Se hai un concepto repetido ata a saciedade nos medios de comunicación e na rúa nas últimas semanas en torno ao xuízo a La Manada é o de sexo consentido. A partires das declaracións dos cinco individuos acusados de violaren a unha moza de 18 anos nun portal no San Fermín do ano pasado, o debate céntrase agora en se a suposta relación sexual foi consentida, como eles aseguran, ou non. Ou, o que é o mesmo, en salvagardar a súa presunción de inocencia á espera dunha sentencia xudicial.
As imaxes coas que os presuntos agresores quixeron deixar constancia gráfica da súa «fazaña» mostran unha moza en actitude «pasiva ou de rol neutro», tal como aseguran os policías que elaboraron o informe sobre os vídeos. Pero isto non parece suficiente para que certos medios e certa opinión pública consideren que a moza non consentiu a relación sexual.
Para simplificarmos o termo imos, pois, ao dicionario. A Real Academia Galega define consentir como «deixar que [alguén] faga o que queira», «deixar que [algo] sexa de determinada maneira» ou «non manifestar oposición a certa cousa». Descubrimos que nos tres casos o obxecto activo da acción non recae na persoa que consente, senón na que realiza a acción consentida. E a superioridade dese obxecto activo cando aplicamos o termo consentir a unha relación sexual causa arrepío.
O máis coherente e sensato non debería ser falar de sexo consentido, senón de sexo con sentido. Ese no que a palabra si xurde con letras maiúsculas e luces de neon ou, fóra de metáforas, sen o menor indicio de dúbida. Ese no que todos os participantes teñen acesos aos cinco sentidos e, por suposto, á consciencia.
Ninguén dubida de que o sexo é cousa de dous (ou máis), pero non entendemos que o coqueteo non significa un si, que os bicos non significan un si e que estar baixo os efectos do alcohol non significa un si.
Isto faise especialmente difícil de comprender nas relacións de parella, como revela o vídeo Je suis ordinaire creado pola francesa Chloe Fontaine, que causou unha enorme polémica por mostrar como violación unha relación sexual na que a muller se deixa facer ante a insistencia e a superioridade física do seu mozo.
Pasma que teñamos claro que dous non pelexan se un non quere, pero non que dous non practican sexo se unha non quere. Unha, porque nestes casos sempre falamos delas, e hai un motivo: a superioridade de xénero maniféstase no sexo -e no consentimento- igual que se manifesta nos salarios, na clase social ou o acceso aos postos de poder.
Chegará un día no que a ningún xuíz nin medio de comunicación se lle ocorra preguntar se a presunta vítima dunha violación é «moi ligona», se «pechou ben as pernas» ou se fixo «vida normal» despois da agresión. Pero, para iso, aínda queda moito que facer.