Celso Emilio Ferreiro procurador, a cara B do poeta

A bordo do Hope, un barco baleeiro con base no porto escocés de Peterhead, Arthur Conan Doyle exerceu como cirurxián nunha viaxe aos mares boreales antes de publicar o seu primeiro relato sobre o Ártico, O capitán do Pole Star. Franz Kafka foi redactor diurno de informes de accidentes laborais e George Orwell traballou como fregapratos nun hotel de París para coñecer a vida da xente de a pé antes do seu debut literario con Sen branca en París e Londres, onde narra con meticulosidade o mundo de miseria das xentes sen fogar. E na literatura galega, Celso Emilio Ferreiro foi procurador dos tribunais durante máis dunha década de prolífica produción literaria.

Celso Emilio exerce como un procurador social, traballando nos casos de contrabando do mercado da Pedra polos que en moitas veces non cobraba

Así o indican máis de medio cento de documentos inéditos descubertos polo Colexio de Procuradores de Vigo e que mostran a perspectiva profesional do poeta durante a súa estancia en Vigo entre 1950 e 1966. Un achado que dá luz a unha das facetas máis descoñecidas de Celso Emilio Ferreiro e que permite realizar novas interpretacións sobre a súa obra coa publicación de dous dos seus títulos máis recoñecidos durante o seu tempo como profesional da procura: Longa noite de pedra (1966) e O soño sulagado (1954).

O arquivo inclúe cartas inéditas do poeta galego. Punto GA Comunicación

Como procurador, Celso Emilio participou na primeira xunta de goberno do colexio vigués e incluso firmou os seus primeiros estatutos en 1957. Profesional polifacético, rexentaba un despacho na rúa Gil moi preto dos xulgados situados por aquel entón na rúa Princípe e exerce fundamentalmente como un procurador social, traballando nos casos de contrabando do mercado da Pedra polos que en moitas veces non cobraba.

A súa relación con artistas de vangarda levaría a moitos, entre eles Miró ou Picasso, a participar nunha edición de gravados con motivo da publicación de Longa noite de pedra.

Durante o seu tempo en Vigo como profesional da Xustiza, Ferreiro mantivo tamén unha intensa actividade na vida cultural. En 1956 e a partir dunha invitación de Camilo José Cela, o poeta de Celanova comezou a publicar regularmente na revista Papeles de Son Armadans, da que o de Iria Flavia era o seu director. Mais adiante, participa nas primeiras Conversacións poéticas de Formentor, nas que sementou a súa relación con moitos dos pintores e escultores de vangarda daquela época e que levaría a moitos artistas, entre os que se inclúen Miró ou Picasso, a participar nunha edición de gravados adicados ao poeta galego con motivo da publicación de Longa noite de pedra.

A descuberta dos documentos profesionais de Celso Emilio reflicte tamén a situación económica do poeta, que el mesmo explica nunha carta inédita de 1966, dirixida ao decano do Colexio de Procuradores de Vigo por aquel entón, Higinio Facorro só uns meses antes de marchar a Venezuela.

Membros do Colexio de Procuradores de Vigo e da fundación Celso Emilio Ferreiro no acto de presentación da iniciativa. Punto GA Comunicación

A faceta de Celso Emilio Ferreiro como procurador queda agora en mans da fundación Celso Emilio Ferreiro que custodiará os documentos para a súa conservación e estudo. Para celebrar o achado, o Colexio de Procuradores Vigo vén de nomear en xunta extraordinaria ao poeta como procurador de honra con motivo do 70ª aniversario da súa incorporación ao Colexio e desenvolverá durante o 2021 diversas iniciativas para por en valor a figura do profesional polifacético e o seu compromiso coa Xustiza.

O Doyle cirurxián, o Kafka redactor de accidentes laborais, o Orwell fregapratos e o Celso Emilio procurador aportan unha nova ollada sobre as súas obras. Unha cara B que explica moitas das liñas quemarcaron a literatura galega e internacional dos seus tempos. Celebramos o achado que, esperamos, permita tecer novos fíos no estudo dun dos poetas galegos máis importantes da nosa historia.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail