O Tribunal Supremo avala a sentenza que pon en dúbida a legalidade da estrutura directiva da CRTVG

A Coruña.- O Tribunal Supremo ven de rexeitar o recurso de casación presentado pola Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que considerou improcedente o cesamento dun alto directivo da empresa pública. Esta deberá agora readmitilo ou indemnizarlle con 173.303,95 euros.

Os sindicatos e o comité de empresa consideran que o fallo pon en dúbida a legalidade da estrutura directiva da CRTVG, na que unha trintena de persoas traballan con contratos de alta dirección cando os seus postos deberían ser provistos mediante unha oferta pública de emprego ou mediante o nomeamento de persoal propio da casa.

A CRTVG xestiona a radio e televisión públicas de titularidade autonómica e está dirixida por Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado en 2009 por Alberto Núñez Feijóo, e ao que o sucesor deste na Xunta, Alfonso Rueda, mantivo no seu cargo.

Sánchez Izquierdo acumula baixo os seus 14 anos de mandato centenares de sentenzas en contra dos xulgados do Social e do TSXG por despedimentos nulos ou improcedentes, sancións ilegais, violación dos dereitos sindicais, acoso laboral, persecución de xornalistas por motivos ideolóxicos, manipulación, discriminación de nais traballadoras, irregularidades na contratación de persoal e intentos de rebentar folgas con servizos mínimos abusivos.

Os feitos aos que se refire o auto desestimatorio do Supremo refírense a 2021, cando a CRTVG rescindiu unilateralmente o contrato de alta dirección que mantiña desde 1987 cun dos seus responsables do departamento de enxeñería, que estaba a piques de xubilarse e que recorreu o seu despedimento alegando que a relación que mantiña coa empresa era laboral convencional.

Sentenza do TSXG

A pesar de que o xuíz de primeira Instancia non lle deu a razón, a sala do social do TSXG estimou os argumentos da súa defensa e un ano despois considerou probado que as tarefas que exercía non eran de alta dirección, e que, como lles sucede a outros 27 directivos da casa que teñen ese mesmo tipo de contratos, non participaba «na toma de decisións en actos fundamentais de xestión da actividade empresarial».

É dicir, que a súa relación era laboral, que o seu posto debería ser cuberto polos mecanismos correspondentes que regulan a provisión deses cargos na Administración pública e que, en caso de despedimento, estaba protexido pola lexislación laboral que lle garante, pola data na que foi contratado, unha indemnización «de seis meses máis 45 días por ano de traballo cun máximo de 18 meses».

A CRTVG recorreu en casación diante do Tribunal Supremo, unha fórmula pensada para que o máximo órgano xurisdicional aplicara a doutrina no caso de que exista unha sentenza doutro tribunal autonómico de xustiza que houbera fallado en sentido contrario nun asunto similar.

Dado que o Supremo non admitiu a trámite o recurso da CRTVG, a sentenza do TSXG adquire plena firmeza e obriga á dirección de Sánchez Izquierdo a readmitir ao empregado ou a pagar con fondos públicos os 173.303,95 euros da súa indemnización.

Protesta dos “venres negros”, nunha imaxe de arquivo

A Confederación Intersindical Galega (CIG), o sindicato maioritario en Galicia, asegurou onte nun comunicado que «a firmeza adquirida pola sentenza do TSXG pon en dúbida a legalidade da maior parte da contratación de alta dirección» na compañía pública.

«Considerando unicamente o plano orgánico —dependencia xerárquica directa do director xeral— das 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección, 30 estarían en fraude de lei (directores/as e subdirectores/as de departamento e xefes/as de servizo), aínda que o número podería ser maior de ter en conta o plano material (o exercicio autónomo de poder inherente á titularidade xurídica da empresa e relativo aos seus obxectivos xerais)», di a CIG.

Igualdade, mérito e capacidade

«En consecuencia», engade o sindicato, a designación deste persoal directivo só pode realizarse «quer mediante convocatoria pública, con abrigo en sistemas de selección baseados nos principios de igualdade mérito e capacidade, quer mediante o nomeamento de persoas traballadoras do persoal». A CIG anunciou unha demanda de conflito colectivo para esixir que os postos directivos cúbranse conforme a lei.

A CRTVG, pola súa banda, explicou a Luzes-Público que a sentenza do TSXG agora avalada polo Supremo «está baseada nun vicio na formalidade contractual previo a 2007», o ano en que o a dirección de Sánchez Izquierdo asegura que traballador cesou dun dos contratos de alta dirección que tiña para «reincorporarse» ao outro que asinara.

«Das 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección [da CRTVG] 30 estarían en fraude de lei»

Engade ademais que o fallo do TSXG xa está «en fase de execución», aínda que non aclarou se polo pago de máis de 170.000 euros de diñeiro público para indemnizar a un traballador despedido ilegalmente a piques de xubilarse, ou asumindo os custos da súa reincorporación, é dicir abonándolle tamén con diñeiro público os salarios que lle correspondesen ata a súa xubilación por un traballo que non realizou porque a empresa prescindiu del.

«A actual dirección xeral, que tomou posesión no ano 2009 posteriormente a que se produciron estas irregularidades, debe ser agora quen execute a correspondente indemnización», engaden as fontes oficiais da empresa, que aseguran que se trata de «un caso similar ás máis de 700 demandas por cesión ilegal de traballadores ás que, a pesar de ter orixe previa ao ano 2009, tivo que facer fronte a actual dirección».

En canto á legalidade dos nomeamentos, a CRTVG sostén que, a pesar da literalidade da sentenza, esta «non compromete» a súa legalidade nin «as competencias atribuídas na estrutura directiva aos postos aos que está adscrita cada unha das persoas que o conforman» e que figuran na Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia.

Venres negros

Os traballadores levan cinco anos denunciando as irregularidades na xestión de Sánchez Izquierdo e a manipulación informativa dos medios públicos en favor do PP, mediante as protestas dos venres negros que organiza a plataforma Defende a Galega.

Tanto esa plataforma como o comité de empresa, os sindicatos e a oposición política denuncian ademais que o propio Sánchez Izquierdo leva 12 anos en situación irregular no seu cargo, xa que a propia Lei dous Medios Públicos do Audiovisial de Galicia á que apela a empresa, aprobada no Parlamento galego en 2011, establece que desde entón o director xeral debería ser elixido por unha maioría cualificada desa Cámara, maioría que o PP nunca tivo.

A mesma norma ordena que a CRTVG debería de contar cun consello de informativos que vele pola independencia e pluralidade dos seus servizos informativos, un organismo cuxa creación Sánchez Izquierdo bloquea desde hai 12 anos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail