitais da comunidade por falta de persoal, especialmente de médicas e enfermeiros.
A medida adoptouse en plena onda de protestas polos recortes na sanidade pública, e coñeceuse o mesmo día no que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) por vulnerar os dereitos dos médicos de atención primaria, sobrecargándoles de traballo ao non dimensionar adecuadamente os persoais.
O diario dixital Galicia Press publicou este martes que varios pacientes dos hospitais públicos Montecelo e Provincial de Pontevedra tiveran que ser trasladados a fin de semana ao hospital privado Quirónsalud Miguel Domínguez, pola imposibilidade de que os médicos de urxencias da sanidade pública puidesen atendelos.
O día anterior, a deputada autonómica do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Montserrat Prado advertira da situación de «colapso» das urxencias deses hospitais. O mesmo martes, a Confederación Intersindical Galega alertou de que o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo -o máis grande de Galicia- ordenara trasladar á clínica privada Vithas da cidade a varios enfermos de urxencias que a última hora da mañá non puideran ser atendidos.
A Xunta non quixo confirmar onte a Luzes-Público cantos pacientes de Pontevedra foran derivados a clínicas privadas, nin se a situación repetiuse noutras áreas sanitarias de Galicia. O departamento de Comunicación do Sergas limitouse a enviar un audio no que o conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, resta importancia á situación e explica que, ao seu xuízo, non se trata de ningún «colapso»: «Cando unha cousa colapsa é que deixa de funcionar, e aquí, afortunadamente, ningún servizo colapsou», dixo.
No mesmo audio, García Comesaña achaca que os hospitais públicos non puideron atender a enfermos de urxencias debido á «maior afluencia de pacientes», e a que a semana pasada, con dous días festivos, «foi unha semana complexa con moitos profesionais gozando do seu merecido descanso». Na súa declaración, na que elude calquera responsabilidade, o conselleiro tamén suaviza o asunto explicando que a única molestia que sofren os usuarios é que «teñen que esperar un pouco máis» para ser atendidos.
Fronte a esa versión, sindicatos, oposición, asociacións de profesionais e usuarios da sanidade pública sosteñen que os recortes da Xunta no orzamento sanitario teñen deixado aos hospitais sen os recursos humanos necesarios para atender correctamente aos pacientes. Luzes-Público puido confirmar que varios deles expuxeron queixas por soportar esperas de máis de oito horas nas urxencias dos hospitais de Vigo e Pontevedra, nalgúns casos con nenos pequenos agardando durante todo ese tempo sen recibir atención.
Ademais, tanto as xuntas de persoal como as asociacións de pacientes e usuarios doutros hospitais públicos, como os da Coruña e Santiago, levan semanas alertando dos colapsos recorrentes nos servizos de urxencias, con pacientes encamados nos corredores, en padiolas ou en cadeiras de rodas, esperando horas a ser atendidos ou para obter praza nunha cama de planta cando a súa situación é grave e precisan de ingreso.
No hospital Clínico de Santiago, que dirixe a curmá do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, Eloína Núñez Masid, a Asociación de Pacientes e Usuarios asegura que nas dúas últimas semanas «a situación de colapso en Urxencias é o normal». «O 2 de decembro ás 15.16, once pacientes graves estaban aparcados nos corredores de acceso esperando a ser atendidos, mentres outros 27 con ingreso en planta asinado ocupaban as zonas de atención. O 10 de decembro ás 22.04 había no corredor 20 pacientes graves e 28 con ingreso asinado esperaban por unha cama» sosteñen fontes da asociación. «Eeste mesmo martes ao mediodía, aseguran, había en urxencias “41 pacientes con ingreso asinado esperando por unna cama en planta», engaden.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acudiu onte pola mañá ao hospital Montecelo de Pontevedra e acusou o Executivo de Alfonso Rueda de facer «unha xestión caótica da sanidade» que, na súa opinión, «pon en perigo a saúde dos galegos e das galegas».
Pontón, que posteriormente participou nunha protesta ás portas do centro xunto ao alcalde da localidade, Miguel Anxo Fernández Lores, do seu mesmo partido e médico de profesión, esixiu a Rueda que compareza no Parlamento de Galicia e que adopte medidas inmediatas pola «situación de colapso da atención primaria e das urxencias en Galicia».
Pontón lembrou que o BNG propuxo un programa de 50 millóns de euros para incorporar novos servizos nos centros de saúde; outro de 149 millóns para eliminar as listas de espera, e un plan de rescate da atención primaria en Galicia con 200 millóns de euros para sufragar a dotación dos medios humanos e materiais que, ao seu xuízo, precisa. «É por pura decencia, está en xogo a saúde da poboación», xustificou a líder do BNG.
Precisamente, onte coñeceuse unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condena á Xunta por non avaliar os riscos laborais dos médicos de atención primaria pola «desproporcionada» carga de traballo que soportan. O TSXG estima así parte da demanda do sindicato O’mega, e obriga ao Sergas para avaliar a carga de traballo e os riscos dos postos específicos dos profesionais médicos.