A Coruña.- O comité intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) denunciou que a dirección da empresa pública que xestiona os medios de comunicación de titularidade autonómica iniciou unha nova «onda de represalias» contra os traballadores críticos, que nesta ocasión afecta directamente á presidenta do comité, Raquel Lema.
Segundo a Central Unitaria de Traballadoras (CUT), á que pertence Lema, a dirección enviou un requirimento no que esixe ao comité de empresa que aclare se a súa presidenta participou nun «incidente» ocorrido o pasado 16 de outubro que obrigaría a suspender a gravación dun dos programas da canle autonómica.
Trátase do espazo Digochiño, un programa infantil cuxa produción, segundo os traballadores, sería externalizada en setembro pasado a unha produtora privada. Este espazo, con todo, seguiría utilizando os medios e recursos públicos para que o seu persoal poida gravalo.
O 19 de outubro, un grupo de traballadores, entre eles varios membros do comité de empresa, dirixiuse ao estudo número cinco da Televisión de Galicia tras saber que catro empregados da compañía privada estaban nas instalacións «gravando cun teléfono móbil e utilizando o decorado do programa e a iluminación propia do estudio».
Segundo informaron a Luzes-Público fontes do comité de empresa, eses catro traballadores, ata entón contratados en precario pola CRTVG, serían derivados á produtora sen que a dirección da empresa pública houbese informado á representación social, como é a súa obrigación.
Expediente sancionador
Por mor da irrupción dos traballadores no estudo, a dirección abriu actuacións previas ao expediente sancionador, e dirixiuse a Lema para que a presidenta do comité intercentros manifeste se é certo que acudiu ese día ao estudio número cinco, se o fixo en nome propio, do seu sindicato ou do propio comité, e que identifique o resto das persoas que acudiron ao estudo.
«O comité da CRTVG denuncia esta nova actuación represiva, que considera un intento de ameaza co que a dirección pretende que a representación sindical da radiotelevisión pública deixe de exercer as súas funcións de control e vixilancia da lexislación laboral, neste caso no que afecga á fraudulencia dos contratos».
Tras reunirse o pasado luns para estudar o escrito, o comité intercentros cualifícao como «un grave ataque á representación legal do persoal» e advirte de que a dirección pretende presionar para que esta «deixe de exercer as súas funcións de control e vixilancia da lexislación laboral, neste caso no que alcanza á fraudulencia dos contratos».
O comité lembra que a Inspección de Traballo acaba de sancionar á CRTVG por usar de forma fraudulenta os contratos artísticos para cubrir baixas e substitucións do persoal de persoal, e que o ente «acumula máis de 400 sentenzas condenatorias por cesión ilegal de traballadoras e uso abusivo e ilegal da contratación temporal».

Con posterioridade á publicación deste artigo, a CRTVG respondeu alegando que «é falso» que abrise un expediente informativo, e que se trata dunhas «dilixencias previas de investigación» tras recibir da empresa produtora un parte de incidencias polo sucedido o 19 de outubro, que inscribe na actuación normal cando recibe denuncias dese tipo do seu persoal ou das empresas coas que contrata.
Tamén para coñecer se, como denuncian os traballadores, varias pezas de Digochiño enviadas pola produtora privada tiveron que ser devoltas ao non alcanzar os estándares mínimos de calidade para que poidan ser emitidas, e que o decorado e atrezo do programa, propiedade da empresa pública, foron entregados á contratista sen custo algún. Ao peche deste artigo, non obtivemos resposta.
Irregularidades na xestión de Sánchez Izquierdo
A CRTVG está ao mando desde hai catorce anos de Alfonso Sánchez Izquierdo, que acumula centos de sentenzas en contra por manipulación informativa, persecución sindical, violación dos dereitos fundamentais dos traballadores, acoso a xornalistas críticos e irregularidades nas contratacións, entre outras.
O último revés xudicial foi o auto do Tribunal Supremo avalando unha sentenza que condena á empresa pública polo despedimento dun traballador contratado ilegalmente como alto directivo e cuxa indemnización custará 173.303,95 euros que deberán ser abonados con diñeiro público.
Segundo a Lei dous Medios Públicos do Audiovisual Galego, aprobada hai doce anos no Parlamento de Galicia, o cargo de Sánchez Izquierdo debe ser cuberto por unha persoa elixida por maioría cualificada desa cámara. O PP non a tivo nunca, e tanto o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o seu sucesor, Alfonso Rueda, optaron por mantelo no seu cargo.
A mesma norma prevé a creación dun consello de informativos que garanta a pluralidade e independencia dos servizos informativos e impida a manipulación das noticias en favor do PP, que os traballadores levan anos denunciando. Sánchez Izquierdo négase a constituílo.