A catástrofe do Prestige é un acontecemento que se atopa no límite da desmemoria. Certamente, podería ser un eco, unha resonancia. Unha ferida mal curada.
As 64.000 toneladas de fuel derramadas polo petroleiro en novembro de 2002 orixinaron un dos maiores ecocidios da historia de Europa. Unha neglixencia grave dentro do modelo decadente, contaminante e próximo ao colapso que alimenta o mundo, foi quen de sepultar centos de quilómetros de costa galega.
Friccións evoca o rastro de violencia que deixou na Costa da Morte o naufraxio do Prestige. A normalidade aparente tras dúas décadas despois do seu afundimento contrasta con aquilo que permanece oculto, soterrado, esquecido. Moitas das rochas conservan sobre a súa superficie unha escuridade que remite a trazas de chapapote. Nalgúns casos, a pegada resulta evidente; noutros, é doado confundila con elementos orgánicos semellantes. A presunción incorpórase como metodoloxía de traballo para reflexionar acerca das tensións existentes entre a erosión natural e a antrópica, entre a lembranza do accidente e a desaparición de todo vestixio.
Fotografar certos espazos e indicios permite reconstruír a memoria do acontecido. Ao mesmo tempo, axuda a alertar da súa posible repetición: o risco inminente continúa habitando o presente globalizado.